Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

China, de Ucraína a Gaza

Ríos, Xulio - jueves, 16 de octubre de 2025
Na asemblea xeral que a ONU celebrou en New York, o Presidente Volodymyr Zelensky, voltou pedir a China que presione a Rusia para que acepte un cese das hostilidades. Na mesma tribuna, o colombiano Gustavo Petro instaba a China a ser parte dunha acción militar para frear o xenocidio israelí. Pero, que tanto pode facer China para traer a paz?...
China, de Ucraína a Gaza
O primeiro a considerar é que, en efecto, China é unha gran potencia económica, comercial e ata tecnolóxica, pero noutros ámbitos (político, seguridade, estratéxico) é moito o que aínda lle falta por percorrer para trascender as actuais asimetrías. Por outra banda, importa sinalar as diferenzas de principios e de políticas. O enfoque das relacións internacionais por parte de China está moi afastado da premisa daqueles que postulan a idea de "lograr a paz a través da forza". Pola contra, segue teimando na idea de "lograr a paz a través do desenvolvemento". É por iso que a carta de presentación preferente de China en todo o mundo son os portos, as estradas, as fábricas, e non as bases militares ou os acordos de defensa. A economía é a punta de lanza da súa estratexia internacional e por iso tamén aspira a construir relacións con socios e non con aliados.

En canto aos principios, importa referir: a soberanía, entendida en sentido amplo, é dicir, tanto afecta ao marco físico como ao sistema político ou económico; a integridade territorial: China, por exemplo, non recoñeceu a anexión de Crimea por parte de Rusia e non recoñecerá a anexión de Gaza por parte de Israel; a seguridade compartida, non dun país a expensas de outro, un factor moi presente en ambas as dúas guerras que nos preocupan; a plasmación de consensos alargados que faciliten as solucións políticas e diplomáticas; o outorgamento á ONU dun papel referencial para a lexitimidade dos acordos.

Este esquelete inspira as actitudes de China ante as guerras en Ucraína e Gaza. Os 12 puntos para unha solución política (2023) e o coliderado con Brasil no caso de Kiev, ou o acordo de reconciliación labrado coas faccións palestinas, Fatah e Hamas, en 2024, apuntan nesa dirección, apuntalando a condición preferente de país mediador, reforzado co sinalamento de enviados especiais para ambos os dous conflitos como Li Hui e Zhai Jun, diplomáticos experimentados. China, reitera, non creou estes problemas, responsabilizando a outros actores, pero non lle importa entrar na solución. A dificultade radica en que non secunda exactamente as teses occidentais aínda que existe unha ampla marxe para a converxencia. A lóxica mediadora é un aspecto central no seu discurso estratéxico pero non goza de espazo suficiente para abrirse camiño. Washington segue a ser un actor determinante nestas crises, fronte a unha presenza moi recente de China nestes escenarios.

Estabilidade, unha palabra maior
Tanto en Oriente Medio como en Europa, China ten importantes intereses económicos que protexer, cousa que afronta cunha orientación de longo prazo. Esa perspectiva xustifica un compromiso firme coa estabilidade. Téñase en conta que China é un dos maiores socios comerciais da práctica totalidade dos países do mundo. Para manter a súa economía, necesita importar enormes cantidades de enerxía e materias primas, e exportar os seus produtos manufacturados. As crises rexionais, como as de Ucraína ou Oriente Medio, interrompen as cadeas de subministración, afectan os prezos da enerxía e crean incerteza nos mercados, prexudicando directamente a economía chinesa.

Proxectos como a Iniciativa da Franxa e a Ruta, buque insignia da política exterior chinesa, implican investimentos masivos en infraestruturas en máis de 150 países. Estes investimentos teñen un risco moi alto en entornos inestables. Polo tanto, China ten un interese directo en promover a estabilidade nas rexións onde inviste para protexer os seus activos e garantir un retorno do investimento.

A estratexia declarada de China é lograr un "ascenso pacífico". Isto significa aumentar a súa influencia global sen desencadear conflitos importantes nin alentar unha coalición liderada por Estados Unidos na súa contra. Apoiar abertamente cambios forzados nas fronteiras ou tomar partido en conflitos rexionais iría en contra desta estratexia e xeraría unha inestabilidade que prexudicaría os seus intereses.

China promove unha orde internacional multipolar (con varios centros de poder, non só os Estados Unidos) baseada no respecto á soberanía e a non interferencia. Aínda que esta postura ás veces é flexible en teoría, a inestabilidade adoita levar á intervención externa, algo que China rexeita por principio e porque podería aplicarse aos seus asuntos internos (como Taiwán, Xinjiang e o Tíbet).

A estabilidade é a base sobre a que constrúe toda a súa estratexia nacional e internacional. A nivel interno, é a condición para o crecemento económico e a lexitimidade do Partido Comunista. O proxecto do PCCh baséase en garantir a prosperidade continua e o fortalecemento do país. Isto require un crecemento económico sostido. O crecemento, á súa vez, depende dun ambiente extremadamente estable: estabilidade social, política e financeira. Calquera interrupción (conflito, sancións, inestabilidade) considérase unha ameaza directa.

A nivel internacional, é un requisito previo para a súa continua prosperidade económica (comercio, enerxía), para o éxito dos seus megaproxectos como a Franxa e a Ruta e para o seu ascenso global sen provocar confrontación directa.

Por esta razón, en crises como as de Ucraína ou Oriente Medio, a postura da China sempre semella cautelosa, ambigua e centrada en chamadas ao "diálogo" e á "paz". Isto non se debe (só) ao idealismo pacifista, senón a un pragmatismo profundamente arraigado: a inestabilidade en calquera parte do mundo representa unha ameaza directa ou indirecta para os intereses fundamentais da China.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES