Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recibir arte, devolver liberdade

M. Quintanar, Miguel A. - martes, 07 de octubre de 2025
Cada sociedade ten un modo específico de acoller as obras de arte do seu propio pasado histórico. Esta recepción é un síntoma de como efectúa a inscrición da súa identidade no tecido educativo e cultural. A inscrición produce o real, traza cadros de sensibilidade e intelixibilidade, abre posibilidades novas á existencia. A non-inscrición lanza a un espazo-tempo indefinido, amorfo, indeterminado. O filósofo portugués José Gil explora, explica e desenvolve os efectos da non-inscrición no libro “Morte e democracia” (2023). Son efectos que cristalizan nun duplo obstáculo e poden estenderse ao que acontece coas obras especificamente literarias. Vexámolo.

O primeiro obstáculo da non-inscrición é a presenza fantasmal da obra de arte: un espectro que volta con cada xeración por mor da rúbrica do seu nome e autor. É un monumento que intimida: xera atracción acompañada de repulsión. A potencia da súa rúbrica porta, paradoxalmente, a súa impotencia, esterilidade para xerar acontecementos. Deste xeito, a obra de arte retorna unha e outra vez con forma fantasmal a cada sociedade histórica porque non logra entretecerse nas fibras do real. O segundo obstáculo é a circulación dun dobre da obra de arte: o simulacro. Este simulacro substitúe a obra por un ser degradado, de segunda man. A súa estrutura é falsa, o seu significado imaxinario. A súa función é producir outros nadas a partir do nada que é. O resultado é que, ao cabo, nada acontece, ou, mais ben, sucede nada: silencio, disolución, borrado.

As consecuencias de obstaculizar a inscrición dunha obra de arte literaria non adoitan manifestarse con nitidez. O silenciamento da súa mensaxe no inconsciente persoal e colectivo, o limiar do aceptable e inaceptable determinado polo sistema literario, os códigos académico e xornalístico que cifran e encriptan o seu “pathos”, a simboloxía que sobre ela deitan os poderes artístico-políticos, dificultan a súa recepción e análise. Con todo, hai dúas consecuencias que se deixan entrever. A primeira é a exclusión. Decrétase por medio dunha consigna lanzada ao público: a obra está baleira, carece de contido actual e forma innovadora. Por outras palabras: non di nada porque é un monumento-fantasma. A segunda consecuencia é a ilexibilidade. A retirada das condicións educativas e sociais mercé ás que podería ser inscrita, xeran o empobrecemento cultural dos posibles lectores. Outramente dito: a obra declárase incomprensible porque os mediadores culturais ordenan a existencia dunha mudanza radical que debe afectar aos intereses dos receptores, incapacitados, agora, para sentila e interpretala. Un achegamento crítico, sosegado e autoconsciente, a estes dous feitos (exclusión e ilexibilidade), garante que a obra literaria retorne ao espazo público de debate cultural, intercambio artístico e xuízo estético. Isto é, restitúelle ao público lector a liberdade furtada de inscribir a obra no real.

Recentemente tiven a fortuna de participar no proxecto que pretende (re)inscribir, con tacto e pulcritude lectora, unha das obras maiores da literatura: “Queixumes dos Pinos” (1886) de Eduardo Pondal. O proxecto tivo un destino venturoso: cristalizar no libro de autoría colectiva “Dun poema as ardentes estrofas. Visións arredor da obra de Eduardo Pondal” (Espiral Maior, 2024). Desde o meu punto de vista, é un exemplo de recuperación, relectura e interpretación da obra do vate de Ponteceso. Resultado aquilatado dalgunhas intervencións no “Seminario Eduardo Pondal XXI”, celebrado con carácter mensual durante o ano 2023, e parte do 2024, no espazo Espiral Maior Foro da vila bergantiñá de Carballo, o libro compón un ronsel de aproximacións orixinais a “Queixumes dos Pinos” desde os estudos culturais e de xénero, historia, filoloxía, xeografía e filosofía actuais. Posúe un trazo singular: acolle o poemario de Pondal sen prexulgalo e inscríbeo nas preocupacións do público do século XXI. Cales? A muller, a historia, o territorio, a lingua, as dificultades para tomar consciencia da identidade nacional de Galiza.

“Dun poema as ardentes estrofas” busca devolverlle ao público lector a liberdade de inserir no real os problemas que Pondal poetiza. Primeiro, a muller. Paula Cousillas e Dolores González de la Peña entran sen complexos neste asunto. A muller é figura, tropo e imaxe: figura persoal e colectiva que racha as cadeas do espolio colonial de Galiza; tropo alegórico da muller-nación específico da construción de símbolos revolucionarios nacionalistas do século XIX; imaxe estética erguida contra as violencias exercidas sobre a muller e a nación, a consideración de botíns dun vencedor, a mirada que as reduce a despoxos dun proceso colonizador invisible, case indicible, difícil de lembrar. Marcial Tenreiro aborda o problema da historia e a política: a fundación dunha narrativa que vincula o compromiso político de Pondal (federalista, demócrata radical) co presente histórico dos movementos de emancipación nacional, heroísmo cívico e recuperación da memoria do pobo. O terceiro problema é a lingua. María Teresa Angeriz apunta que Pondal traballa na construción do que, no seu tempo, está a nacer: a lingua literaria galega moderna. Faina xermolar desde a fala popular, mais achégaa á lingua histórica, culta, o portugués, en concreto. O cuarto problema é facer visible e audible o país. Antonio Andrade Figueiras e Afonso Xavier Canosa revelan e explican que o uso da antroponimia e toponimia bergantiñá dá forma e referentes ao lector galego para valorizar a paisaxe humana e natural, vinculalo a lugares e persoas que poden agasallar identidade, anoalo con voces e sons que, para a súa propia desgraza, non sabe interpretar. A quinta cuestión é o pensamento crítico. Luís G. Soto demostra que a saudade é un tema central en Pondal que actúa como forza motriz na nacenza e desenvolvemento da literatura galega contemporánea, e se entrecruza co pensamento lusófono máis representativo, nomeadamente Teixeira de Pascoaes. No meu caso mostro que o acercamento á poesía de Pondal desde algunhas filosofías emancipadoras dos séculos XX e XXI, frutifica nos planos hermenéutico e ético-político.

Os percorridos anteditos indican que “Queixumes do pinos” é unha obra de arte literaria na que converxen tres elementos. Primeiro, unha enunciación poética colectiva que busca ser liberadora, desalienante, se as lectoras e lectores se deixan ir devagar, devir-outros, devir noutros descoñecidos, mais que son, somos, “nós”. Segundo, un enunciado que o público pode inscribir no real, pronunciar sen temor nin tremor: Galiza. Terceiro, un enunciador que, estando aquí, sermos nós, aínda está por vir en plenitude de autoconsciencia: o pobo galego.

Recibir arte é dar liberdade, devolver liberdade: ler a mensaxe que cada xeración está na obriga de inscribir na urda de fondo sobre a que se tecen as teas plurais e diversas dos seus modos de pensar e sentir.
M. Quintanar, Miguel A.
M. Quintanar, Miguel A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES