
Os soños comezan con un desexo, e, se o aceptamos, se lle damos entrada, paulatinamente, ou non tanto, irá tomando forma, corpo, realidade. Por iso somos responsables da nosa vida, porque a elaboramos nós a base de decisións. ¿Con erros? ¡Aí está o miolo da cuestión, que hai que esforzarnos por e para evitalos, pero, de cometidos, responsabilizarnos deles, convertelos en utilidades, que iso é a experiencia!
¡Canta responsabilidade, e nós aquí abaixo, neste val das bágoas, soíños! ¡Mentira: nin é val das bágoas nin estamos sos! Unha parte das bágoas vén dos erros evitables e son as dolorosas pois das outras non somos culpables: Se nos vén unha desgraza, pidámoslle a Deus que nola apunte ao Haber, no Libro dos Méritos, que así, na segunda vida, na definitiva, teremos un ascenso asegurado..., por méritos de guerra! En canto ao de estar sos: Só está so o que quere pois nunca falta un próximo ao que aproximarse..., salvo que sexamos uns túzaros! A familia non se escolle, salvo o casoiro, por suposto, pero as amizades son punto e á parte; o malo do caso está en que adoitamos escoller aqueles que nos divirten e non aqueles que nos converten, aqueles que nos axudan, coa súa exemplaridade, a ser mellores, máis sufridos, máis pacientes nas desgrazas, e de paso..., máis triunfadores! ¿Estamos á recíproca? ¡Isto merece un exame de conciencia ben estrito, obxectivo!
Os latinos somos algo fatalistas, e de paso algo cómodos; máis barulleiros que efectivos; copiamos dos musulmáns iso de, Séntate na porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo. Non é cousa de sentarse a velas vir, que hai que saírlles ao camiño, estar armados, precavidos. Se non nos valoramos, se non nos coidamos, se non nos afirmamos en nós mesmos, afirmando e asentando a nosa personalidade, estamos perdidos, seremos como follas outonías, así que, ¡a loitar contra os elementos!, cousa que non fixo aquela flota ¿invencible? de Felipe II mandada por un inexperto, por un mariño da Meseta. Os problemas non adoitan desaparecer per se: ¡hai que solucionalos; hai que facer o que podamos, cando podamos! O próximo sabe respectar aos vencedores, pero despreza aos vencidos, aos covardes, aos ineptos, aos comodóns.
Aprendamos dos nosos erros, e vacinémonos fronte os posibles con tal de que sexan previsibles. Ben mirado, os erros son a base do noso progreso: avísannos, alertan de que hai un inimigo en cada descoido, en cada pasividade. A propósito: escarmentar en cabeza allea é moi sa, moi saudable!
Primum vivere, deinde philosophari. Díxeno nun dos meus primeiros libros e alguén tomoume de prosaico, de pesimista. ¡Xa! ¡Neniño, da vida tíranse os experimentos, e con eses experimentos, de analizados, xa podemos montar teorías filosóficas; máis ou menos científicas, pero prácticas para o noso vivir, e de paso, para o convivir cotián!
¿Cal é a verdade? Non sempre é fácil de descubrir, maiormente se os datos nos veñen de terceiros. Fóra dos Evanxeos, no resto confío pouco porque hai moito produto adulterado; unha certa dose de desconfianza, pois, mirar onde piso, axuda a avanzar. O caso é que os relatores dos Evanxeos deron a súa vida en defensa do seu testemuño; iso a maiores; pero, os outros testemuños? Adoitan disfrazalos moi ben, tanto que gran parte das veces de grandes trolas ata se fan versos. Meu avó, ¡sempre meu avó, aquel talento do que más puiden ter apreso se máis atención lle puxese!, aseveraba que, Do oído nada crido, e do visto..., a metade!. ¿Era miope? ¡En absoluto: víaas vir!
¿Cal é a realidade? ¡Uf; será cousa de palpala; o malo é que, de metidos nela, igual xa é tarde para escapulirnos! As realidades comezan nunha potencialidade, e van tomando corpo... Teñen esencia, e por tanto, existencia, existencia real, con consecuencias. En certas ocasións vivimos a vida tan afumados que estamos pisando lodo e nós sen decatarnos. Sarna con gusto non pica, pero mortifica; hai realidades penosas, agresivas, inconvenientes, pero, se nos gustan? As torpezas son elásticas, e dan para todo, que incluso cambiamos os ollos polo rabo, en tantas ocasións!
¿Cal é a previsión? A previsión sempre está en velas vir, pero como as hai invisibles, neses casos hai que aterse ao cheiro. Por exemplo, o demo sempre cheira a xofre; tódalas maldades cheiran, dan de si a pouco que nos molestemos en outealas. Os vellos dicían: Home prevido, home previsor, vale por dous!. ¿Non se quedarían curtos? Aplicado aos cartos: No Banco sempre lles dixen aos clientes que non era bo poñer tódolos ovos no mesmo cesto, nos mesmos valores, maiormente se eran moitos, e teño a satisfacción de que evitei cracs terribles, a máis de catro.
-.-
Sóbrame civilización; que fago con ela?
Buscar a felicidade, amigo; e se che sobran medios, reparte, que folgazáns hai, e parados, tamén!
Aquí estamos de camiño, e por iso necesitamos alforxas, previsións e provisións, que se hoxe nos sobra algo mañá pode faltarnos. ¿Cultura? ¡Nunca sobra! ¿Honradez? ¡Pero que sexa intrínseca, sincera, e non fariseísmo! ¿Traballo? Ata onde se chegue, traballo ben feito; e se é por conta allea máis obrigados aínda..., porque temos a obriga de ser exemplares, que no mundo estamos para perfeccionarnos, e perfeccionando perfeccionamos ao próximo! Co traballo satisfacemos as nosas necesidades, e de paso cultivamos a caridade, que por certo non é dar do sobrante senón compartir o que teñamos. O que non podamos facer ben feito, está mellor no tinteiro.
Amargados no traballo, co traballo? ¡Iso nunca, que é contraproducente: nin estaremos contentos nin o faremos ben! Comer o pan coa suor da nosa fronte non é unha maldición senón un mérito; malditos son os que comen coa suor dos de enfronte.
Para comer e para amar non pidas axuda aos demais. Por moito que nos bloquee o paro, tendo saúde, humildade e ganas, sempre teremos ao noso dispor aquelo que non quixeron os outros; e para mañá, Deus dirá. Téñenme impresionado eses homes que se ocupan de certos traballos circenses nas cidades, con incomodidades e riscos aterradores, tal que subidos as estadas dos rañaceos, e eu sen atopar un rozador das miñas silvas! ¿Que imán terán as cidades para que así desprecemos o campo?
Coidado tamén coa mecanización, co mecanicismo da cidade, que nos robotiza, e non pouco a pouco. Tal diverxencia de ocupacións ao longo do día, enlazadas a toda velocidade, cus inquedos, cadora nun sitio diferente, nun ambiente distinto, e case sempre distante, comida envasada, rutinas encadeadas, etcétera, que logo parecemos a engrenaxe dunha máquina, estannos levando a unha existencia deshumanizada, irregular e irreflexiva, pouco persoal, e non sempre sa. ¿Seguiremos así; resistirémolo? Hai que facer o posible por normalizar, por aquietar este trasfego, que non se poden vivir catro vidas nunha soa persoa por ben que nos organicemos. Actividade si, a máis posible, pero, controlada!
-.-
Esculcar
Esculco, esculcas, esculcamos..., é o verbo máis difícil de conxugar! Ditosos aqueles anos, aquelas idades, nas que o padriño, e de non habelo, un veciño, nos proporcionaba as mellores suxestións, as mellores oportunidades..., despois de ben informado, por suposto! ¿Agora? ¡Agora non temos a quen botarlle as culpas dos nosos erros, dos nosos desacertos! E cos mozos, ás mozas pásalles outro tanto!
"Casamiento y mortaja, del Cielo bajan". ¡Axá; daquela hai que subir ao Ceo para esculcar, para face-lo casting! ¿Por que? ¡Obvio: porque os outros / as outras, as que concorren aos antros..., eses/esas, para o veciño/para a veciña!
Ante todo, sinceridade, pois quen mente no pouco tamén o fai no moito..., se lle convén, ou aínda sen convirlle, se lle apetece! Que pena que non exista un detector de mentiras, ad hoc! Xa que non existe hai que esmerarse en suplilo. ¿Como? Conversando, pois os frechazos son só iso, frechazos, e non serven para profundar se o elixido/a ¿aguantará? na fidelidade por días de vida.
¿Queremos boa vida? ¡Daquela casemos ben, que así o resto é máis doado de lograr!

Pegoulla Eva ao Adán, ¡burro!, convencéndoo para que catase aquela mazá da soberbia inicial, e iso que non tiña alternativas se fracasaba nos seus arrumacos!
A mazá hai que examinala previamente, e incluso, ¡incluso!, se se queren ter fillos facerse recoñecer..., por se hai, nun deles, ¡chega que a haxa nun deles!, esterilidade xeracional.
¿A outra dote, a de metálico? ¡Iso é o de menos, tendo saúde e virtudes, que máis mazás quedan no Paraíso, das boas, para ir comendo, para ir vivindo!
-.-
As dores máis atroces...
neste "Val das Bágoas", caso á parte das fisiolóxicas, son os baleiros familiares. ¡Cruces sen cireneo!
As ausencias definitivas doen, ¡claro que doen!, pero teñen de contrapartida gozosa esa fe, esa esperanza, de que se nos anticiparon, que están Arriba, que velan por nós, que en definitiva esa é a meta da nosa redención: ¡incorporarnos á eternidade salvífica!
Graves son as outras, eses enconos nos que unha das partes se nega á reconciliación, pois a outra parte desespérase nesa ansia, nesa espera desesperada, ante esa porta familiar que damos por definitivamente pechada.
A forma de relacionarnos co noso entorno está condicionada por como construímos, ¡ou nos construíron!, desde a infancia as nosas relacións familiares, así que, mentres todo vai ben, temos un motivo máis de felicidade, pero o problema xorde, estoura, cando un, ou varios, dos membros familiares se obnubila, cando deixa de razoar, e por tanto, de comunicar. Sanear os vínculos rotos non sempre é factible por boa vontade que poña a parte ofendida, que é, por tanto, a sufrida, a sofrente. Por engado, na práctica cotiá, os ofensores, os ladróns, sempre adoitan negar, presumindo de dignidade. ¡A ver que din Arriba cando os examinen no Tribunal da Verdade, no de San Pedro!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.