Suceso ou política?
Santalla, Iago - miércoles, 17 de septiembre de 2025
O asasinato Charlie Kirk espertou a miña curiosidade por quen foi eliminado por usar a ferramenta esencial da democracia: a palabra. Isto é intolerable sobre todo cando alguén, créndose libre, asume o valor de expoñer as súas ideas someténdoas á opinión pública. Digo todo isto dende as máis afastadas antípodas ideolóxicas que me separan de Kirk pero tamén dende a empatía que, como ser humano, me produce un asasinato que couta a liberdade e, sen dúbida, dana perigosamente á democracia. Polo a máis enérxica condena ao asasinato de Kirk.
Por outra parte se quero ser fiel á miña defensa da diversidade humana debo condenalo, pois é a diversidade ideolóxica á que me obriga a respectar a escala de valores distinta. Polo tanto fique claro o meu rexeitamento a un crime que, como todos, silencia.
A partir de aquí quixera facer a seguinte reflexión: se este asasinato ten unha raíz ideolóxica, transcende o suceso e salta á política. De feito, dende a política, xa están soando tambores vingativos que en nada axudarán á convivencia...
De volta a España, alguén citaba os crimes de Lucrecia Pérez (inmigrante dominicana asasinada en 1992 por un grupo neonazi), Agulló (independentista asasinado en 1993 por un grupo neonazi) ou Palomino (asasinado por neonazis no 2007). Debo incluír e inclúo a barbarie ETA facendo fincapé en que, con toda razón, a multitude de traxedias que provocou ocuparon a páxina política (como é lóxico).
Entón, a reflexión é a seguinte: cando o crime ten un substrato ideolóxico e afecta ou ataca directamente aos valores colectivos, débeselle dar a importancia que merece: arrincalo da páxina de sucesos, metelo en política e actuar lexislativa, executiva e xudicialmente para que non volva suceder.
Se queremos unha sociedade digna, os crimes contra a diversidade humana non poden ficar na memoria efémera das páxinas de sucesos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora