Estes días nas nosas praias e ribeiras da contorna viuse unha profusión de medusas como non se lembra por estes pagos. Non son estes animaliños visitantes asíduos das nosas augas, pero -e outra vez temos que recorrer a incidencia do cambio climático- o aumento de temperatura do mar, aínda que sexa de 0,2 graos por década, propicia a presenza destes seres mariños aos que tarde ou cedo teremos que acostumarnos porque é moi probable que viñesen para establecerse entre nós.

Malia que o seu habitat é o mar aberto, algúns enxames poden chegaren á líña da costa como é este o caso.
Eu non teño memoria de ver outrora na ribeira da miña vila tantas destas medusas coñecidas co apelativo de "cravos de mar" nadando entre augas. Chama a atención que sendo animais de augas abertas onde poden nadar con liberdade en calquera dirección e sen obstáculos, aparezan dentro da ría. Os científicos catalóganas co nome de "acalefo luminiscente" e teñen unha cor tornasol tirando a violeta. Son fermosas, abofé. E por que están aquí a nosa beira? Pois unha das causas pode ser o aumento da temperatura da auga que facilita o seu ciclo vital, a presenza de nutrientes na Ría cunha maior cantidade de plancton (o seu alimento), polos ventos e correntes mariñas e pola ausencia, en xeral cada vez maior, dos seus depredadores naturais como é o caso do atún vermello e a tartaruga boba cuxo alimento preferido son estas medusas. O caso é que xa están aquí e resulta presumible que sexan hóspedes habituais nos tempos vindeiros e teñamos que adatármonos a súa compaña, iso si, procurando evitar o contacto con elas pois os seus tentáculos conteñen altas porcentaxes de toxinas que poden provocar reaccións importantes nas persoas, incluso os exemplares mortos que aparecen varados nas praias que non convén manipular, así que haberá que andar con coidado se paseamos pola ribeira ou pola praia de agora en adiante.
Non cumpre confundilas coa "carabela portuguesa" (falsa medusa) que pertence a outra especie, de feito estas son un conglomerado de organismos perfectamente organizados. A "carabela" é máis perigosa que os "cravos de mar" porque o poder das súas toxinas que inoculan cos seus tentáculos, nalgúns casos de máis de quince metros, é moi superior ao daquelas. Pode, de feito sucedeu, que algunha "carabela portuguesa" se colou no enxame de "cravos de mar" que nos invadiu estes días. En fin, isto das medusas é unha novidade que rematará por non chamarnos a atención: chegarán coma os turistas vindeiros que se instalan e haberá que soportalas o mesmo que aos "fodechinchos", que tamén provocan as súas urticarias, ho!