Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir a vida / Advento (13)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 03 de octubre de 2025
Quen diga que ao neno non lle custa vivir, é que non foi neno.

O neno, os nenos en xeral, traen moito ímpeto, pero vense rodeados de atrancos, de dificultades, da mañá á noite, e cadora máis. Vivir a vida / Advento (13) Por isto mesmo necesitan máis reforzos, máis protección, máis comprensión, e se llela negamos, desespéranse, péchanse en si mesmos, fanse esquivos.

O neno que se cría na aldea ten o mundo máis reducido e pode abranguelo mellor, pero os traslados son readaptacións ao medio, e tarde ou cedo, aínda que que só sexa para ampliar estudios, terá que ir, ou permanecer, na urbe, nestas urbes monstruosas e inhumanas que nos inventamos nos dous últimos séculos. ¡De pouco serviu aquel escarmento da Torre de Babel!

Os medios de comunicación reduciron, acurtaron, estes desencaixes, co conseguinte alivio ou atenuación, pero á larga o cosmopolita séntese máis aclimatado, aínda que nunca desde o primeiro día. Iso de recorrer toda una rúa sen cruzamento con ningún coñecido, por máis que os urbanícolas digan o contrario, é unha miseria humana; ¡claro que o estamos suplindo coas tabletas telefónicas, coas que, a falta de presentes, falamos, ou tratamos de falar, cos ausentes!

Na formación do carácter as mudanzas tenden a ser boas porque, nesas readaptacións, facémonos máis sociables, máis extravertidos, e o neno pode ganar en auto confianza ao ir vencendo esas dificultades, e de paso, mellora as súas habilidades sociais.

A Asociación Americana de Psiquiatría Infantil y de la Adolescencia, confeccionou unha Lista de pasos para facilitar los traslados de los niños, na que recomendan: -Explicar aos nenos dunha forma clara o por que do traslado, a súa necesidade e/ou comenencia. Familiarizar ao máximo aos fillos coa nova área de residencia, tal que usando mapas, fotografías, guías turísticas, periódicos locais... Tamén describir e ponderar as vantaxes da nova residencia e lugares que o fillo poderá visitar e gozar.

Unha vez realizado o traslado, recomendan que os nenos participen en actividades locais de grupo. No íntimo, procede, e convén, facelos partícipes nas decisións de moblaxe, decoración, utilización do entorno, tendas, etcétera. Todo iso evitando a ruptura coas relacións establecidas na residencia anterior, cousa que agora é posible grazas á telefonía.

No particular, poño de testemuñas aos meus fillos de que ben tratamos de cumprir estas premisas no noso traslado desde Xixón á Coruña, e eles dan fe do agradable que lles resultou un cambio tan brusco en mil aspectos, na súa idade colexial para máis impacto.
-.-

Explicacións de contido sexual.

O neno, gradualmente, necesítaas, aínda que non se atreva a pedilas. Pero isto é materia que se lles dá mellor ás nais, o que tampouco significa mutismo no pai, de ser requirido ou interrogado. Paulatinamente: Tacto, prudencia, delicadeza, realismo; que se descubra a si mesmo, e que descubra as novidades con recato, como un coñecemento científico máis.

Nisto tamén leva vantaxe o neno criado na aldea, atento á reprodución e cría dos animais. Outra vantaxe é criarse con irmás. Pola miña parte só podo engadir que me axudou moito asistir a unha escola mixta: ¡As outras non deberan existir!

Domar o instinto reprodutor non é tarefa fácil: Nin do propio interesado nin do seu entorno familiar; particularmente deste. Pero hai que meditar nas consecuencias; meditar e facer que mediten. Non sabemos como estaban previstas as cousas aló atrás, daquela do Paraíso, pero despois da caída, fillos; fillos e fillas, tiveron, que así nos traspasaron as consecuencias do seu pecado, do orixinal. Se non houbo máis que unha parella iniciática, o incesto subseguinte foi inevitable. Claro que, feitos uns animais coa brutalidade e coa soberbia daquela caída, igual nin se decataron diso!

Advertencia importantísima: Non caiamos na simplicidade materialista de pensar que Deus ten un almacén de almas inéditas e que lle remite unha a cada neno, segundo sae á luz, para que a estree. Lembremos como foi a transmisión nos corpos, pero tamén nas almas, do pecado orixinal: Ao xuntarse os gametos non só se xera un corpo senón que tamén lle enxertamos un alma, partindo das nosas, formándose unha especie de partenoxénese, pero común, unitaria, por fusión, da parella fecundadora. Así, toda acción postcoital, abortiva, é un crime, no prazo que sexa, pois, ¡con un corpo, xunto con un corpo, matamos un alma, mandámoslla a Deus, pero o xuízo non vai ser do feto, meu pobre, senón noso!

Ata os paxariños nos ganan nos preparativos da reprodución, pois todos eles, salvo se acaso o cuco, ben que se preocupan de face-los niños nun medio que lles proporcione certa seguridade, e de paso, abastecementos axeitados e suficientes. ¡Nada de carta a París, e despois, na fronteira, que pase o que pase! Enxendrar, xerar, irresponsablemente é outro pecado de orixe, outra tentación luciferina, de consecuencias aterradoras. Logo veñen os abortos, eses crimes que se pretenden ocultar baixo a fórmula farisaica de, "interrupción voluntaria do embarazo". ¡Á interrupción da tentación pasional, querido animal, é ao que hai que ir, tanto homes como mulleres! ¿Aquilo da Eva, sería unha mazá, ou sería concupiscencia, acaso co propio Lucifer?

-.-

O razoamento

¿Así que todo isto para aprender a razoar; tan difícil é? Cando nos poñemos a razoar é como se nos puxésemos a racionar: Tomamos unhas doses de coñecemento, sentámolas nunha especie de parlamento, e abrimos a sesión por quendas: suxestións, diatribas, asesorámonos, pros e contras, para acabar votando. ¿Quen gaña? Os votos veñen de atrás, así que a maioría, aquelas inclinacións que teñamos máis cultivadas, serán as gañadoras! Visto do outro lado: As ideas predominantes son as que nos fixeron así, desta maneira; ¡somos así, decidimos así, porque nos fixemos así no noso proceso vital! Por tanto, a decisión final, a predominante, será un razoamento vitorioso en nós mesmos, coas doses de prudencia que nos caractericen.

A función da memoria no razoamento é presidencial: Vai sinalando as roldas, as oportunidades, aos grupos de coñecemento almacenados; ¡ábrelles quenda, e ponos a discutir, a comparar, a formular advertencias!

A estes efectos, a comunicabilidade entre os nosos "almacéns"? O cerebro, por cultivado que o teñamos, non pode debater, subministrar, simultaneamente, ideas inconexas, así que as vai examinando, proporcionando, na orde de preferencia que lle dite o noso carácter. E como os caracteres son mixtos, que non os hai puros, singulares, tamén aquí se produce unha alternancia de ideas, que se irán desenrolando con preferencias para os antecedentes máis gravados ou mellor aceptados.

¿Que somos complexos? ¡Iso ademais de retortos, pero unha auto educación pode coas tentacións, cos decaementos; Deus mediante, iso si!

Toma de decisións. En definitiva, para que razoamos? ¡Para tomar decisións, pequenas ou grandes, íntimas ou externas, que é o que estamos facendo día por noite, salvo nas horas nas que o sono nos anestesia! ¿Aféitome hoxe, ou déixoo para mañá? ¡Os meus conselleiros cerebrais debáteno, e eu, servidor de min mesmo, acabo decidíndome!

Daquela as decisións teñen o seu proceso, que pode ter infinitos espazos e variantes; e tamén un inimigo, que son as precipitacións, así que é bo ir por etapas, botarlles un tempo acorde coa importancia e coas circunstancias, pero nunca frear en seco. Isto último non me cansarei de dicilo, comezando por recomendarmo a min mesmo.

