Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - martes, 30 de septiembre de 2025
O europeísmo, o patriotismo e o nacionalismo

Hai uns días atopeime na rúa co meu bo amigo Balbino. Estaba o home moi preocupado polo que está a ocorrer en Polonia por mor das provocacións rusas. Parece que ao señor Putin non lle chega con bombardear Ucraína senón que tamén quere provocar ao resto dos seus veciños. E dá a casualidade de que o meu amigo viaxou hai poucas semanas xustamente a Polonia e está moi sensibilizado co que poida ocorrerlle a esa xente que tanto sufriu no pasado.

Polonia é un claro exemplo do que a Unión Europea ten feito por aquelas nacións que se integraron nela a pesar de non estar ao mesmo nivel que o resto dos membros comunitarios. Este país viña, do mesmo xeito que a España de principios dos 80, dunha ditadura aínda que de signo oposto á franquista. De feito, calquera cidadán polaco de máis de corenta anos pode contar anécdotas incribles do que foi para eles o réxime comunista. Balbino comentoume que un home que coñeceu en Poznan contoulle que de neno a súa familia tiña que xuntar todo o papel usado que podía atopar para cambialo por un só rolo de papel hixiénico. Nin iso tiñan e debían administralo con sumo coidado para que o rolo durase o máis que puidese! Tras liberarse do comunismo, o país necesitaba modernizar as súas infraestruturas, os seus medios de produción, as súas cidades... e nisto chegou a Unión Europea coas súas axudas e en menos de trinta anos cambiou, esperemos que para sempre, o destino deste país. Hoxe Polonia conta con extraordinarias autoestradas, modernos aeroportos, cidades florecentes que substituíron nas fachadas dos seus edificios o gris comunista por multitude de cores e viron como os seus antigos inimigos alemáns invisten agora no seu país instalando alí enormes fábricas de vehículos, electrodomésticos, produtos farmacéuticos... A Polonia dos nosos días é, grazas á Unión Europea, unha nación rica e moi prometedora que de ningunha maneira quere regresar ao pasado para vivir baixo o dominio da bota rusa. Por iso chama a atención que nos últimos tempos xurdisen en diferentes puntos do noso continente partidos e líderes como Orbán en Hungría, Marine Le Pen en Francia ou Santiago Abascal e o seu partido Vox aquí en España que, proclamándose como patriotas, rexeitan o proxecto europeo. Aínda que o máis curioso é que entre estes "patriotas" atópase igualmente o actual presidente polaco Karol Nawrocki quen non debe coñecer ese refrán que di que "é de ben nacidos ser agradecidos".

E Balbino pregúntase: Pero dende cando para ser patriota hai que ser antieuropeo? Que é realmente un patriota? Aquí a resposta podémola atopar nas ensinanzas doutro polaco tamén chamado Karol, aínda que neste caso trátese de alguén moi diferente do polémico presidente Nawrocki. Falamos, como moitos de vostedes xa supoñerían, de Karol Wojtyla, o inesquecible pontífice que visitou Galicia en dúas ocasións. Dicía san Xoán Paulo II que o patriotismo se basea no amor á patria e na defensa da liberdade común e da herdanza recibida dos nosos antepasados, sen exclusións e respectando en todo momento a dignidade das persoas. O amor á patria non se opón de ningunha maneira aos esforzos por lograr a integración de todos os países de Europa nunha gran Unión. O propio Xoán Paulo viaxou a Compostela en 1982 para dirixir dende a tumba de Santiago Apóstolo, a meta de tantos peregrinos chegados de todo o continente durante séculos, estas palabras tan cheas de esperanza a todos os europeos:
Dende Santiago, lánzoche, vella Europa, un berro cheo de amor: Volve atoparche. Sé ti mesma. Descobre as túas orixes. Aviva as túas raíces. Revive aqueles valores auténticos que fixeron gloriosa a túa historia e benéfica a túa presenza nos demais continentes. Reconstrúe a túa unidade espiritual, nun clima de pleno respecto ás outras relixións e ás xenuínas liberdades.

Mais resulta que agora, corenta anos despois de que o papa pronunciase estas sabias palabras, hai políticos que consideran que o patriotismo consiste en romper con Europa mentres arremeten contra todos os inmigrantes ou contra as persoas doutras culturas e relixións que viven nela. Que diría o papa Xoán Paulo II destas novas ideoloxías? Pois seguramente que iso non é patriotismo senón nacionalismo. Karol Wojtyla, un home que viu como os nazis invadían o seu país e que loitou pola liberación de Polonia, condenaba o nacionalismo, unha ideoloxía que consideraba que opoñíase frontalmente ao verdadeiro patriotismo. Segundo o santo pai o nacionalismo máis extremo predica o desprezo por outros pobos e culturas, é excluínte, insolidario e constitúe unha nova forma de paganismo ao divinizar á nación, caendo en moitos casos no totalitarismo. Sóalles todo isto? Sóalles o "España róubanos"? Seica non oímos recentemente a algún político nacionalista catalán meterse cos andaluces? E non é verdade que Sabino Arana escribiu que os maketos españois eramos vagos, sucios ou que careciamos de moral? Pero ocorre que tamén Mussolini ou Hitler eran nacionalistas, a única diferenza está na nación que cada un defende. Un nacionalista pode defender a nación catalá, a vasca, a española, a italiana ou a alemá, pero será sempre nacionalista. E é precisamente esta ideoloxía nacionalista a responsable da maioría das guerras que tivemos en Europa dende principios do século XIX ata os nosos días, dende a guerra franco prusiana de 1870 á actual guerra de Ucraína, pasando polas dúas grandes conflagracións mundiais ou as diferentes guerras dos Balcáns.

E tamén o nacionalismo foi o responsable da saída de Gran Bretaña da Unión Europea. No seu momento unha maioría de británicos votou a favor de que o seu país abandonase a Unión seguindo as consignas dese tabloide impresentable chamado "The Sun", que proclamou moi campanudo que votar a favor do Brexit era crer en Gran Bretaña. E é que moitos ingleses, sobre todo os de máis idade, sempre desprezaron á Unión Europea mentres crían que a súa illa era aínda un imperio. Hoxe, só uns poucos anos despois da materialización do Brexit, Gran Bretaña vive as consecuencias desastrosas desa ruptura na que tanto interese tiñan a Rusia de Putin e os Estados Unidos de Trump. E por que estes dous eximios señores soñaban coa ruptura de Europa? Balbino cre, e eu estou plenamente de acordo con el, que a Unión estorba os plans de dominación que estes dous personaxes queren exercer sobre os vellos países de Europa, un coa forza das armas e o outro coa súa caprichosa política de aranceis. E eses "patriotas" que, aliándose co líder norteamericano ou co ruso, tentan socavar os cimentos da Unión Europea para defender as soberanías das súas pequenas nacións non fan outra cousa que servir a aqueles que queren ser os amos do mundo. Vaia forma que teñen estes falsos patriotas de defender aos seus países!
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES