Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vanse recuperando amodiño

Rubia, Xoan - miércoles, 08 de octubre de 2025
A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica vai amodiño, pero con firmeza, na recuperación dos restos dos desaparecidos nas fosas do franquismo. A pasada semana os osos do pintor Francisco Miguel, exhumados no ano 2023, foron entregados a súa familia e depositados nunha tumba do cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Vanse recuperando amodiño O pintor vangardista foi asasinado o 28 de setembro de 1936 e soterrado xunto a outros corpos nunha fosa do cemiterio de Bértoa (Carballo). Din que o seu corpo estaba mutilado (sen as mans) malia que isto é moi difícil de verificar logo de máis de oitenta anos baixo terra e mesturado con outros restos, pero as narracións escabrosas instálanse facilmente no subconsciente colectivo da cidadanía. Así que sen entrar en detalles é máis que suficiente saber do vil asasinato dun home cuxo delito foi permanecer fiel aos seus principios, como lle aconteceu a tanta xente na espiral represiva instaurada polos golpistas e continuada posteriormente.

A represión foi indiscriminada pero incidiu ao principio máis nos mestres, artistas e intelectuais. Por qué eran eles o branco do franquismo? Pois porque o totalitarismo aspira ao control absoluto das conciencias, a dominar as mentes. Os mestres, artistas e intelectuais ilustran e despertan o xuízo aletargado da xente. A educación e a cultura sempre estarán enfrontadas ao totalitarismo por iso os sátrapas tratarán de acabaren con aqueles que as promoven.

A eliminación dos que non eran afectos tomouse como solución ao problema das disidencias e a acusación de aversión ao golpe de estado era motivo suficiente para ser eliminado sen o menor reparo. Así moitos foron asasinados sen xuízo previo e a maioría dos que se celebraron eran unha pantomima para lavaren as sentenzas de morte. Tal foi a febre por asasinar que se matou por denuncias inverosímiles, por cobizas persoais e por afloramento dos instintos criminais dos verdugos.

O doutor en Historia, o meu amigo Bernardo Máiz, censou no concello de Mugardos a máis de oitenta persoas “pasadas polas armas”. A memoria é necesaria, malia que recuperala as veces doa. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES