Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 19 de septiembre de 2025
Permiso para buscarme

Solicitei permiso para buscarme a min mesmo. Ás veces pérdome e teño que andar cun ollo no prato e outro no gato, é dicir, ó axexo. Non sería a primeira vez. Que me perdo, digo, pois xa me perdín varias veces. Certo, por pouco tempo. Porque chámome, berro o meu nome e axiña me escoito. Despois, cada vez que me encontro, solto unha gargallada. Unha desas que alixeiran os nervios. Pingas de Orballo Quéirase que non, chego a preocuparme cando me perdo e cando tardo en atoparme.
Porque, si, logo me encontro, pero si hai veces nas que tardo, ou ben porque algún penedo non deixa pasar o son do meu propio nome, ou ben porque no túnel da ponte das Cepas, ó berrarme a min mesmo, o eco espalla o nome e non sei por que lado buscarme.
Case prefiro que non me dean permiso e perderme para sempre dunha vez. Que pinto aquí? Para o que valgo... Ninguén me botara de menos e a min nin me vai nin me vén que me recorden. Que carallo, total a vida é un pasar, un percorrido por unha carreira calquera, iso si, chea de coios, ata a fin, ata o derradeiro suspiro, se entende.
Emporiso, e como intúo que me concederán tal permiso, xa me vou buscando. Nada, simplemente por ir adiantando. Preparo a gorxa, modulo a voz para, chegado o momento, berrar o meu nome. Hoxe dáme que me vou encontrar axiña. Onde estou non hai penedos nin túneles. Así é que cando me chame nin tan sequera terei tempo para responderme. Aparecerei de súpeto e xa está. Mentres non me concedan o permiso... sigo perdido.

Somos algo

Non somos ninguén, adoitan dicir algúns. Si que somos. Ou polo menos somos algo. Somos po, que foi o que lle dixo Deus a Adán, segundo o Xénese 3:19. Tamén somos corpos que imos e vimos polos confíns da existencia. Somos o vento que zoa e o fouciño que manca. Somos un parladoiro político barato e unha intelixencia que vai máis alá da propia sabedoría.
Somos eses seres que corremos, e choutamos, e rimos, e miramos de esguello, e bailamos, e cantamos, e vivimos. Tamén matamos e gozamos facendo dano, e torturamos, e non nos importa cometer xenocidios, e deixamos que se cometan, aínda que, iso si, protestamos, simplemente protestamos.
Somos o ruído e a furia, o silencio e a pachorra, o ladrido do can e o ouleo do lobo, a almofada na que desexamos a calma e a miseria na que derreamos a alma, a banda sonora de Morricone e o rock and roll de Elvis. Somos o berro cando berramos. E berramos rexo, e berramos con xenreira, e berramos ata forzar a gorxa. Berramos forte para que paren as guerras. Uns cantos (ou de máis) berran baixiño polo mesmo.
Somos a cuadratura do círculo e o acaneadoiro dos astronautas, a liña recta e o obstáculo no camiño, a pinga de orballo e a folla dunha verza. Somos o berro seco e o verso solto, o silencio no silandeiro e a morriña na broza, o nobelo de la e a costureira desenrolándoo. Somos o espírito maligno porque levamos o demo dentro e a alma caritativa porque, ás veces, remórdenos a conciencia. Somos os proles e os contras, as vantaxes e desvantaxes. Somos algo, pese a, moitas veces, non ser ninguén.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES