Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir a vida / Advento (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 26 de septiembre de 2025
Estudiar, vicio ou virtude?

Se lle chamamos vicio, non o hai máis pracenteiro; pero se o aceptamos como virtude..., lévanos ao Ceo! Claro que non tódolos días apetece, e o cansazo físico repudia o estudio, pero sempre teremos á man un curro solitario, tranquilo, ben aclimatado, para falar sos, porque estudiar é iso, falar con nós mesmos, discutir con nós mesmos. De discutir con outras persoas estaremos fartos, pero facelo con nós mesmos conforta.

De recluídos, de postos á mesa, ou espanzullados na butaca, o alivio é inmediato; tanto, que incluso charlamos sen gastar saliva. O libro é ademais o único interlocutor que podemos despedir, eludir, desairar, sen crearnos un inimigo.

Razóns para estudiar, para seguir estudiando, para non parar de facelo? ¡Tantas como para vivir, pero poden sintetizarse nunha soa: apropiarnos sen roubar, que xa é o colmo!

Vivindo auto construímonos; estudiando vivimos, multiplicámonos, medramos, evolucionamos, tendemos á perfección. Nos comezos, ¿que outra cousa útil poderíamos facer, ademais de que nola impoñen, e precisamente en ben noso? Isto trae de consecuencia subseguinte premios e/ou castigos domésticos, así que a elección e doada. Compracemos aos pais e aos profesores, que tamén é un estímulo. Cos estudios, por medio deles, indagamos o futuro, inclinándonos cara á profesión posible para a que nos sintamos proclives. Nos libros atopamos resposta a uns cantos inquéritos dos que a vida nos vai provendo. Se me educo, se me auto educo, álzome socialmente, e de paso capacítome para ser útil, para corresponder con esta sociedade que me está..., aguantando e soportando!

As sinaturas, os temas "rollo"? O amor propio debe levarnos a prestarlles a mellor atención, o máximo esforzo posible, precisamente por iso, porque vencelas ten máis mérito. ¿Cantas cousas incómodas, e incluso de risco, facemos na vida tomándoas a deporte? ¡Pois que mellor deporte que culminar, superar, dominar, un tema árido, encrespado, agreste!

Unha recomendación infalible é que non se pode, non se debe, estudiar a estilo "empollón" senón reflexionando a cada intre; subliñar, tomar apuntes, valerse de dicionarios e demais libros de consulta...

Alternancia de estudios e/ou traballos. A preferencia pode ser: Comezar polo fácil para quentar motores, para sentirnos acelerados cando nos poñamos co difícil. Ou o contrario, atacar primeiro as dificultades, e, de cansados, o fácil? Pois non, non caben regras xa que cada persoa vai consolidando os seus hábitos, e acabará por decidirse segundo lle diten a súa experiencia ou estado de ánimo de cada momento.

-.-
Crear hábitos de estudio

Conta a memoria natural, a capacidade memorística, por suposto, pero a formación de hábitos axeitados de Vivir a vida / Advento (11) estudio son o mellor predictor do éxito, entendendo por "hábito" a facilidade adquirida para a súa execución mediante o adestramento nas diversas actividades que implica.

O estudio, como actividade humana, ten que someterse a certos principios de racionalidade e de economía; ¡é un traballo, non un xogo! A onde queremos chegar? Como en tódalas actividades racionais: Obter o máximo rendemento posible con un esforzo admisible. ¡Cuestión de organización, como todo na vida!

Organización? ¡Elemental, querido Watson! Por tratarse de algo persoal, e por conseguinte, circunstancial, o alumno/a axustará o seu tempo segundo o teña dispoñible ás distintas áreas de aprendizaxe. O estudio será máis levadeiro, agradable e eficaz, con menor fatiga mental se evitamos as acumulacións de última hora; ¡é o castigo dos preguiceiros! Condiciónate a un traballo diario, metódico, que así creas hábito e favoreces a concentración. Rompe a tempo coas indecisións, coas improvisacións, que son outras tantas rémoras.

Planificación? ¿Pódese construír unha torre sen planos? ¡Pois nos estudios ídem de lenzo! Trátase de algo persoal, que ninguén nola pode aconsellar porque ninguén entra nos nosos arquivos. Coñecemos o noso tempo, e tamén as nosas potencias; dito doutro modo, os nosos materiais, así que, con estes datos persoais, definiremos as características posibles da nosa 'torre'. A planificación ten que ser práctica, axeitada á persoa, e por ende, ao tema; e non nos embarullemos en filigranas que despois non sexamos quen de realizar. ¡Que a medida sexa medible! E flexible, iso tamén, pois non somos propiamente un reloxo, e cámbiannos as circunstancias cadora. Xa que ten que ser flexible, será rectificable, acomodaticia. ¿Escribila, apuntes? Tamén o fago eu cos santos e cos cumpres da parentela; é unha cousa boa cando se ten moito a que atender. A planificación aforra tempo e esforzo, dúas economías importantes.

Vístome segundo a onde quero ir... Pois en materia de estudios, algo parecido. ¿Onde estou, e a onde vou? Partindo do que teño, calcularei o que me falta; pero nunca botar a andar sen saber para onde, que tempo fai, que precisarei para andar o camiño... A meta ten que ser aceptable, tanto na moral como na ética; por min, por suposto, pero tamén polos demais, nos demais, pois nin os lobos andan sos!

Recomendacións que adoitan facer nos colexios:
. Estudiar tódolos días o mesmo tempo e, de ser posible, ás mesmas horas.
. Dedicar ao estudio as horas nas que o rendemento sexa máis alto.
. Non trasnoitar, pero tampouco madrugar excesivamente.
. Poñer a orde de estudio de cada materia de acordo coa propia curva de traballo, para mellora-lo nivel de concentración.
. Distribuír o tempo de estudio para cada materia de acordo co grado de dificultade e coa esixencia persoal.
. Estudiar en períodos seguidos, intercalando pequenos descansos despois de cada período.
. Concretar, ter claro, definir, o que teño, ou quero, estudiar en cada período.
. Por encima de todo, ineludible se quero avanzar: constancia, constancia, constancia...; e non desanimarme se nos primeiros días se nos atranca un tema, unha materia: as dificultades véncense acelerando, séxase, botándolles corazón, peito e cabeza.

Cando, e como, descansar nos estudios? Se vas normal, non frees nas rectas, non o fagas nos momentos de maior rendemento. Se a mente che pide descanso, faino tan só cando observes que o teu rendemento e maila túa concentración decaen. Non aproveites os descansos para ocupacións que che fagan perder a concentración; (se perdes ese programa, outros virán, pois o que é televisión, sobra!). De cando en vez, fai exercicios de relaxación; ¡de relaxación, ¿eh?, pero non de abandono! Nos períodos de estudio os descansos, os recreos, as relaxacións, deben ser curtas, pero sen normas ríxidas ou concretas, xa que iso depende do funcionamento dos nosos motores.
-.-

Onde e como estudiar. Escenarios.

Estes efectos, estas comodidades, estas vantaxes de hoxe en día, que lonxe nos deixan das cavernas! Pero unha caverna con boa claridade, ciencia pura! O profesorado adoita facer estas recomendacións: Lugar cómodo pero austero..., que nos aquiete. Silencio, que nin moscas! A música para os descansos, e se é desafinada, nin iso. A tele..., en su lugar, descanso! A luz tamén debe ser axeitada, fría e non distante; para os zurdos, pola dereita. A luz produce fatiga se é demasiado intensa ou directa. A temperatura ideal para o rendemento, na nosa raza, sexa estudio ou traballo, ¡xa o dixeran Frederick Taylor e Henry Fayol ocupándose da organización científica e racional do traballo!, anda entre os 18 e os 22º C.

Con ser todo isto importante e medible, non perdamos de vista que o cerebro é moi sensible ao nivel do osíxeno; ¡ollo ás ventás! (Que a gusto me sentía eu, co libro debaixo do brazo, gardando nas vacas, alí en Montecubeiro, a 500 m. sobre o nivel do mar; ollada ao libro e ollada ás vacas, e aínda así!).

En canto á mesa, nin estudiando nin traballando me sentía a gusto nun taboleiro deses de xefatura, e peor aínda recargado de papeis. O estudio pide, esixe, soidades de todo tipo; así que cando vexo na tele eses grandes homes rodeados de moreas de papel, penso: ¡Canto dano estás facendo, que así é como debe estar o diabro, con tantas follas de ruta simultáneas! Variar de local tampouco é bo porque sempre haberá algo que nos chame a atención, que nos descentre.

Esa teima dos apuntes. ¡Ten a súa ciencia! Captar, sintetizar, esquematizar, e de paso, escribir, non é doado, e por engado os profesores adoitan ter pouca consideración co alumnado: ¡Soltan o seu rollo, metrallan, e, ata mañá! Algúns trucos, agora que a taquigrafía quedou demodé: Letra sinxela, seca, áxil, de pouco grafismo. Especializarse en abreviaturas de uso propio, persoal. O caderno que sexa de follas de recambio para poder retirar e/ou intercalar. Deixar marxe para anotacións ou aclaracións posteriores. Para logo non liarse, comezar con data, tema e algún indicativo que facilite a reinterpretación. Habilidade para anotar unicamente as ideas principais, as xeratrices do temario. Non levantarse do sitio ata que intercalemos aclaracións ou anotacións que concreten o asunto. Por último, ¿pasar a limpo os apuntes? Nunca o fixen, pero observo que é usual facelo para que non se evaporen as ideas principais, clave da explicación. Nisto, como en todo, aterse aos hábitos persoais pode facilitar as cousas.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES