O saber, ocupa lugar?
¡Iso é o bo do caso, que a esponxa do saber é..., unha esponxa; canto máis lle damos a gardar máis admite, e máis asentados se senten os coñecementos!

Pero a base, a cimentación, ten que ser ampla, pois as columnas, a especialización excesiva, só é boa para as torres, e non adoitan ser cómodas. Un certo polifacetismo danos seguridade e permítenos amplas xanelas para gozar de panorámicas máis amplas, más suxestivas, máis satisfactorias. Calquera oficio é máis completo se o dotamos dun bo arsenal de ferramentas especializadas; o oficial traballará máis comodamente; elixirá para cada fase do proceso que siga, e a peza resultará, se non perfecta, si tendendo a!
Estudar, aprender, leva o seu tempo... Pero vagar, e divagar, tamén consumen, e por veces custan máis, incluso en diñeiro! Pois isto é cuestión de hábito, que aquí o hábito si que fai ao monxe! Difícil o ten aquel a quen lle concedesen excesivas vacacións pois acomodar o corpo a novos sacrificios é..., iso, un sacrificio, outro, e non todos están dispostos! Díxenlle unha vez a un mendigo de aspecto robusto: -Se che proporciono instrumental, iríasme rozar silvas? Contestación: -É máis cómodo mendigar! Daquela, toma, cinco euros, para que sigas mendigando, que ti es outra silveira!
-.-
Afirmar a personalidade
O básico é: Non nos enganemos a nós mesmos e aprendamos a descubrir, a coñecer, e a recoñecer, o que está ben e o que está mal! ¡Uf; que difícil, pero necesario, conveniente!
Desde que comezamos a coñecernos, a manexar os nosos resortes mentais, o que máis presa corre é seguir pola vía do entusiasmo, que é a mellor, a alcatreada. Con pesimismo, pola vía do pesimismo, a vida levaranos ao fracaso, indefectiblemente. ¡Mirade que grave é isto!
Vivir con entusiasmo tampouco é vivir nas nubes, no irreal, pois ben real é tomar conciencia de que as dificultades son vencibles, case sempre..., con tal de poñer esforzo e medios!
Todo, absolutamente todo, nunca pode cambiar, pero algo si, e ese algo pode ser satisfactorio se o sazonamos cunha dose de ledicia. Dixo Masdeu Brufal (Josep) que, "Perdendo o tempo, o talento e maila enerxía emocional nas cousas que están fóra do noso control, metémonos na recta da frustración, da miseria e do estancamento". Daquela inverte, invertamos, a nosa enerxía nas cousas que podamos controlar e actuemos sobre elas, ¡xa, desde agora mesmo!
Poñamos fe nas cousas: A nosa mente ten que crer na posibilidade das cousas para tirar forzas que nos leven á fin proposta. Non sempre poderemos controlar o que nos pase, pero si controlar e dirixir as nosas reaccións na dirección proposta; previamente meditada, por suposto.
Aceptemos as cousas tal e como son, tal e como veñen; se podemos encarreiralas ao noso xeito, ben, perfectamente; do que non, busquemos alivios, contrapartidas; dentro do posible, obviamente.
Consellos do neurópata Josep Masdeu Brufal: "Cultiva a alegría positiva e limpa, centrándote naquilo que podas controlar. Non o podes cambiar todo, pero sempre se pode cambiar algo. Perdendo o teu tempo, o talento e maila enerxía emocional nas cousas que estean fóra do teu control, terás unha receita para a frustración, a miseria e mailo estancamento. Dedica a túa enerxía ás cousas que podas controlar e actúa sobre elas, ¡desde xa!, pois a mente ten que crer que se pode facer algo antes de intentalo. Non podemos controlar todo o que nos pasa, ¡pero si, polo menos, algo!, o como reaccionar ante as cousas. En definitiva: que esteamos agradecidos polo que temos pois a nosa actitude é fundamental para estar ben, para sentirnos ben, e por ende, para mellorar".
Eu engado: Non depreciemos as cousas pequeneiras de cada día pois os poucos fan moitos; non hai pedra, grande ou pequena, que non estea feita de átomos pequenos; pois a felicidade tamén anda por aí, sumando e gozando da suma. A calidade de vida é a cotiá, a que imos cociñando e gozando paso a paso. Un golpe de fortuna, poño por caso, pode darlle a felicidade ao momento presente, pero a vida é un sumatorio de presentes, e a saber se non nos esnafra un exceso de velocidade para a que non estivésemos preparados. Os musulmáns confórmanse co seu fatalismo: "O que queira Mulana (Deus)!"; nós tamén temos o noso, que aínda é máis práctico: "A Deus rogando, e co mazo dando!".
-.-
Subir, medrar, afianzarse.
Cando nos falan de subir e/ou de medrar sempre o entendemos no sentido económico, no da prosperidade material; non está mal, tratándose dun egoísmo lícito, pero tamén existe o outro, o da consolidación da nosa personalidade, o da madurez do noso carácter. De propósito: Entre os centos, senón miles, de definicións recentes dos doutos na materia, vou escoller, pola súa claridade, a definición de "personalidade" feita polo británico (que emigrou á USA) Aldous Leonard Huxley: "O que alguén é (o que chega a ser) depende de tres factores: do que herdou; do que as circunstancias fixeron del; e do que, elixindo libremente, fixese das súas circunstancias e da súa herdanza". Daquela hai que admitir que temos limitacións, pero tamén posibilidades para vivir a vida ao noso xeito, ao noso gusto.
Nestas limitacións, bo é estar atentos ás nosas evolucións para ilas controlando, para evitar, coa oportuna auto corrección, unha conducta irregular que poda ser perigosa nas nosas relacións sociais; e/ou incluso para a nosa, propia e persoal, evolución.
Ollo tamén a certas psicopatías que, no mundo actual, resultan simpáticas e atractivas para un amplo segmento de devotos das excentricidades! Son individuos que tenden a operar, a manifestarse, en formas demagóxicas e grandiosas, aparentemente liberais, pero pretensiosas e insaciables. A Historia evidéncianos que este tipo de "führers" tardan en ser descubertos; ¡teñen ao diabro de avogado!
Dos trastornos da personalidade non vou falar pois iso corresponde aos especialistas; eu só son, só pretendo ser, un avó que dá consellos elementais aos rapaces. Nestes consellos do que si advirto seriamente, e non me cansarei de repetilo, é da necesidade do auto perfeccionamento, que non só poden matar impunemente os malos médicos, que hai moitas formas de facer dano, incluso un dano inconmensurable, sen intencionalidade, simplemente con só restarlles importancia a cousas que a teñen, que a teñen ou a comportan.
Venlle de raza, dicimos! Algo pode ser, algo diso pode haber, pois científicos temos que se paran a estudiar estas posibilidades, pero o que si teño claro é que os hábitos, tanto os bos coma os malos, arraigan nas familias, quédanse, perduran, así que as infancias..., críanse nese contaxio!
-.-
NA VIDA HUMANA TODO É ADVENTO, ESPERANZA.
Esperanza, non, seguridade, pois Deus non falta á súa palabra: Xerou un Fillo nunha Virxe, que sen deixar de ser Deus pasou a ser Home, e, compadecido da humanidade corrupta, aceptou unha Paixón terrible, con norte de cruz, PERO, ao terceiro día Resucitou, e despois subiu ao Ceo, PARA DEVOLVERNOS A GLORIA, QUE A TIÑAMOS PERDIDA POR CAUSA E POR CUPA DAQUELA SOBERBIA INICIAL.
Xesús vén, e eu vou. ¿Daquela, onde nos atoparemos, nas portas do Ceo, ou nas do Purgatorio? ¡Todo depende de min, pois Deus xa puxo da súa parte o Camiño, a Ruta, para ir a un encontro feliz! O seu Fillo unixénito veu á terra, -visiblemente, quero dicir-, naquel gozoso Nadal, pero eu, mísero de min, en vez de facerlle o obsequio da miña alma, favorecida e lavada co seu bautismo, sulfureime e, a imitación da Avoa, obnubilado polo orgullo herdado, desertei do seu ensino, latei as clases do meu Mestre, meu insigne Señor! ¡Apaguei a luz da misericordia de Deus, que foi tan xeneroso comigo que me deixou entrar no mundo en pleno auxe do Cristianismo! Receita para esta enfermidade anímica? ¡Confesión e comuñón, por suposto; non temos outra!
Reflexións para un Advento ben avido: Comecei o meu Catecismo convencido de que se cantaban os Reis para recibir un aguinaldo; e nisto me baseaba:
Canteiche os Reis, guedellos de cabra;
canteiche os Reis e non me deches nada!
Como nacín con mal oído, en vez de cantar escoitaba; escoitaba ao meu entender, simplemente observando aqueles regalos que lles facía miña madriña aos veciños cantores.
-Madriña, esa libra de chocolate..., ¡co ben que sabe!
-Dóullela aos Reis, a estes pastorciños do lugar, que están recadando para que o Neno Xesús nos teña por agradecidos, tantos favores que lle debemos, e logo están os que esperamos recibir, de hoxe en diante!
-Madriña, onde está o favor, pois o de cantar calquera o fai..., tendo un bo oído!
-Cantes ben, cantes mal, tamén tes que ensaiar, pois na Gloria todo é gloria, todo é cantar..., en loanzas ao Rei, ao auténtico, que foi capaz de dar a súa vida por salvarnos; claro que, como é Fillo de Deus, despois resucitou. ¡É o único rei que o fai, pois os outros, os deste mundo, que á Historia me remito, en vez de dar a súa vida aprovéitanse da dos súbditos..., para nutrir o seu peito, quero dicir, o seu reinado!
Así comezou o meu Catecismo! ¿Que tal? ¡Peor puido ser, que non todos teñen, ou tiveron, unha madriña de pías!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.