Se coñecésemos de antemán as consecuencias, obviamente dubidaríamos menos, pois temos o caletre dispoñible para pensar, medir e contar. Co pensamento, tiramos de datos; despois medímolos, sopesámolos, e aló por dentro fálanos un árbitro, unha especie de amigo que nos advirte das consecuencias de cada tipo de resolución. ¿Estamos encantados? ¡Algo así, pero, coidado coas figuracións porque o corpo é moi vago, e como tal, tolambrón: daquela non descoidemos o estudo das consecuencias!
-.-

As cautelas

Son os freos dos nosos cabalos, en particular do cabalo do orgullo, que sempre é temerario. Sen esa capacidade cautelar, ¡coa de precipicios que ten a vida...! Precipitación = precipicio.

A definición máis sinxela, e á vez máis concreta, pode ser esta: Cautela é a precaución e mailo coidado postos no noso proceder. ¡Vaia, unhas cancelas!

Os riscos poden ou non ser detectables de antemán, así que o escudo cautelar ten que formar parte do noso uniforme habitual, cotián. Así dicimos que actuar con cautela é dotarnos dunha protección apriorística que impida un dano potencial, sexa para nós ou para terceiros. Tanta importancia ten socialmente, que tanto a cautela como a contracautela dan moito xogo no campo do dereito.

De Robert Burns: "Lémbrate (sempre) que a cautela e maila prudencia son as raíces da sabedoría".

Do outro lado temos a imprudencia, que vén a ser a falta de tacto, de mesura, ¡de cautela!, de precaución, de discernimento e de bo xuízo, por parte dos actuantes.

¡Que complicados somos, pero temos unha intelixencia feraz, produtiva, digna de ser cultivada; e de cultivada danos escolta..., de por vida!

¡Ollo tamén: A cautela non é debilidade senón todo o contrario, fortaleza en acción!
-.-

As présas

Xa o teño contado: Volvíamos da Misa de cedo meu padriño e mais eu. A igrexa de Montecubeiro dista de Bergland, polo camiño vello, unha media hora a paso normal. Nisto que vemos, baixando do Escouredo, á señora María Antonia do Roxo, corre que te correrás, arrastrando nunhas zoquiñas lampas. -Señor José, vou para a Misa de tarde; ¿chegarei a tempo..., antes de que o señor Cura cerre a porta? Meu padriño: -Se vas engorde, chegarás; só se vas engorde. ¡Nin se despediu, e como era costa abaixo, deulle ao acelerador! Ao instante, que nin pasara un minuto, oímos uns berros desesperados: -¡Señor José, señor José, auxilio...! Volvemos sobre os nosos pasos; o espectáculo era dantesco: A señora María Antonia, espatarrada no chan, véndoselle a fanguela..., e cunha zoca rota! ¡Tropezara nun dos mil croios do camiño de carro! Pesaba bastante, demasiado para un neno, e tamén para un vello, pero entre os dous conseguimos upala, e coa mesma retornala á súa casa, "suai-suai", que diría o moro, entre os dous..., coa zoca sa, pois a outra, a rota, alí quedou. Cada pouco houbo que descansar pois no pé da zoca rota quedáralle unha deda desconxuntada, ¡e menos mal que meu padriño, que era albeite, sóubolla compoñer!

A presión dos acontecementos, se non lle poñemos o "Stop", lévanos ás precipitacións, escravízanos. Esa presión, coa subseguinte sensación de sufoco, fainos tomar decisións precipitadas, pouco maduras, pouco axeitadas; e como consecuencia desta cultura da inmediatez, abocada ao "facer" e ao "ter", apenas nos queda tempo para "ser", ¡para ser nós mesmos, ese tipo, ese modelo, que nos convén ser!

Dixo Isaac Newton: "Se fixen descubrimentos valiosos foi por ter máis paciencia que calquera outro talento". ¡Igual tiña razón!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES