Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Versos con spray

Pinto Antón, J.A. - viernes, 07 de noviembre de 2025
O muro pintado de branco éche tentación irresistible para un ocioso cun spray ou para un artista anónimo. Noutros muros, os dixitais, amontóase o lixo e tamén aparecen obras de arte, de ironía, de cultura popular. Arte nas rúas. Arte nas prazas dixitais. Bansky. Convén desbrozar.
Hai, claro, quen aproveita para defecar con pintura. Para insultar e sinalar, iso tan fascista dos zascas. A violencia boomerang para humillar, ningunear ao outro, vólvese contra un.
Pintar versos é tarefa obrigada. Palabras quentes sobre o muro frío. Acuarela de versos. Caligrafía de metáforas. O muro como folla en branco que espreme a imaxinación, que obriga a escribir, que non aplaude cando rematas. Para vivir con ollos de neno: asombrosamente abertos. Hänsel e Gretel sinalizando con migallas de cores o camiño de volta, con palabras os camiños de ida cara á felicidade.
Paredes públicas e brancas. A miúdo enzoufadas de inxenio. Aínda que, ás veces, as emporcallen o 'enxeñeiros' do caos. Hai que reivindicar, con todas as cores do arco da vella e con palabras, os espazos de liberdade, de crítica social, de diálogo co silencio dos descoñecidos.
Un muro é algo vivo, aberto, ferida recente, unha ventá aos outros, trampolín sobre o horizonte. O muro pensa porque pensamos. E os pensamentos do cerebro plásmanse como fotografías de cores, sementes de palabras. Versos con tinta negra arando a superficie. Aquí e acolá, en Galicia florece a arte urbana. "A violonchelista" de Sfhir. "A dona do esteiro" de Lula Goce. "Corpora" de Joe33. Un pouco de beleza para tinguir o baldeiro, tanta fealdade. O "Xulio César", o garda civil abrazando a un neno de Diego As, que agora anda prantando un alecrín dourado no muro xigante dun patio interior do Hula, o hospital lugués.
Os murais urbanos, agora firmados, son xigantes coloridos, poemas con spray. Nos muros baldeiros e degradados. Ventás abertas aos ollos. Aos ventos. Cun teito de soles, de noite, de chuvia. Galerías de pintura na rúa. Arte dunha ollada. E versos. 'Góstame mirarme no teu espello de cal'. 'Non sabía qué poñer e vestín con versos'. 'Ben sabía que enfronte estaban os teus ollos'. 'Temo o silencio dos bos', '¡Malditas mil veces as guerras que asasinan nenos!'. 'As estrelas non teñen noivo'. Obras completas e miúdas de poesía anónima.
Claro que outras veces a grosería ergue a pata e mexa para marcar o territorio. Mancha, luxa e emporcalla. Ata que chegan elas, eles, os creadores de beleza e nos salvan. Ata que uns versos con spray nos fan mellores. Odio e amor con trazos grosos. Mentres o tempo calado dos muros brancos esvara tempo abaixo. E pinta, e canta, e berra e traza con pulsos firmes, temblorosos. Axitando no bote as cores dos grafitti, das pinturas, dos versos coa caligrafía do spray.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES