Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A miña radio

Bravos, Marisol - lunes, 29 de septiembre de 2025
Aínda que levo uns anos xubilada, sigo a asociar setembro co comezo de curso no que retomo temas de actualidade relacionados coa loita por unha sociedade máis inclusiva. Pero este ano, despois de asistir á inauguración da exposición "90 anos da radio en Lugo", non podo pasar sen escribir algo máis persoal sobre "a miña radio". Enlazando co folleto da exposición, eu tamén teño para comentar sobre "A radio na miña vida" e "A miña vida na radio".
A miña radio
O día que meu pai nos sorprendeu cun aparato, marca Sanyo, faltoume tempo para controlar toda a programación de Radio Lugo e Radio Popular; e así aquel aparato converteuse no meu compañeiro inseparable na época de estudante durante as vacacións solitarias na aldea. Escoitaba os discos dedicados, aprendía moitas cancións, seguía as novelas, participaba en concursos... A modo de exemplo: había que facer un slogan para unha tenda de frigoríficos. Vaia alegría me levaba cando escoitaba o meu varias veces. Toda a orixinalidade resumíase en: "Señora, no se preocupe del que dirán, si en su casa tiene frigoríficos Migán". Algo curioso era que os que escribiamos cartas a miúdo pedindo cancións, sen coñecernos, xa nos saudabamos como amigos; no colexio de Alfoz encontreime cun daqueles amigos, e tamén fun unha fiel seguidora do programa "El loco de la colina" de Jesús Quintero. Outro recordo foi a chegada do home á Lúa, un acontecemento que me impresionou tanto que seguín a noticia case toda a noite.

Cando remataban as vacacións e tiña que irme á cidade, botaba en falta, sobre todo, seguir as novelas; para coñecer o final ata merquei algunhas que aínda conservo: Yo soy aquel (1971, 50 pesetas) e La fugitiva (1972, 60 pesetas) do coñecido autor Guillermo Sautier Casaseca. Por ese motivo, pedinlle á miña nai unha radio pequeniña. Ela non estaba moito polo tema por se deixaba de estudar ou non facía os deberes, pero acabou cedendo. Como non precisaba silencio para concentrarme, estudaba cantaruxando.

En canto "A miña vida na radio", por temas de Auxilia participei en varias entrevistas e reportaxes. Funme familiarizando co medio, chegando a asumir a responsabilidade do programa semanal "Unha man amiga", durante tres anos. A sintonía era a canción de Fuxan os Ventos que me evoca tantos momentos. O programa, que serviu para dar voz a todas as asociacións de Lugo e para informar das actividades de Auxilia, representaba para min todo un reto: escribir o editorial, recompilar noticias, buscar a quen entrevistar, suxerir a música... Como formaba parte da comisión que estaba elaborando a primeira lei de integración social do minusválido -a LISMI- tiña información privilexiada e ata opinións de personaxes tan significativos como Marcelino Camacho -secretario xeral de CC.OO.- e o deputado andaluz Juan de Dios Ramírez Heredia. Despois de rematado, pasei a colaborar en "La otra cara del espejo", un programa no que se empezou a falar da problemática da enfermidade mental en Lugo, grazas ao pai dun rapaz afectado que trataba de poñer en marcha a xunta xestora dunha nova asociación que, na actualidade, segue activa. Naquel tempo non había moitas persoas dispostas a ler en galego, e foi así como colaborei durante oito anos na misa de enfermos de Radio Popular que se retransmitía, primeiro desde a Casa Diocesana, e despois desde o Convento das Salesas.

Esta pequena experiencia serviume para participar nos programas de Radio Escolar cos alumnos do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea. Conservo os guións e as gravacións das catro emisións que fixeron relacionadas cun traballo de investigación sobre a historia do colexio (primeiros mestres, o porqué do nome, escolas concentradas...) e un traballo de recollida que se publicou no libro Anacos da nosa cultura. Tamén colaborei na tradución e gravación, en galego, dunha serie de diapositivas.

Volvendo á exposición, resultoume emotivo escoitar aquelas voces, tan familiares para min, contando anécdotas do seu paso polas emisoras. Os estudios da Praza de Ángel Fernández Gómez, das Galerías Villamor e os do lugar de Valiño éranme ben coñecidos. Tamén me refrescou a memoria ver algunha foto, como a dos traballadores de Radio Popular que me mandaron por correo cos nomes de cada un. Para rematar, podo dicir que estudei e traballei sempre coa radio de fondo. Foi a miña aliada e a miña compañeira, así que vaia o meu desexo dunha longa vida á radio.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES