Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 15 de octubre de 2025
Dosificar os pensamentos
Dosifiquei os pensamentos. Pensar moito, por veces, esgótame. A maiores de que bastantes veces penso acelerado. E díxose sempre que as présas nunca son boas. As dos pensamentos, menos. Porque, estes, cando aparecen, intentamos seguir o seu ritmo ó momento, intentamos actuar xa. E, así, tan rapidamente, podemos escaldarnos. Si, mellor pensar con pachorra, paseniño, amodiño, dándolle tempo a que os miolos asimilen as presuntas accións, os supostos feitos. Pensar moito e correndo, ás veces, escangalla o hipotético resultado final.
Dosifiquei os pensamentos. Porque penso tanto que mesmo noto como me ferve a cabeza. Ou como mollo a almofada a causa da calor pensativa, meditabunda. Ou como dou voltas entre as sabas brancas. Porén, non só penso na cama; tamén penso andando, correndo ou facendo o parvo. Pensar estou sempre pensando. Porque... si, case sempre é bonito e barato.
O peor de dosificar os pensamentos é que, ó pensar tan lentamente, empezo a mesturar uns con outros. Ás veces fago tal nobelo que dubido que será peor: se pensar moito e correndo ou pensar pouco e amasándoos. Nesta vida todo se complica. Ata os pensamentos.
O absurdo xa chega cando mesturo pensamentos bos e malos, cando penso correndo e amodo. Todo nunha amasada que, ó final, ata poida que saia aceda, amarga. Como na vida; que quen moito abarca, pouco aperta. Unha carallada. Emporiso, en principio, sigo a dosificalos. Para que non me rebente a cabeza.
De cabeza a unha nube branca
Tireime de cabeza a unha nube branca de algodón. Levei un golpe da hostia. Pensaba que era toda mol, branda, pero no medio había un penedo máis grande que o de Barricobos, onde esculpira o escudo do Real Madrid alá polos anos da infancia (tamén hai que ser paspáns... esculpir algo que, como dicía miña nai, non me daba de comer).
Quen se imaxina que, no medio dunha nube, habería un penedo? O que non me pase a min... Agora, claro, teño practicamente todo roto; desde o pómulo esquerdo ata o xeonllo dereito. Porque caín de xeonllos e fun de fociños. A maiores do golpe no óso malar, máis da metade dos dentes foron ó carallo. O costelar xa non ten xeito, polo que nin podo iniciar un simulacro de esbirro; como moito, aguantar coma os heroes as contraccións deica que se me formen bágoas nos ollos. Por certo, o ollo esquerdo xa non sei a quen pertence: se a min ou a un habitante da República Democrática do Congo... polo da cor negra, digo. O ollo dereito supura visións apocalípticas. Catro dedos da man esquerda, rotos. Dous da man dereita, rotos. Catro dedas do pé dereito, rotos. Dúas dedas do pé esquerdo, rotos. Meu corpo... completamente escangallado.
A maldita nube branca de algodón. Que escondía no seu medio un gran penedo. No que xusto fun bater. Eu andaba no alto da serra de San Mamede. Vin todo o val do Medo cheo de nubes brancas de algodón. Era a ocasión. Collín un pouco de carreiriña e lanceime ó baleiro. O baleiro ata que cheguei á propia nube, que estaba alí, un pouco máis abaixo. Non contaba co penedo. Estou escribindo coa mente porque os dedos...

Rivas Delgado, Antonio