A nosa muralla
Santalla, Iago - miércoles, 24 de septiembre de 2025
"Muralla ya, Patrimonio de la Humanidad". Creo lembrar que era un brevísimo anuncio de Telelugo que reivindicaba por aqueles días o nomeamento da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Non foi maxia, non foi gratuíto. Foi unha iniciativa cidadá, moi ben liderada a nivel político (houbo unanimidade) que conseguiu implicar a cada persoa nesa arela colectiva que reivindicaba a orixinalidade de Lugo no mundo.
O proxecto Cumulum, liderado por Luz Darriba, conseguiu, con man de obra exclusivamente voluntaria, rodear a Muralla de libros. A xente de Lugo non esquecemos o avance daqueles libros pendurados dunha valla que ía rodeando aquelas pedras que nos enchen o corazón para que o mundo recoñecera e visitara a orixinalidade que queríamos compartir.
Logrouse e, a partir de aquí, empezamos a amala moito máis. De aí empezaron investigacións que trouxeron musealizacións in situ como a Casa dos Mosaicos ou a Necrópole do Museo Arqueolóxico de San Roque.
Quizais, o máis importante da Muralla non é a propia historia senón como moldea a intrahistoria da xente de Lugo: primeiros bicos, risas, conversas, e tantas historias imposibles de recoller na súa totalidade. Hoxe, a nosa Muralla ten a sorte de ser de todos e goza dunha maioría absoluta de respecto. É incrible pensar que nos anos sesenta houbera un debate aceso entre murallistas e antimurallistas (que defendían que a chegada do coche debía supoñer pensar no tráfico e que a Muralla dificultábao). Estou seguro que o antimurallismo no 2000 estaba reducido a 0 e que aqueles que o propugnaban nese ano estaban a favor da peonalización.
Como cambia o pensamento! Grazas a esa evolución, erguémonos hoxe nunha muralla aberta ao mundo que quere darse a coñecer e forxar na memoria de cada visitante un recordo de admiración que o incite a volver.
Viva a nosa Muralla, Patrimonio da Humanidade!

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora