Son dos que cren que calquera oportunidade é boa para reivindicar cousas xustas e protestar cando os dereitos máis fundamentais do ser humano son conculcados. O que está a acontecer en Gaza só ten un calificativo: xenocidio en toda regra, e resulta incomprensible como uns miserables, a estas alturas desta sinistra película na que estamos vendo en directo e case en tempo real a masacre sen remisión, son capaces de xustificar semellante atrocidade. Por se os bombardeos fosen pouco, o goberno de Netanyahu, aplica a fame como arma de guerra e deixa morrer de inanición a miles de persoas incluídos meniños e meniñas. Persoeiros como Esperanza Aguirre, o alcalde de Madrid Almeida ou Díaz Ayuso que se fotografía sorrindo co equipo de Israel, negan taxantemente que isto sexa un xenocidio e xustifican esta matanza dicindo que o fan en lexítima defensa, que sufriron un brutal atentado por parte de Hamás e víronse na obriga de responder. A resposta son case setenta mil mortos dos cales moitos miles son meniños. Non hai maior miseria moral.
Poñámonos no caso de cando ETA recorría ao secuestro e asasinatos como argumento ás súas reivindicacións. Sería iso escusa para que o goberno español bombardeara o País Vasco e arrasara por exemplo Bilbao ou San Sebastián co pretexto de que por alí andaban terroristas? Bombardeos a civís fixéronos os facinorosos en Guernica e na estrada Málaga-Almería cando a guerra civil, pero na actualidade semellante atrocidade sería impensábel. Verdade señora Aguirre, señor Almeida, Ayuso e Cia? Pois iso.
Con todo isto por diante, un equipo de ciclistas de Israel patrocinado por un amigo próximo a Benjamín Netanyahu participou na Volta ciclista a España como se nada estivese a pasar, cousa que non debeu acontecer porque o natural sería que, dadas as circunstancias, non se permitira a súa inscrición neste evento deportivo o mesmo que se fixo con Rusia cando decidiu a invasión de Ucrania. Certo que os deportistas israelitas non teñen que ver coas decisións criminais do seu goberno pero representan a un país cuxa rexencia está a cometer un brutal xenocidio. Razón máis que suficiente para que se produciran as interrupcións e protestas nas etapas da Volta coas que eu, sen paliativos, son solidario. Nestas manifestacións sempre aparecen algúns violentos, pero non se pode catalogar de violentos aos preto de cen mil manifestantes de Madrid ou aos que participaron no resto das protestas nas diversas etapas da Volta. Claro que o facherío ultra, como non, cos seus portavoces prestos, non perdeu a oportunidade de buscar culpables, un culpable: Pedro Sánchez, claro. En fin...