O trasacordo galego
Cando Camoens chamou cautos aos galegos, non quixo chamarnos traidores senón reservados. Escarmentados de diferentes vexacións ao longo da nosa Historia, demos en ser cautos e recatados; non para facer dano algún senón para que non nolo fagan. Isto é laudatorio: ser sinxelo dun modo natural, e saber ser cauto nas ocasións.
Esta prenda, esta virtude, apropiada e cultivada, característica máis ben do rústico galego, ten un nome, propio e apropiado: o trasacordo. Timeo danaos, et dona ferentes, (Temo aos dánaos (gregos) incluso cando traen regalos), que dixo Virxilio. Esta cautela prudentísima que usamos os galegos apréciase especialmente cando nos atopamos na emigración, ante o descoñecido.
Da verba "cauto" dixo frei Martín Sarmiento que "ten moitos sentidos bos, e poucos ou ningún malos". Explica que "cauto vén do verbo latino "caveo", e recorda as moitas veces que Xesús lles ordena aos seus discípulos que fosen cautos, para o que cita parcialmente (dando o resto por sabido) estas palabras del recollidas polo evanxelista San Mateo no capítulo10. versículo 16: "¡Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpentes, e sinxelos coma as pombas".
-.-
Autoestima.
A nosa percepción avaliativa.
¡Coidado co pesimismo pois poden bloquearnos os complexos, os nosos sentimentos de culpa, así como os pensamentos negativos sobre o que somos, o que facemos, ou deixamos de facer!

Aumentar, axustar, equilibrar, a autoestima é vital para que nos sintamos ben con nós mesmos. Dicía o Isidro do Campo, que foi meu veciño en Bergland, e en certas filosofías infantís o meu mestre: Non hai mellor vida cá dun só levándose ben. Agora digo eu: ¿Facemos por levarnos ben con nós mesmos?
A autoestima é a valoración que facemos de nós mesmos sobre a base das sensacións e das experiencias que fomos incorporando ao longo da vida.
Todo ser humano, sen excepción, polo feito de selo xa é digno dun respecto incondicional dos demais, pero tamén de si mesmo. Somos persoas e compre demostralo para, consecuentemente, comportarnos como tales, e tamén para esixir xusta correspondencia.
Os autos do meu garaxe:
Auto recoñecemento, que ten un retrovisor que me di como creo que son; así recoñezo as miñas necesidades, habilidades, potencias e debilidades; as calidades corporais pero tamén os valores psicolóxicos. Vexo nel, dime, como son as miñas accións, como actúo e por que o fago; que sinto en cada tipo de circunstancias.
Auto aceptación. A miña matrícula é única; acéptome como son, e así me mostro. Como son, e me teño, por falible, só me cabe lavar o auto, poñelo presentable para que realmente sexa aceptado, con agrado, polos demais.
Auto valoración. Esa tendencia a buscar e a valorar todo aquilo alcanzable que me faga sentir orgulloso de min mesmo.
Auto respecto. Sempre con reciprocidade. Algo así coma o Do ut des dos romanos; ¡douche para que me deas! Defínese como o convencemento de que tanto os desexos como as necesidades de cada un son dereitos naturais, así que, se para min si, para ti tamén.
Auto superación. Aquilo dos emigrantes: Cando volvas, trae o mellor coche que haiga! Se son consciente do meu nivel, procurarei por tódolos medios ¡honestos! ao meu alcance non só non retroceder senón acelerar, dentro das miñas capacidades e potencialidades por suposto. A auto superación vaise logrando ao sumar pequenos logros diarios; o pouco é algo, e de poucos fanse os moitos.
Auto eficacia. Cando se sae adiante, cando se mellora, por pouco que sexa, evidenciamos eficacia nos medios e nos procedementos utilizados; tiramos experiencias positivas, construtivas. Para que haxa eficacia é indispensable coñecerse, saber que mandos debemos utilizar.
Auto dignidade. Poñer, e recibir, seguridade no que fago; é o pulso de que o que fago está ben feito, tanto se o mido cos meus baremos como cos niveis do meu entorno..., considerando que estes sexan obxectivos!
A auto eficacia e maila auto dignidade son pilares insubstituíbles e firmes da autoestima.
O desenrolo da auto estima positiva aumenta a capacidade de tratar aos demais con respecto, benevolencia e boa vontade, favorecendo as relacións interpersoais enriquecedoras e evitando as destrutivas.
Segundo José-Vicente Bonet, A importancia da autoestima apréciase mellor cando cae un na conta de que oposto non é a heteroestima, ou estima dos outros, senón a desestima propia, trazo característico dese estado de suma infelicidade ao que chamamos depresión.
¿Depresión? ¡Lanzarse ao baleiro sen paracaídas! Se a temos, se nos entra, corramos ao médico, pero nunca, nunca xamais, ás drogas, que son o suicidio dos covardes.
-.-
Nunca falta un cireneo... que nos axude a levar a cruz. Pero hai que ser sociable, hai que merecelo; e tamén hai que corresponder.
Á primeira vista, a vida urbana é unha cocteleira de descoñecidos; deambulamos sen sequera ceder o paso; preguntamos sen anticipar un simple e cortés, por favor; nin levantamos o paraugas para que crucen os que van sen el; pero cando hai unha catástrofe, a xente acude en masa, proba de que aínda non se perdeu todo, de que aínda quedan cireneos..., mellores cá aquel, pois escrito está que o fixo obrigado, mandado polos romanos, que temeron que o Cristo non lles chegase vivo ao Monte Calvario!
¡Deus, cantos cireneos levamos tido ao longo da nosa vida, e que pouco agradecidos nos mostramos con eles!
-.-
Puímentos
A lixa da personalidade non está á venta: ¡é de fabricación caseira! Xa na adolescencia, nesa idade tan crítica e tan necesitada de orientacións, (¡que non sempre se reciben!), os rapaces senten a íntima necesidade de temperarse, de forxar unha identidade, de parecerse aos seus maiores, en particular aqueles proxenitores, aqueles irmáns, aqueles profesores, que consideran atípicos, e para iso teñen que ir descubrindo as súas potencialidades, ¡puíndose!
Se o rapaz se sente inseguro, pouco valioso, corre o perigo de buscar esa seguridade que bota en falta por camiños aparentemente fáciles e gratificantes, pero falsos, equívocos, que lle resultarán destrutivos, anuladores da personalidade, como é o caso da drogadicción.
Algunhas receitas para mellorar a autoestima:
. Exame cotián para localizar os nosos fallos, indagando nas causas, e facerlles fronte..., sen demora, xa ao día seguinte!
. Confiar en que temos armas suficientes para defendernos de nós mesmos; todo consiste en sacalas do almario; ¡si, do almario, do almario da alma!
. Centrarnos no positivo. Todos temos algo bo: coidalo con primor, e de paso, borrón e conta nova ás malas tentacións.
. Gozar cos éxitos, e de paso convencernos de que somos capaces diso e de máis aínda acudindo ao noso almacén da forza de vontade, que é un manancial inextinguible..., con tal de que saibamos muxilo, extraelo!
. Experimentar nos fracasos; analizar obxectivamente as causas, e buscar a receita axeitada para vacinarnos contra as nosas fraquezas.
. Se nos comparamos estamos perdidos, que nos virá a desesperación, a impotencia; só hai unha comparación admisible: compararme co que fun onte, e ver a forma de puírme para lograr o lustre de mañá. O meu espello debo ser eu, día a día, e izarme a min mesmo, coma se fose unha bandeira, que iso son, a miña bandeira, unha bandeira que ten de mastro o propio corpo.
En canto ás metas, o que se recomenda é,
. Que sexan sinceras, queridas, acaídas e posibles.
. Divisibles, para que as podamos facer por etapas, ou fases, segundo nos permitan as nosas forzas.
. Medibles, para que, ao ponderalas, podamos apreciar os logros e aprontar enerxías para a súa consecución.
. Realistas. Iso si, pois as utopías son propias dos magos, e deses, fóra do circo, poucos hai.
. En definitiva, sinceridade, que non hai peor engano que enganarse a un mesmo, no que sexa!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.