Queridos amigos e amigas:
Ao concluír a visita pastoral ao arciprestado de Ortegal, gustaríame compartir convosco algunhas reflexións e sentimentos que me provocaron tantos encontros, momentos pasados entre vós, oracións e celebracións compartidas... En definitiva, tanta graza como puidemos compartir durante todo o curso. Gardo no meu recordo as fermosas paisaxes que coidades e que o Señor vos regalou nesa terra tan fermosa. Tamén as visitas realizadas a enfermos, a residencias de anciáns, a asociacións, entidades e institucións públicas, a grupos parroquiais, ás parroquias máis recónditas, aos colexios, as visitas aos coidados cemiterios, as celebracións múltiples con nenos e maiores, as eucaristías dominicais, as mesas compartidas con rica e variada gastronomía, as festas patronais... No meu corazón e a miña pregaria houbo moita xente e rostros á quenes saudei, escoitado, acollido e querido.

Ao escribir estas notas, gustaríame facelo como un pai, irmán e amigo que se achegou a vós e que ten a responsabilidade e preocupación da misión na diocese. Non son os comentarios dun controlador, inspector ou auditor que pasou revista. Busco compartir convosco a paixón polo Reino e pola misión e, deste xeito, animarnos reciprocamente na misión compartida.
O que vin e valoro positivamente
Quero, en primeiro lugar e sobre todo, agradecer o traballo, a entrega, a vida dos vosos sacerdotes cos que compartín durante estes días moitas horas, quilómetros e, especialmente, sentimentos, desexos e esperanzas. Na pluralidade de cada un deles, na súa fraxilidade e coas súas capacidades, na idade avanzada dalgúns deles, comprobei agradecido que viven con entrega e xenerosidade a súa vida e a súa chamada. Nun tempo no que se fala e preocupa tanto o cansazo dos presbíteros (pola acumulación de parroquias, a diversidade dos compromisos e a secularizacón reinante
), o seu testemuño é un tesouro escondido no noso mundo chamado a dar froito. Eles, con imaxinación e paciencia, entréganse por chegar e presidir as celebracións, coidar os templos, atender as necesidades da comunidade, visitar os enfermos, familias e persoas máis vulnerables, alentar e animar a chama da fe, acompañar os momentos importantes da vida das persoas, familias e comunidades. GRAZAS E SEGUIDE COIDÁNDOOS.
Xunto a eles, atopeime moitos laicos, homes e mulleres, que corresponsablemente participan activamente nas tarefas eclesiais. Na catequese, en Cáritas, na liturxia, no mantemento e o ornato dos templos e cemiterios, como sancristáns, no canto, no coidado e esmero nas celebracións
Son moitos os testemuños silenciosos e calados de tantos laicos que se toman con ilusión responsabilidade a súa fe e os seus compromisos bautismais, que aman profundamente as súas parroquias, as súas raíces relixiosas, que fixeron un camiño de fe persoal e maduro. Non se trata de axudar ao cura, trátase de vivir sinodalmente, de descubrir o lugar e a maneira como eu son Igrexa. GRAZAS E NON VOS CANSEDES.
Quero, dun modo moi particular, agradecer o testemuño silencioso e profundo de tantas persoas anónimas, moitas delas maiores, que vos achegastes a min para compartir o que supón a fe na vosa vida, o moito que a valorades e o que significa crer e participar na a Igrexa. As vosas palabras, cargadas de sinceridade, agarimo fraternal e profundidade, evanxelizáronme e animaron no meu ministerio episcopal e fixéronme descubrir que o Evanxeo segue vivo na vida da nosa xente sinxela e humilde. ÁNIMO E MOITAS GRAZAS.
Quero agradecervos tamén publicamente o empeño que poñedes polo coidado dos vosos cemiterios e templos, polos esforzos que facedes por telos abertos e dignos, por buscar un difícil compromiso económico de todos por soster as vosas comunidades. O templo é un signo dunha comunidade viva que vive a fe. É o legado dos nosos maiores que queremos deixar aos nosos fillos. Como tantas veces díxenvos na visita, é un signo do valor que dades á fe e, en definitiva, a Xesucristo. Sería interesante que, de maneira responsable, sigamos subsidiariamente preocupándonos deste rico patrimonio, que é voso, e facelo colaborativamente coa axuda das administracións e sociedade civil. E, sobre todo, que sexa o signo do esforzo que facedes por coidarvos integra e persoalmente xunto á comunidade que dá vida a ese templo. ÁNIMO.
O que botei de menos e me preocupa
Xunto a todas estas notas, gustaríame tamén compartir algúns aspectos que me preocupan e que, vós mesmos, fixéstesme chegar. O voso arciprestado é fundamentalmente rural, concentrándose a maioría da poboación nalgunhas das vilas que o configuran. Con tristeza e preocupación falástesme do éxodo rural, do envellecemento, da falta de substitución e a pequeñez das comunidades, da ausencia de oportunidades laborais e de futuro, da pouca formación cristiá, da dificultade para conectar con nenos e mozos na transmisión da fe, da situación de moitas familias, da esperanza dos inmigrantes que chegan ás nosas parroquias... Son estes problemas moi serios, algúns dos cales nos desbordan, que habemos de afrontar con esperanza e con unidade entre nós e con outros actores que participan no territorio.
Precisamente por iso é tan importante o traballo en equipo, en comunidade, en UPA, en arciprestado. Os retos que temos diante como Igrexa non podemos afrontalos con métodos pasados, senón que habemos de vivilos con nova imaxinación. Necesitamos ademais a calor dunha comunidade que teña talla humana e que sexa capaz de abrigarnos e enviarnos. É preciso saír da nosa cultura "de campanario" para abrirnos á beleza de compartir, con outros, novos camiños que nos leven a descubrirnos discípulos misioneiros que constrúen unha Igrexa ampla que é sal e luz no medio do mundo.
Nese sentido, xunto á ausencia de encontros arciprestais e de UPA, botei de menos unha maior presenza e diálogo co territorio no que se inseren as nosas comunidades, centrándonos en "o noso" en paralelo ao de outros... Lémbrovos que o Mestre nos enviou a ser "sal e luz" no medio do mundo, convidounos a "Ir" e que, por iso, estamos convocados a "saír" e vivir en clave de "misión". Quizais nos dá medo dialogar co mundo, coas asociacións que contribúen ao desenvolvemento do noso territorio, co mundo da increencia, coas iniciativas que xorden... Non é bo encerrarnos nos templos e privatizar a nosa fe. A fe ha de dar luz e contribuír ao crecemento das persoas e da sociedade. Combinar a presenza pública da Igrexa e dos cristiáns na vida pública ha de ser unha tarefa permanente e central. Hásenos de percibir como axentes humanizadores que dan esperanza ás pobrezas do noso mundo, especialmente próximos aos máis pobres e excluídos.
Un terceiro elemento, de maneira xeral, puiden constatar: a pouca presenza de nenos, mozos e familias na vida cotiá das nosas comunidades cristiás. Creo, con honestidade, que non é razón dicir "que non hai": sinceramente, é máis claro afirmar que "non chegamos". É unha cuestión que sei que nos preocupa e ocupa. Tamén nesta tarefa urxe o traballo coordinado que nos permita liberar tempo exclusivo dedicado a eles, promover medios, iniciativas e instrumentos adecuados e adaptados para evanxelizar
Sigamos empeñados en procrear cristiáns, en achegarnos aos mozos e en coidar a iniciación cristiá.
O que me gustaría que se coidase e fomentase
A visita ten tamén unha dimensión de proxección de futuro. Non se trata de "autoafagarnos e autocompracernos". Sei e valoro o moito que se traballa, seméntase, órase, espérase...; pero ser consciente dos retos neste traballo "na viña" é algo que nos debe seguir ilusionando, sen sentirnos esmagados pola túzara realidade. Con esa vontade gustaríame animarvos, sacerdotes e laicos, nalgunhas tarefas. Algunhas xa volas indiquei máis arriba:
· Urxe un maior traballo na UPA e o arciprestado: creando os Consellos e equipos de presbíteros e laicos que dinamicen diferentes tarefas eclesiais e que axuden a ser comunidades evanxelizadoras. Nunha sociedade máis interconectada, a Igrexa ofrece a comuñón como unha maneira de vivir a súa misión. Profundar no traballo como UPA (que non é só coordinar misas ou catequeses) e desenvolver a vida arciprestal é algo pendente. TRABALLADE EN COMUÑÓN.
· É urxente coidar a formación dos nosos cristiáns: A Escola de Evanxelización que se implantou na diocese, ou outras iniciativas e formas que poidades ter ou adaptar, son necesarias para a creación dun "nós" comunitario que senta corresponsable e enviado con identidade ao noso mundo. Fronte á debilidade comunitaria que se constata e que nos preocupa, habemos de ser capaces de xerala con imaxinación. REUNÍDEVOS E FACEDE GRUPOS.
· Necesitamos repensar e fomentar a centralidade do domingo como o día fundamental na vida dos cristiáns: Este punto témolo que facer conscientes da nosa realidade en canto á debilidade das comunidades e a escaseza de sacerdotes. O documento "Orientacións para a celebración do Día do Señor", que acabamos de publicar recentemente na diocese, pódenos axudar a abrir, fomentar e promover camiños de futuro nesta clave. DIALOGÁDEO E CELEBRADE O DOMINGO.
· É necesario un maior diálogo e presenza no medio do noso territorio: Non vivimos noutro mundo, senón somos Igrexa no mundo. As súas luces, esperanzas, traballos... son os nosos que habemos de iluminar, animar, coidar... A Igrexa foi sempre un factor importante e referente para tanta xente. Certamente, non podemos anhelar tempos pasados, pero han de servirnos como memoria viva para a nosa imaxinación de proxectos presentes. Temos que dialogar, facernos presentes, animar procesos, acompañar persoas que están presentes nesas dinámicas... Ademais, pensar nunha CÁRITAS arciprestal ou máis relacionada entre todas as parroquiais, axudaríanos a ser un signo significativo e esperanzador na nosa comarca. PROMOVÉDEO.
· Promovamos a experiencia e o encontro con Cristo: O noso compromiso e discipulado foméntase na medida en que temos experiencia de Deus e coidamos a nosa fe. É un don que sempre nos desborda e sorprende. A fe comeza así e testemúñase desta maneira. Sigamos coidando as celebracións, os encontros de preparación para os sacramentos, a catequese, os momentos de oración persoal e comunitaria, as experiencias de retiro e primeiro anuncio. A nivel diocesano xa hai algunhas iniciativas nas que podedes participar. FOMENTÁDEO.
Remato elevando a miña acción de grazas ao Pai, polo Fillo no Espírito que nos sostén. Grazas por esta oportunidade e este acontecemento eclesial que vivimos como Pobo de Deus en camiño. Que sigamos sementando e acompañando o discorrer desta historia e deste pobo.
Coa miña oración e bendición. O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol