Hai días aciagos. O 5 de xaneiro é un deles. Nel marcharon ao Alén Valle-Inclán e Díaz Pardo, dúas personalidades que son faros que botan luz sobre o país, e moita máis lanzarían de ser distinto o presente e contar con persoas conscientes e comprometidas coa nosa identidade.

Sempre chove o 5 de xaneiro, tal vez sexa un verter bagullas por eles ou simplemente que é o tempo que toca, sempre. Cada vez que imos homenaxealos a Boisaca, acabamos mollados e con moito frío no corpo. Esa é a realidade.
Valle ten a sorte de contar con varias organizacións que o apoian e con familia en Santiago. Non é o caso de Isaac, que nun principio dispoñía dunha entidade que convocaba, a Academia Real Díaz Pardo dirixida por Alonso Montero, pero que deixou de facelo hai uns anos. A noite anterior, eu acostumaba chamar a un dos representantes para saber se nos iamos xuntar e confirmábame que non é que non recibise eu a convocatoria senón que non a fixeran. De todos xeitos, logo souben que Carmen e Eduardo seguían acudindo no nome da ARIDP xunto con Paco Pita da AC Irmáns Suárez Picallo. Persoas que manteñen o facho individualmente representando o que for preciso.
Este ano, Alento esbravexo pensou que xa non podía pasar máis tempo sen que as amizades de Isaac fixesen acto de presenza en Boisaca e ao lado do acto de Valle se realizase o de Díaz Pardo. Por iso, despois de varios intentos infrutuosos de contacto co concello decidiron facelo pola súa conta. A noite do catro douse a feliz coincidencia de que Carmen Villar me enviou un whp para convidarme a acompañalos e puidemos compartir o que tiñamos programada (cada unha pola súa parte) e acudir xuntos a Boisaca este 5 de xaneiro ás 12 da mañá.
Alí estivemos acompañados por Mero rodeando a tumba. Tal como vin facer aos veciños dunha parroquia próxima á miña, que o día de defuntos, despois de encher de flores o cemiterio se vai cada familia para diante dos seus mortos e falan, fanse visita, con eles de testemuñas, comentan o que foi e está a ser o ano como se o compartisen con eles, para que nunca queden fóra da parentela. Uns permanecen alí, parados, outros móvense polo camposanto visitando panteóns, falando coas xentes diante de cada un deles; un encontro en base á parroquia dos mortos no que os vivos os visitan e se visitan entre eles con ese motivo. Para os máis vellos levan unha banqueta na que sentarse, así poderán permanecer sen cansarse tanto.
Nós rodeamos a campa de Isaac, lemos o poema de Lorenzo Varela "Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados" e colocamos as mazás na campa cumprindo a manda do poeta. Unha rosa vermella con todo o seu significado de amor e dor, beleza e perfección, excelencia, compromiso e respecto, admiración e consideración... unha forma de dicir que o valoras e respectas; aí quedou sobre a campa co seu talo longo. A coroa de loureiro que fixo Lurdes; cando lle comentei que me apetecía levarlla a Isaac, ela dixo que nunca fixera algo así pero que todo era cousa de poñerse e púxose; buscamos os mellores loureiros en diferentes lugares ata que ela atopou o que lle pareceu acaído; cando lle dou remate dixo que uns días antes vira un documental sobre Díaz Pardo e que vén merecía tamén un ramo, así que llo fixo con dúas clases de camelias. As mazáns de Lorenzo Varela, a rosa, as camelias e o loureiro, porque din que o loureiro é protector (das tormentas ou o mal de ollo) e purificador das malas presenzas, por iso se pon nas casas ao rematar a obra; tamén se di que tiña relación con co deus Apolo e sábese que aos emperadores lles colocaban unha coroa de loureiro, un símbolo de supervivencia: o que queremos para Díaz Pardo, que sobreviva o que el representou entre nós, que non se perdan os seus valores... Diso falaron os que o fixeron, lembrando o pasado e con azos para o futuro recollendo os últimos acordes de O meu país cantado por Miro Casabella, tal como a Isaac lle gustaba.