Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - miércoles, 17 de septiembre de 2025
A Transición española

O día 6 de xuño de 2013 un coñecido político da esquerda radical pronunciou un discurso nunha herriko taberna de Pamplona na que veu dicir que o réxime político español é o que xorde "desa sorte de metamorfose do franquismo que chamamos Transición". O froito deste proceso é, segundo afirma textualmente este suxeito, un "papeliño" ao que chaman Constitución de 1978, que non instaurou unha serie de regras democráticas senón que, cambiándoo todo para que todo seguise igual, garantiu que as elites que antes ostentaban o poder continuasen ocupándoo. E ao parecer, conclúe este político, os únicos que déronse conta desta circunstancia (porque os demais estabamos a velas vir) foron a esquerda abertxale e a banda ETA.
Ata aquí as ocorrencias deste político que, de maneira incrible, chegou a ser nada menos que vicepresidente do Goberno de España que entón presidía don Pedro Sánchez quen, por certo, asegurou que nunca pactaría con el porque iso impediríalle durmir polas noites. Supoñemos que dende entón o noso amado líder dorme grazas a algún potente somnífero, porque pactar, o que se di pactar con este suxeito por suposto que o fixo.
Pero a cuestión que o meu bo amigo Balbino faise é: se esa Constitución de 1978 non chegou a instaurar un verdadeiro sistema democrático, como é que o partido deste señor de esquerda radical entrou no xogo participando tanto en eleccións xerais como autonómicas e locais? E como se explica -continúa Balbino- que o partido deste señor conseguise 42 escanos no Congreso nas eleccións xerais de 2015 se o poder seguían a ostentalo os poderes fácticos do franquismo? E se o "réxime do 78" carecía de verdadeiras regras democráticas, un defecto que tan só detectou a esquerda abertxale, como pode ser -insiste Balbino, que ás veces é máis pesado que unha vaca no colo- que a xente que controla o sistema permitise que o partido deste señor obtivese 71 escanos no Congreso nas eleccións xerais de 2016? Non sei, pero algo aquí non se comprende ben.
Mais se traemos estas palabras a colación non é para lembrar a este político, por fortuna hoxe vido moi a menos, senón para falar dese proceso histórico que se coñece como a "Transición española", de cuio inicio se cumpre neste ano 2025 o cincuenta aniversario, e que levounos dun xeito pacífico e ordenado a construír un sistema democrático que permitiu a integración de España na Unión Europea e que o noso país fose considerado como un dos poucos que poden ser cualificados no mundo como democracias plenas.
O meu bo amigo Balbino, que era un neno o 20 de novembro de 1975, lembra que aquel día enviárono de volta a casa porque, segundo rumoreábase, morrera Francisco Franco. Comezaron así uns días de loito que os críos de entón viviron como unha sorte de vacacións de outono, sen clases pero tamén sen os seus programas favoritos na televisión, porque o único que poñían eran as ringleiras de xente que ían ver o corpo do finado e películas de guerra. Só uns meses máis tarde, o 3 de xullo de 1976, o rei Xoán Carlos elexía a un político novo, que certamente procedía do antigo réxime pero que tiña unha mentalidade aperturista, como Presidente do Goberno. Este político chamábase Adolfo Suárez. Ese mesmo ano as Cortes Xerais aprobaron a Lei para a Reforma Política, que pode ser considerada como o primeiro gran paso á democracia e punto de partida da Transición. Aos poucos fóronse organizando os partidos políticos e xa en abril de 1977 o Goberno dá a sorpresa a todos legalizando en pleno Sábado Santo o Partido Comunista, todo un fito histórico que fixo que aqueles que dubidaban deste proceso empezasen a tomalo en serio. Balbino cóntame que moitos rapaces da época substituían nos seus cartafoles as fotos de futbolistas por adhesivos das novas organizacións políticas, a maioría das cales hoxe están completamente esquecidas. Finalmente, o mércores 15 de xuño de 1977, celebráronse as primeiras eleccións democráticas en España dende 1936, nas que o Presidente Suárez e o seu partido, a UCD, foron os máis votados. As Cortes saídas destas eleccións ocuparanse de redactar ese "papeliño", que din algúns, coñecido como Constitución, que aproban o 31 de outubro de 1978 e que o pobo español ratificou nun referendo histórico celebrado o 6 de decembro dese mesmo ano.
Pero máis aló dos cambios políticos, a Transición foi moito máis. Foron anos nos que respirábanse aires de progreso en tódolos ámbitos; nos medios de comunicación informábase con maior liberdade; a televisión coñeceu un proceso de modernización da man de novos realizadores; estreáronse ao fin nos cinemas as películas que ata entón estiveran prohibidas; e mesmo acabou chegando á prensa -tanto á seria como á non tan seria- a moda do destape, mostra dunha liberdade que tamén se viviu na vida privada das persoas. O país era máis atrasado que agora, as infraestruturas deixaban bastante que desexar e a actividade comercial era seguramente máis reducida, aínda que tampouco existía o consumismo que hoxe padecemos. O meu amigo Balbino adoita dicir que seguramente gozamos naqueles días de moita máis liberdade que a que hoxe, nestes tempos do politicamente correcto e da ideoloxía woke, permítennos ter.
Porén, non todo foron entón boas novas. Tamén é certo que neses anos estendeuse o consumo de drogas, que causaron daquela danos atroces na mocidade, incrementando a delincuencia nas grandes cidades, todo o cal quedou reflectido no chamado "cinema quinqui", peculiar xénero cinematográfico no que destacaron directores como Eloy de la Iglesia ou José Antonio de la Lomba. Inda que, afortunadamente, tamén tivemos realizadores que triunfaban nos festivais internacionais como Carlos Saura ou Luis García Berlanga, ao tempo que toda unha nova xeración de cineastas preparábase para renovar o cinema español nos anos oitenta do século pasado.
Balbino lémbrame algunhas das traxedias que entón golpearon á sociedade española, como o terrible accidente do aeroporto dos Rodeos, o incendio atroz do cámping dos Alfaques ou a maldita Síndrome do Aceite de Colza Desnaturalizado, que causou centos de mortos e afectados para sempre por culpa da cobiza duns cantos desalmados. Mais todas esas traxedias, que desgraciadamente causaron moitas mortes, non chegaron nunca a poñer en risco as nosas liberdades. Os que ameazaron unha e outra vez a nosa democracia, poñéndoa nun serio perigo de involución, foron os integrantes desa esquerda abertxale que algúns tanto admiran. Eles, cos seus discursos incendiarios que xustificaban as accións da banda ETA, e os gudaris desta organización provocaron moitas das noticias máis tristes da Transición, atentados que conmocionaron a todo o país, con case mil asasinatos ao longo da súa negra historia, incluídas as mortes de nenos ou de nais que só ían face-la compra, como foi o caso terrible do atentado de Hipercor en Barcelona. E todo este sufrimento, por que? Por motivos políticos? Pola independencia dun pequeno territorio que xamais fora independente? O meu amigo Balbino lémbrame indignado que nada, ningunha causa política nin de ningunha outra clase, pode xustificar un asasinato porque ningún ser humano é dono da vida dos seus semellantes para dispoñer dela. E aqueles que encomian aos que actúan dese xeito -e non acusamos a ninguén; o que queira entender, que entenda- non son nin de esquerdas nin de dereitas. Son, simplemente, malas persoas.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES