Delegacións educativas
Entre os divorcios e mailo traballo da muller fora do fogar, asistimos a un proceso inusitado de delegacións educativas "a fortiori". É un problema de difícil resolución satisfactoria e/ou completa.
Nestas delegacións comezamos polos avós, seguimos polas garderías e rematamos nos centros escolares, aos que lles ampliamos a función instrutiva acumulándolles unha boa dose educativa.
Os avós asumen esta responsabilidade nunha idade na que teñen acumulada experiencia pero fáltanlles forzas, azos, para facerse obedecer. En paralelo, os nenos, que o cheiran todo, observan que as vicisitudes dos pais os apartan dos seus proxenitores, así que se crían nun ambiente de independencias prematuras, arrefriando con eles as comunicacións formativas e pasando ao colo dos avós.
Pola súa parte as garderías igual o teñen máis fácil pois os cativos non botarán tanto en falta a calor fogareña, e serán máis dóciles.

En todo caso asumen unha responsabilidade educativa suplindo os fogares.
Polo que respecta aos centros de estudio, aínda que só sexa para lograr un nivel aceptable de disciplina e de convivencia, non lles queda outra que tourear eses "novillos" bravos, que llelos dan, que os reciben, sen burladoiro posible, así que teñen que simultanear a instrución, que era o deles, coa educación elemental delegada.
Os nenos desta xeración, segundo vaian medrando e formándose, auto formándose, teñen outra carga, a maiores: auto puírse en aspectos que as xeracións anteriores, ¡felices nós!, recibían, recibimos, na calor do fogar. ¡Pobriños! O único que isto ten de bo será que, con esta nova esixencia, faranse máis conscientes de que vivir a vida, vivila honestamente, é un asunto sumamente persoal e urxente.
-.-
¡En definitiva, isto é o que nos pide a vida; sempre, e de sempre: crear, participar na creación! ¡Na positiva, obviamente! Pero iso de conectar con xeito require arte, ganas de facer o ben e de facelo ben feito! Daquela poñámonos a navegar: ¡Avante toda!
O mar da vida adoita ser, adoita estar, bravo; somos os primeiros en embravecelo cando nadamos contra corrente, que non sempre é inevitable.
O noso gran dilema sempre é, e sempre será, Quieta, non movere, ou si? Se nos detemos no sistema xurídico, por analoxía, este preito téñeno resolto os anglosaxóns, e chámanlle "common law": "Estar ao decidido e non perturbar o xa establecido, o que está quieto". Quere dicirse, que se deben respectar as decisións precedentes, os "precedentes". En Inglaterra un só precedente constitúe dereito e xera obrigación. Pero os latinos somos máis inquedos e impórtanos un beldro a resolución casuística en tanto en canto non se repita no tempo e xere un costume. Hai, por tanto, unha diferencia metodolóxica radical entre os dous sistemas: No dereito continental moderno, como ocorría no dereito romano, o énfase non está no caso individual en particular senón nunha serie ou grupo de casos que crean unha práctica xeneralizada.
Un latino é, somos, máis ingobernables, máis..., inquedos! ¿Ou haberá que dicir, máis creativos? Por outra banda, xa que tan críticos somos, ou tan creativos, por que seguimos tan lonxe da perfección? ¿Consultamos pouco coa almofada? ¡Inclínome a pensar que durmimos pouco, así que o noso cerebriño anda esgotado coas imaxinacións volubles, tanta tele, tanto cine irreal, fantástico...! (Unha paréntese: Admiro Suíza desde que vin baleiras as súas rúas pouco despois de acender os farois; así están de ricos e de pacíficos!).
A mellor receita para conectar cousas, ideas perfectibles: Levalas á cama, cedo e con pouca cea; ao amencer teremos dúas luces abrentes: a interior, e maila do sol.
-.-
Pasar páxina
'To be, or not to be, that is the question': ¡Esa era a "question" no drama Shakesperiano, pero na miña filosofía, na normal, na dos seres normais, a cuestión é outra, distinta! Hai que ser, que para iso somos, para iso nacemos: feitura do Deus que nos fixo, así que, a imitalo! Dentro das nosas limitacións, por suposto. O Fillo de Deus, encarnado nunha virxe para tomar forma humana, comportouse con exemplaridade, púxonolo fácil: ¡imitémolo!
Tamén tivo tentacións porque Lucifer, na súa ousadía, non se priva de nada, pero ben que o arredou con catro verdades, anulándolle aquelas pretensións diabólicas, propias da soberbia diabólica, pois a verdade auténtica estaba en Xesús, con Xesús! Pola nosa parte digámoslle, tamén con Cristo, igual que Cristo: Vade retro, Satana!

Nas tentacións de altiveza o procedente é pasar páxina, quitarse os loureiros da cabeza, precisamente para iso, para ser, para ser o que realmente se é, ou se quere ser, un ser digno e sensato! Outra cousa é non ser, aparentar ser, séxase, defraudarse a un mesmo.
As aparencias afuman, volatilizan a personalidade, converten a vida nun carnaval de excesos; o realismo, a sinceridade, por crúa que resulte a veces, fai da persoa un ser sociable, digno de convivir cos mellores, de aspirar cos mellores ao premio eterno, ao definitivo. As glorias indignas son fume de carozo con cheirume de xofre; páxinas borrosas pero imborrables, indestrutibles, que enxurran a nosa biografía. Por iso compre pasar páxina, canto antes, antes de que a tentación se faga destrutiva e transcendente nas súas consecuencias.
-.-
Non hai unha metodoloxía ad hoc para construír a personalidade humana porque..., porque a casuística sería infinita: hai que ir resolvendo segundo se presentan os casos, as circunstancias, as posibilidades...!
Porén, a infancia ten o campo máis delimitado, máis experimentado, máis visible. Con unha boa dose de cariño e un certo nivel de medios económicos, crear, puír, á vez, un santo e un sabio é tarefa factible. Iso si, con moita atención ás torceduras, tan fáciles e catastróficas se non son enderezadas a tempo. ¿Quen é capaz de tutelar unha árbore medrada?
Levalos de man..., que tamén nos levaron a nós! Aquí xa temos dous pecados: Renegarlle a Deus a encomenda que nos fixo dos seus anxos, e de paso, un desagradecemento para con aqueles que nos coidaron a nós. Claro que, a maior responsabilidade, mérito meirande.
Nunca sobra a Pedagoxía, pero ese vínculo paterno-filial xa aluma de por si, a tal punto que máis vale amor sen pedagoxía que pedagoxía sen amor, sen ganas, sen vocación. O leite segue ao parto; a intuición educativa, tamén. Isto é tan evidente que non se precisan máis explicacións.
Algo que non se pode descoidar na educación é o cultivo da perseveranza: Os nenos traen tendencia a distraerse, ¡mil cousas que lles chaman a atención, e para iso, simultáneas! Cos estudios, levalos polo camiño da amenidade, da importancia do tema no que se está en cada momento. As vantaxes de ir avantaxado nos deberes. Que os problemas e demais dificultades resólvense atentos a tódolos datos, ¡a todos! Que un despiste pode estragar os xogos, os resultados. Facerlles ver o grato que é lograr as metas propostas. Cordialidade, entusiasmo nas boas notas e alentos de recuperación para as malas. Manualidades que esixan concentración. E mil cousas máis, que saen soas cando nelas poñemos cabeza e corazón, asemade.
Sen perseveranza non logramos fortaleza de ánimo, e sen ánimo estamos derrotados de antemán: ¡De postos a andar, chegar ao final!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.