Mandamentos sociais
Só hai dous: 1º. Non provoques aos inimigos. 2º. Se queres ser respectado, respecta!
Eu, persoalmente, estou contentísimo, e agradecido, dos meus inimigos; moito me axudaron, moito me espelín grazas a eles. O máis difícil é descubrilos, desenmascaralos, porque non hai inimigo que non se disfrace de amigo. Coñécense polas súas obras con terceiros; e de aí aplícaselles o refrán do cesteiro, que di que, Quen fai un cesto fai un cento, se lle damos bringas e tempo! ¿Que se porta mal noutros círculos? ¡Prepárate para cando se lembre de ti, do que lle estorbas, da luz que el pensa que lle tapas! Os amigos, ao loarte, déixante satisfeito, e daquela paras..., paras de medrar, de esforzarte! ¿Entendida a comparanza?
Os inimigos son o demo, que sempre dispara disfrazado de anxo. O dilema está na distancia, porque, se te achegas moito, ademais do risco de contaxiarte, el pescudará demasiado das túas cousas, das túas debilidades, e terá un abano de motivacións e de probabilidades para difamarte; pero se te distancias bruscamente darase por ofendido, xustificando así as súas puñaladas trapeiras. ¿Puñaladas trapeiras? ¿E logo, que esperabas, bicos a estilo Xudas? ¡Pois tamén, tamén!
-.-
O segundo dos mandamentos é o que define ás persoas nobres, ás respectables. Habendo tanta xente decente neste mundo, no propio barrio, para que ir bailar a Sodoma, ou a Gomorra?
¡Hai animais que nos ensinan! ¿Quen lles daría a lección? Voume fixar no que fan a ver se de aí tiro experiencias.
-.-
Para comezar, humildade
Que nos é relativamente fácil para os que nacemos en casa pobre, mais, ¡coidado!, porque a soberbia suma é a dos pobres cando chegan a algo. ¡Afellas que si; observade e veredes!
Non hai que confundir a humildade co complexo de interioridade, tan nocivo se se converte en obsesivo. É unha estupidez, unha parvada, a pretensión de ser igual ou mellor que algún coñecido noso. Todos somos mellores en algo, ou peores e inferiores; a igualdade absoluta, na variedade humana, non existe, a Deus grazas, que miúdo aburrimento sería. Os desniveis están aí, e témolos que aceptar; precisamente son un estímulo para esforzarnos en mellorar no factible, no mellorable; o que importa é non sentirse mal, expulsar todo sentimento de inadecuación e de malestar, séxase, que se debe mirar de fronte e non quita-la pucha máis que ante Deus..., ou ante as damas!
¿Queda claro que "complexo" é un pensamento irracional, unha idea distorsionada que temos de nós mesmos? ¡Daquela, "safi" co tema!
-.-
Centrémonos agora niso do respecto,
que é tema para un libro e non só para un capítulo.
Unha cousa é o respecto e outra o temor. Pobre daquel que sexa temido, e bendito aquel que sexa respectado. O respecto ténselles aos que se portan con integridade, aos que nos tratan con dignidade, coa recíproca. Ser respectable tampouco é ser infalible; infalible, non, pero con ganas de acertar, si, que se nos note a boa vontade. A eses que se portan ben para quedar ben socialmente, e só por iso e para iso, antes chamábaselles fariseos; agora, hipócritas.
Ao respecto do respecto poderíanse dar mil consellos, pero os consellos sempre son xenéricos, así que mellor nos remitimos ao propio criterio do interesado, que igual se di, nesas mil variantes: Trata de descubrir en que es bo, e úsao, pono en obra, pois, obras son amores e non boas razóns. Pórtate ao natural, sempre ao natural, para darte a coñecer tal cal es, pois mal se pode respectar a quen non se ten por verdadeiro. Se tes fillos, un baremo que che aplicará o próximo será o de comprobar como os tratas, como os educas, que non hai retrato máis elocuente. Se leal a ti mesmo, que iso é compatible con respectar opinións alleas. Discute con mesura, e máxime cando non teñas probabilidades de convencer. Non dar opinións sen razoalas. ¿Que non lles interesan? ¡Daquela mutis polo foro do teatro!
¿Regras de convivencia? Pensa en deixar sitio aos demais, pois, tanto na aldea como na cidade, todos necesitamos, e temos dereito, a un espazo, así que non cales se te pisan. Aseo persoal e vida regular tamén importan, tamén te retratan.
-.-
Poñerse no sitio do outro.
Mal se pode convivir se non vivimos deixando vivir. Para iso hai que distinguir entre a miña verdade e maila súa: poñámonos nos seus zapatos para entender os seus andares. Por absurdas que nos parezan as súas decisións, sempre vale a pena indagar as súas motivacións, ¡que igual merecen un respecto!
As moedas teñen dúas caras, e a vida de dúas persoas, ¡quen sabe! Eu, de posto no seu lugar, ¿que? Pero na vida cotiá disto faise pouco uso: ¡só sabemos medir pola nosa tega, pola vella, e cada convento ten a súa... ¡Tíñana, daquela dos foros! Todo é tan subxectivo e tan cambiante que xulgar un feito dado non é doado, así que non está de máis apelar á prudencia, á moderación.

¿Se nolo fixesen a nós, doeríanos? Unha persoa respectable, e por tanto, respectuosa, ten a obriga de ser obxectiva, que tampouco é doado; a quen teña, e cultive, esta virtude, poñámola no santoral dos respectables.
-.-
En definitiva: Ser obxectivos.
¡Non hai que inventalo: xa está feito, dito e feito, pero, facémolo nós?
-.-
O futuro constrúese no presente
¿O título, o diploma desta carreira, da carreira da vida? ¡Iso despáchase Arriba, entrando pola porta grande, pola de San Pedro!
-.-
Como broche, o agradecemento, en todo e para todo.
Non podo concluír estas reflexións sen referirme o broche do agradecemento, unha virtude que (temo) teñamos un pouco descoidada; esta tamén. Para iso farei miñas aquelas verbas de Joan Manuel Serrat, que máis que dun artista parecéronme dun filósofo, pronunciadas cando lle entregaron o Doutorado Honoris Causa na Universidade Complutense, de Madrid. Ben distante daquel Do ut des, dos romanos, dixo:
... La gratitud no es una virtud frecuente; más bien lo contrario. La historia está llena de hombres que mucho han contribuido en este u otro aspecto de la vida y que no han recibido a cambio más que el desprecio y la ingratitud de sus contemporáneos, aunque coincidirán conmigo en que un hombre que disfruta del privilegio de dedicarse a una profesión que le hace feliz, que hace lo que le gusta hacer, que le pagan por hacerlo y que además constantemente percibe que la gente le quiere, más que un mérito tiene una bendición.
...
"Probablemente a lo largo de mi vida no haya hecho otra cosa (de mayor mérito) que lo que estoy tratando de hacer ahora mismo: Que me quieran mis amigos. Y tener cada vez más. Que es la única acumulación que merece la pena en la vida..., y por la que no se pagan impuestos!".
Polo que a min respecta, ¡quen me dese volver ao barrelo, volver a empezar, e co sabido xa sabido!
Xosé María Gómez Vilabella Gómez Vilabella, Xosé M.