E, de novo, Pelúdez
Santalla, Iago - miércoles, 08 de octubre de 2025
Chega un San Froilán e, con el, a familia Pelúdez, esa que pouco a pouco foi medrando e que todos ocupan un lugar destacado no noso corazón. Pelúdez é un ser de varios pais que transita a vida luguesa dende 1908 cando o creou Antonio De Cora. Posteriormente, pasará por varias plumas como un pasaporte cara a unha liberdade de expresión aínda limitada: o que o autor non podía dicir consentíaselle na boca do Pelúdez. Daquela, podémolo considerar un personaxe subversivo que debruzou camiños de liberdade.
Para nós, a palabra Pelúdez significa inevitablemente San Froilán: a festa das festas que convirte a Lugo nunha aldea global que se celebra as colleitas outonais e abre a porta a un tempo de recollida invernal. Neste contexto, Pelúdez chega a Lugo como un convidado especial ao que se lle vai recoller exhaustivamente todas aquelas ideas que aporte sobre a festa. Cada día ocupará a contracuberta do Progreso e nela leremos ideas disparatadas para rir.
A familia Pelúdez compona a súa muller Filomena, o seu fillo Peludeciño,a nora Vanesa, a consogra Reborita das Arieras e o neto Harrison Peludeciño. Xuntos cóntannos os devires das festas cunha crónica por día e cunha presenza constante grazas ao Achádego teatro que dende 1997 encarna a divertida familia polas rúas de Lugo, sendo Tareixa Campo e Suso Meilán, Filomena e Pelúdez respectivamente.
Para un lugués, Pelúdez significa festa, riso, divertimento; non en tanto, Pelúdez tamén é a subversión consentida e, actualmente, un xeito máis de poñer negro sobre branco á realidade.
Pelúdez sigue facendo falla porque fai falla o pensamento crítico e a análise desenfadada do que vivimos. Quizais, San Froilán se quede curto para a necesidade de Pelúdez pero benvido sexa e que nunca se deixe silenciar por ningún poder.
Viva o San Froilán co Pelúdez por bandeira.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora