Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bravo por Lubna

martes, 22 de septiembre de 2009
Italia. En pleno circo electoral, o histrión Silvio Berlusconi divertiu ó público cun novo número; unha boa colección de perlas sexistas. “A esquerda non ten gusto nin cando se trata de mulleres. As nosas candidatas son máis fermosas” -afirmou Il Cavaliere, quen pensa que un dos motivos polos que paga a pena investir en Italia é porque alí teñen secretarias fermosísimas, “mozas soberbias”. Soberbio é tamén o seu espectáculo humorístico, herdeiro en boa medida dos seus antecedentes coma vendedor que lle obrigan a facer un chiste “cada dez ou quince minutos”. Mágoa que non se decatara de que os seus hai tempo que deixaron de ter graza. ¿Pero qué importa? Ante un bufón que denomina “sección menopausa” ás súas seguidoras veteranas ou “gabinete rosa” ó designado por Zapatero, os nosos políticos calan por aquilo da “cortesía diplomática”.
Coma non podía ser doutro xeito, claro. Así, o pallaso italiano pode continuar libremente co seu particular circo, ese enorme prostíbulo político no que as bailarinas de cabaré ocupan ora os asentos do Parlamento, ora a cama do Primeiro Ministro. Puro espectáculo. Ábrese o xornal, sóbese o pano. Isto é Europa. Nós pasamos a páxina do xornal, baixamos o pano. E calamos.

Porén, a 4.406 quilómetros de Italia, en Sudán, hai alguén que non cala. A Lubna Husein, a xornalista condenada a recibir corenta lategazos por vestir pantalóns, non hai quen a silencie. Negouse a aceptar a pena. Os lategazos foron cambiados por unha multa de cento cincuenta euros. Negouse a pagar a multa e tivo que ingresar en prisión.

Kenya. Linet tiña só cinco anos cando a súa avoa, unha vella curandeira, lle anunciou que tiña preparada unha sorpresa para ela, un intre que cambiaría a súa vida para sempre. Vinte anos despois, lembra todo aquilo coma un espantoso ritual de dor, sangue e humillación. Amputación da dignidade. Ablación de clítoris que diríamos os occidentais. Linet, concretamente, sufriu unha infibulación: sen outro bisturí que un coitelo e unha morea de cristais, as curandeiras extirpáronlle o clítoris e os labios. Despois do cosido, só lle quedou unha pequena abertura pola que ouriñar. As infeccións padecidas nas semanas posteriores foron apenas unha prolongación da agonía que acaba de comezar. Triunfo do macho sobre a femia que, privada da posibilidade de sentir pracer, é só un instrumento para o gozo -sempre masculino, iso si- e a procreación. Nós, o seis de febreiro, Día mundial contra a ablación xenital, escribiremos pancartas en sinal de protesta e botarémonos en masa ás rúas pensando que aí conclúe o noso esforzo. O resto do ano, calaremos. Coma sempre.

Lubna, non. A 900 quilómetros de alí, o Sindicato de Xornalistas Sudanés pagou a multa de Lubna e a periodista quedou liberada. Ela preferiría seguir no cárcere para loitar contra o artigo 152 do código penal referente á vestimenta indecente e para loitar, en definitiva, contra o Goberno de Bashir que degrada ás mulleres e lles anula calquera posibilidade de defenderse.

Chile. María Soledad está casada dende hai vinte anos cun home que a maltrata. Ela pensa que merece os golpes, son a resposta xusta ás súas insolencias. Dende que casou, o seu home adquiriu todo tipo de dereitos sobre os seus bens, incluso sobre os que ela xa tiña de solteira. Existe un Proxecto de lei no Congreso para evitar este tipo de situacións, pero leva once longos anos sen unha aprobación. A situación económica deste matrimonio non é boa. María Soledad cre que precisan pedir un crédito pero, para iso, tamén necesita o permiso do seu marido quen, ademais, debe avalar a transacción. Hoxe, cando el chegue a casa, ten pensado proporllo pero teme a súa reacción. Tal vez castigue o seu atrevemento cunha labazada que ela pensa que merece. Por iso e mais por medo, María Soledad cala.

A 12.400 quilómetros de alí, en Sudán, á saída do xuízo, Lubna Husein, ataviada con pantalóns, empuña un cartel que reza: “Coñece o teu dereito para parar a opresión contra ti”. Esta muller, que perdeu o seu posto no gabinete de prensa da ONU en Jartum xa que os xornais sudaneses están controlados pola policía política e non a deixarán escribir en ningún, é para as sudanesas unha heroína capaz de plantarlle cara, sen vacilacións, a unha realidade tan falocéntrica.

España. Aldara traballa de caixeira nun supermercado. Carlos é o seu compañeiro máis próximo. Durante oito horas ó día soportan xuntos o ruído da máquina rexistradora e as infinitas colas de clientes. Pero con grandes diferenzas: Carlos cobra, cada mes, trescentos euros máis que a súa compañeira desempeñando un traballo idéntico. Claro que o xefe -o mesmo que espera a Aldara á saída do traballo para recordarlle, entre sorrisos pouco inocentes, que a saia curta lle favorece moito máis que eses pantalóns anchos que tanto lle gustan- coida moito o seu xeito de proceder. Encárgalle a Carlos recadiños extra que logo lle paga cun sobre branco baixo a mesa. Carlos cala e as compañeiras tamén. Aldara síntese indignada con respecto a esta situación pero prefire non dicir nada. Agora está embarazada de mes e medio e, polo momento, a súa barriga non comezou a medrar. Pero ten medo de perder o emprego e a cousa non está para bromas, a crise non perdoa. Por iso non di nada, por iso cala, por iso outorga.

A 4.716 quilómetros de alí, Lubna Husein é consciente de que a súa vida está en perigo se continúa vivindo en Sudán. Pero ela non pensa moverse de alí. Quere seguir loitando contra os tribunais especiais e a policía especial e, por suposto, pensa levar pantalóns tódolos días. Porque Lubna Husein non ten pensado calar. Coa súa actitude lle está dando ó mundo enteiro unha lección de coraxe e de determinación que calquera muller de calquera país debería imitar. Lubna viste pantalóns e faino por ela. Pero tamén o está facendo por todas nós.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES