O xogo perverso de reconstruir
Santalla, Iago - miércoles, 22 de octubre de 2025
Nestes días incertos, un non pode deixar de cavilar no xenocidio de Palestina. Coido que sobre todo supón un xeito de aniquilar psicoloxicamente a aqueles que fisicamente resistiron. A táctica é tan sinxela como desgraciadamente é efectiva. Arrasar unha terra para que non teñan a onde retornar. A partir de aquí, eu imaxineime o seguinte: pensei nas cidades galegas e nos seus símbolos de identidade (Lugo, a muralla; Coruña, a Torre de Hércules; Ourense, as Burgas...) eses símbolos permítennos andar a terra na súa diversidade e manter xeitos de vida distintos. As zonas de Galicia están claramente diferenciadas. O mesmo pasa en calquera zona de España onde podemos ver modos de vida distintos aínda nun mesmo nivel de vida económico.
A partir de aquí, imaxinemos que destruímos (bombardeando) todo o territorio. O primeiro que se produce é un xenocidio entendendo como tal o obxectivo de aniquilar unha poboación pero coa desaparición desa poboación, tamén, desaparece o que foi capaz de construír e o que tiña para legar a vindeiras xeracións. Entón, quen conquista fica cun inmenso solar orfo de vestixios históricos no que pode facer o que lle pete.
Isto pode ser e é unha simple opinión, por suposto rebatible, pero aí temos o proxecto de Trump para Gaza. Se dito proxecto chegase a materializarse, Gaza sería calquera cousa menos Gaza. Pode materializarse? Se non queda rastro da vida anterior, si, porque encima parecerá que o proxecto é unha obra altruísta dun bo samaritano.
O 7 de outubro merece todo o rexeitamento, e máis é unha acción imperdoable de Hamás pero nada nin ninguén ten dereito a borrar un pobo da historia.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora