Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - viernes, 17 de octubre de 2025
O conflito de Gaza
Atopeime hai uns días co meu bo amigo Balbino na rúa cando os dous dedicabámonos a pasear pensado nos biosbardos. Bueno, nos biosbardos -sexa o que sexa iso- ocupábame eu, porque Balbino viña dándolle voltas a ese eterno conflito que, como unha maldición bíblica, arrasa Oriente Medio dende hai case oitenta anos, e máis concretamente desde 1947, cando as Nacións Unidas decidiron dividir Palestina en dous estados, un para a poboación árabe da zona e outra para a poboación xudía. A realidade é que destes dous estados tan só constituíuse o de Israel, posto que os restantes países da rexión xamais aceptaron a repartición e en consecuencia emprenderon unha guerra tras outra contra o estado xudeu que, grazas ás súas sucesivas vitorias militares, foi consolidándose e ampliando o seu territorio mentres minguaba o espazo inicialmente reservado para a poboación palestina. Co tempo xurdiron dúas zonas claramente diferenciadas nas que se concentra a poboación árabe que non é cidadá de Israel: a franxa de Gaza e Cisxordania. No ano 2006 celebráronse eleccións parlamentarias nestes dous territorios nas que quedou de manifesto a división existente entre os palestinos. Mentres que en Cisxordania Al Fatah, o partido ao que pertencera Yasser Arafat, conseguía a maioría, en Gaza era Hamas, un grupo cualificado como terrorista por numerosos gobernos, a que se facía co poder. Ámbalas dúas faccións son inimigas irreconciliables e os seus enfrontamentos chegaron ao seu momento máis crítico en xuño de 2007, cando estala entre elas unha guerra civil que causou decenas de mortos nas rúas da cidade de Gaza. Esta división que neste momento parece imposible de superar impediu a creación dun estado palestino independente, unha dificultade que viuse agravada polo afán de vinganza contra Israel que tivo a milicia de Hamas dende que se fixeron co control da Franxa. Durante anos boa parte da axuda internacional que se recibía en Gaza para aliviar a situación da súa numerosa poboación foi destinada por Hamas para a creación dunha infraestrutura de guerra, coa construción dunha densa rede de túneles onde agochaban os seus cuarteis e os arsenais de armas, contando para iso co apoio do réxime iraniano.
A difícil convivencia de Israel cos países árabes comezou a mellorar trala sinatura dos Acordos de Abraham en 2020, polos que algúns estados musulmáns normalizaban as súas relacións co estado xudeu. Pero a reacción de Hamas ante esta nova situación foi o ataque do 7 de outubro de 2023, no que mil douscentos cidadáns israelís foron torturados, asasinados ou secuestrados. A barbarie conlevou que se queimasen vivas a familias enteiras, un horror que provocou a reacción de Israel co bombardeo e posterior ocupación da Franxa que converteu á poboación gazatí en vítima dunha guerra atroz con masacres, destrucións sen termo e unha terrible fame negra que causou miles de mortos.
Con todo, o horror da guerra de Gaza, que parecía que non ía terminar máis que coa desaparición da poboación da Franxa, tivo un sorprendente e esperanzador final hai só unhas semanas, cando o presidente americano fixo seu o plan de paz ideado por Qatar e outros países árabes e, tras negocialo cos dous bandos en guerra, conseguiuse a tan desexada tregua e a liberación dos reféns israelís a cambio de presos palestinos. O meu amigo Balbino, que é un optimista que sempre ve o vaso medio cheo, está feliz por este triunfo da diplomacia e cre, esperemos que con fundamento, que pode ser o comezo dunha paz duradeira na rexión, para o que é necesario acabar con décadas de odio e afán de vinganza, permitindo a reconstrución de Gaza e a creación no futuro dun verdadeiro estado palestino que conviva en paz co seu veciño Israel, tal e como foi acordado no seu día polas Nacións Unidas.
Mais Balbino tamén lle viña dando voltas á participación de España na resolución do conflito que segundo o señor Albares, actual ministro de asuntos exteriores español, foi decisiva. É isto certo? Vexamos...
España decidiu no seu día recoñecer o estado palestino, isto é innegable. Mais, se queremos ser xustos, o noso país non foi o primeiro en facelo posto que a maioría dos membros da ONU tomaran esta decisión con anterioridade e nunhas circunstancias menos polémicas. Por tanto, non parece que esta resolución favorecese o fin da guerra.
O goberno de Sánchez pediu tamén a expulsión de Israel do festival de Eurovisión, o cal seguramente causou fonda preocupación entre a poboación israelí polas terribles consecuencias que isto podía provocar, pero non parece que fose transcendental para o remate do conflito. En canto á advertencia de que TVE non participaría no festival se non se expulsaba a Israel, quizais foi máis un alivio entre o resto de participantes que unha advertencia se temos en conta o papel bastante mellorable que adoita facer a representación española neste evento musical.
Durante o último mes os medios de comunicación españois seguiron con interese a odisea emprendida dende Barcelona por un grupo de nautas e aventureiros con destino a Gaza coñecida como a Flotilla da Liberdade na que se embarcaron políticos, activistas e ata unha coñecida influencer. O goberno español apoiou esta aventura cun barco de guerra que acompañou aos intrépidos navegantes nunha travesía un tanto errática que podía realizarse nunha semana e que non se sabe moi ben que fins perseguía. En principio díxose que pretendían levar axuda humanitaria á Franxa, pero ao parecer os barcos chegaron practicamente baleiros. Esta singular aventura rematou cando os navegantes chegaron a augas controladas pola Mariña israelí, que finalmente os detivo e repatriou aos seus países de orixe, correndo o estado español cos gastos de regreso dos seus cidadáns a territorio patrio (cousa que, por certo, non fixeron outros gobernos que, como o portugués, obrigou a que os seus pagasen do seu propio peto o billete de volta). Tralo seu feliz termo, non parece que o resultado desta expedición fose moi exitoso, polo cal moito nos tememos que tampouco foi un dos motivos polos que a guerra terminou.
Nun alarde de audacia o goberno de Pedro Sánchez acordou o embargo de armas sobre Israel, o cal podería ser decisivo se este país dependese de nós para armarse e soster a guerra... Pero o certo é que a Israel impórtalle máis ben pouco que non lle vendamos os nosos produtos porque dependemos máis nós deles que eles de nós.
Por último algúns sindicatos decidiron organizar unha xornada de paro de ámbito nacional para mostrar o seu rexeitamento á guerra... Aínda que o malo é que esta xornada celébrase xusto cando a guerra xa terminou, polo que non se entende moi ben que obxectivos persegue esta folga que, dende logo, non son laborais.
En conclusión, segundo o meu bo amigo Balbino habemos de dar a razón ao ministro Albares: certamente as medidas adoptadas por España foron decisivas para poñer fin a esta horrible guerra. Seica alguén pode albergar algunha dúbida? Pois iso...

Curros Neira, Jesús