Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 09 de octubre de 2025
Pola canella dos soños

Luz de lúa. Raio de sol. Vara aguillada. Caxato de temoeiro. Aleta de peixe. Caldo de verzas. Quen pensa que a melancolía é o pracer de estar triste e a nostalxia o bambán daqueles recordos que veñen e van? Algúns deixarán que a memoria se meta nun túnel sen saída, mentres outros cremos que ten que bailar sobre as ondas do mar, que tamén veñen e van.
Nube branca. Ceo negro. Eixe de carro. Sedeño amarrando a carga. Rocha mariña. Potaxe de fabas. Quen quere recuperar a infancia, aquela na que había que cantar para escorrentar, para axotar o medo e quen quere asubiar polo can que se escondeu detrás dun penedo? Algúns renegan tanto da infancia que intentan afogala nas augas da indiferenza, mentres outros pensamos que a nenez é máis longa que a propia vida.
Estrela fugaz. Traxe de astronauta. Universo infinito. Saco de patacas. Feixe de ferraia. Pote na lareira. Calda na maseira. Quen é capaz de asubiar unha balada sobre a señardade e de soñar o verso libre dun poema sen versos? Quen se atreve a bailar espido sobre unha toxeira para ulir a súa flor? A lembranza vén e vai pola corredoira dos desexos. E pola carreira da ansia.
Nave espacial. Alien corrosivo. Luz de gas. Vaca e boi. Río sen troitas. Chourizo de carne. Filloas de sangue. Quen lle pon o rabo ás cereixas e quen busca a agulla no palleiro? Quen ri, quen chora, quen berra, quen cala, quen senta, quen chouta, quen baila sobre a súa propia alma! Agora só queda meterse pola canella dos soños.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES