Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rumbo á melancolía

Otero Canto, Xosé - viernes, 26 de septiembre de 2025
(Paseo en barco polas calas de Menorca)

Soamente o bruído da auga, da auga que rebuldeira choca, da auga que reverbera e se rompe en mil anacos de auga e de prata na proa perdida entre a fronte da batalla co compás marcando a ida cara a praia coa lentitude e a latitude por divisa e por bandeiras que agarimosas se xenegan no barco que nos leva. Divisamos semicírculos de praias onde se desemboca cara ao mar e se penetra a auga doce máis clara ca infinita auga salgada.

Beleza que nos leva, brisa que nos embarga, sempre cara adiante onde a auga fai vermiños brancos espellantes nos nosos ollos que medran cara ao cénit do sol, cara á ruta que nos leva nunha velocidade agreste e sublime, mar aberto, sempre, mar aberto. Ruídos de chambonadas e abaneos súpetos escribindo cara á eternidade azul, ata a liña do horizonte azul claro, cara á eternidade que semella estar ao lonxe, sempre cara ao outro lado do máis alá navegando e navegando nos ronseis que fan rumbo ao leste onde as ondiñas escachadas se rebelan diante nosa vencidas polas burbullas e escumas que se forman cando imos rumbo á melancolía.

Cara á distancia programada sentimos na espera luces nas sombras da costa, covas que se repregan na liña que é borrosa, aló onde mesmo remata o silencio. Semella que o barco se rompe na proa e nós rompémonos na auga, sempre na auga que nos une ao infinito.

Que silencio nos domina, semella que unha desgraza nos esperara neste futuro incerto onde tamén habita a esperanza neste barco que enarbora dous pisos de incerteza, onde todo é discreto, onde a luz é agora como unha media sombra, onde as rochas son bategadas de ondas insensíbeis e o seu ceo é unha laxa de pedra que quere escaparse cara ao sol da verdade, refuxio abrigoso do silencio e das aves que aniñan nas vértixes do acantilado.

Seguimos no ventre alugado deste barco de recreo, camiño ao descoñecido. Férenos o vento acariñándonos a pel aburada polo sol que da mar fai cores morenas vestidas con roupas de sal.

Salpicamos a auga que se eleva, a auga moldeada en formas tan difíciles que a natureza que as enxendra non é quen de descubrilas. Continuamos co frío do silencio entre os motores que pelexan por levarnos fóra dos nosos soños, como se unha gaivota os levase por detrás das alas cara ao vento, sempre cara ao vento encamado no barco e na beleza dos soños dirixidos polo capitán do regreso rumbo á melancolía, guiando os nosos soños nunha nave facendo ronseis polos camiños da auga endexamais batida pola proa saldada de benvidas cando se baixa a escaleira de chegada para que poida entrar a beleza perfumada da ardentía nos próximos pasaxeiros, mais a nós contémplanos o sol e as amarras flúen das súas cordas que curvan como gaivotas brancas cara o sendeiro da chegada dos nosos adentros en panoramas de beleza na cala branca dunha Menorca Máxica.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES