Cantos de taberna en Foz
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 02 de octubre de 2025
O pasado sábado, día 27 deste mes de setembro, organizouse en Foz "Cantos de Taberna". Foron tres locais de hostalería que participaron: Restaurante Portochico, Cafetería Xoyma, Cafetería Express e bar O Chícaro.
Os grupos participantes no evento, foron: "A Subela" e "Mar Aberto" de Foz e o grupo "Espera que vou mexar" de Viveiro.
O espectáculo foi impresionante. Calquera dos tres grupos deixaron un exquisito saber de boca en tódolos presentes. Alí o público bailaba, troulaba, pero con un clásico e respectuoso ordenamento á vez.
A carón da mesa onde eu estaba sentado na cafetería Express, había un matrimonio holandés que co tradutor do seu móbil preguntáronme se iso se celebraba tódolos sábados, ao que eu lles respondín que non. Que en épocas pasadas foi moi tradicional o cantar nos bares, pero coa chegada da televisión nos bares e os partidos de fútbol televisados e outros eventos deportivos, foron matando esa tradición. O matrimonio non paraban de gravar as actuacións co seu móbil.
Foron case dúas horas marabillosas, na que os tres grupos nos tocaron a vea máis sensible coas súas vellas cancións, ata o punto, que a camareira Yllary bailaba de tal xeito, que parecía estar posuída por mouros e trasgos e incluso, a outra camareira Messy, bailaba a muiñeira dándolle un xeito ben parecido a pesar de ser dominicana.
"Mar aberto", levounos ao terreo romántico achegándonos a temas tan acertados como as habaneras. Fixéronnos cruzar o charco sen saír da cafetería.
Tamén o grupo viveirense, "Espera que vou mexar" nos deleitaron con música tradicional con gaita galega e cantigas moi cómicas que a todos nos encheron de ledicia e emoción. Preguntábanme os holandeses se era gaita de Escocia e díxenlles que non, que era a nosa, a gaita galega e cando lles dixen que os verdadeiros celtas éramos nós, quedaron totalmente convencidos sen lugar a discusións.
Para remate deste magnífico serán, chegaron os do grupo "A Subela", que furaron o coiro sen problema ningún. Tamén con cantigas tradicionais galegas, esas cantigas que non se poden esquecer, porque grazas a unhas xentes galegas que patearon e patean o noso país recuperándoas, hoxe en día temos un amplo repertorio arquivado e un legado que xa non morrerá.
Este evento debería repetirse con máis frecuencia, pero claro, o problema é o fútbol e outros deportes, que nos impiden este tipo de serán e estas xacarandainas, que coido tamén deberían ter o seu dereito, porque os entendidos en fútbol poden velo sen necesidade de volume na Tv., que impida compartir eventos para goce e desfrute dos moitísimos que non nos gusta o fútbol e que somos máis dos que parece, proba evidente que dos presentes nese encontro cultural o noventa por cento non éramos fútboleiros.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora