Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir a vida / Advento (9)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 19 de septiembre de 2025
Succionamos, absorbemos, recibimos, pero..., o almacén?

A importancia de almacenar, ordenado e ben clasificado, en perfecto estado de uso, é algo ao que lle damos pouca importancia ata que, pasados os 40, observamos que os nosos abastos, polo menos algún deles, entran en data de caducidade. Os científicos adoitan chamarlle MO, ou sexa, Memoria Operativa. ¡É operativa se funciona!

O curioso, de difícil explicación fisiolóxica, é o feito de que na ancianidade atópase con facilidade unha lembranza de situacións moi concretas da infancia. ¡Estiveron en conserva! Isto lévanos a pensar que temos dúas cámaras de conservación diferenciadas: Un almacén onde a información se mantén de forma permanente, ao que se deu en chamar Memoria a Largo Plazo (MLP), e outro que tería un carácter máis transitorio e inmediato, a Memoria a Corto Plazo (MCP). Con respecto a este último almacén dispoñemos dun traballo de Jevons (1871) que parece ser foi o primeiro en realizar unha investigación sistemática acerca da capacidade humana para manter e recuperar á consciencia unha serie de ítems presentados simultaneamente.

Os alfinetes da memoria. É curioso, pero non inexplicable, o xeito que temos de asociar pequenos indicadores con episodios remotos, tanto os gratos coma os ingratos; os intranscendentes non, pois eses non hai forma de traelos ao presente. Un son, un olor, un color..., ou un simple obxecto, tal que unha rosa. Non podo ver unha rosa roxa sen lembrar aquela tarde, no Paseo dos Cantóns, en Lugo, que vin de lonxe á rapaciña que me tiraba dos ollos, pero ¿como me achego a ela, como farei para ligar unha conversa? Vivir a vida / Advento (9) Na parte máis interior daqueles xardíns escandalizaba unha roseira que as tiña grandísimas; disimuladamente, coas mans ás costas, arrinquei, ¡roubei!, unha daquelas rosas... ¡E resultou, pois contestoume cun sorriso, e despois, a cambio, deume unha foto; iso si, con poucas verbas, que as tiven que poñer eu para seguir conversando!

Falando de esquecementos e de lembranzas, esquecíaseme dicir, recordar, iso que se conta do experimento de Jevons: Estaba interesado en preguntarlles aos seus amigos, cantas fabas lle viran tirar sobre da mesa. Facía como que baleiraba un peto do que tamén saíran uns cantas fabas, que recolleu ipso facto, sen tardanza nin comentarios. Pasaran uns minutos cando lles fixo a enquisa, comprobando que, ¡todos, ou case todos!, se lembraban do número cando as fabas non pasaban de 6. Diso deduciu que había grandes diferencias na medida da memoria inmediata ou a corto prazo, fronte á retención permanente ou a longo prazo. Por exemplo, os malabaristas aprovéitanse de que non damos incorporado á memoria os escamoteos rápidos. Un orador lento transmite, e recólleselle; esas/eses metralladores dos espectáculos actuais, se o fan adrede para que non lles captemos as ideas, ¡ou a falta delas!, acertan.

-.-
Refrixerador / conxelador

Algo así, salvadas as distancias, dito só como concepto ilustrativo, figurativo, temos eses dous tipos de almacenaxe: a MCP e maila MLP. Á memoria de corto prazo os científicos tamén lle chaman memoria primaria ou memoria activa, e vén a ser a capacidade para manter na mente de forma activa unha pequena cantidade de información, de forma que estea dispoñible para botarlle man nun corto período de tempo. ¡O refrixerador conservador dos consumibles inmediatos! Ao conxelador, MLP, pasamos directamente aqueles artigos que están chamados a un uso ou utilización distante. ¿Vale o exemplo? ¡Moito, non, pero, aproxímase!

Non teño tan claro iso de que os nenos almacenan ao tun-tun, sen clasificar, pois teñen, de cando en vez, algunha saída, algunha sentenza, que logo parecen gregos resucitados. O que mo saiba explicar, que me mande un correo, un e-mail, que o subirei á miña cátedra!

É indubidable que os coñecementos teñen, de por si, a facultade ordenativa, secuencial, pois se dela carecesen xa non serían asumibles, asimilables. O perigo está en que ao neno, na súa inocencia, válelle todo, funciónanlles mal os depurativos, os coadores, así que os maiores debemos extremar con eles as matizacións para que non almacenen distorsións ou envelenamentos. Grave responsabilidade esta, á que non adoitamos prestar unha atención escrupulosa, pedagóxica; o contraveleno está en que a súa inocencia sente repugnancia, desde lonxe, a certos vicios dos adultos, en particular ás obscenidades.

Para que lles queden ben almacenados, ben clasificados, os saberes, reproducibles de primeira instancia, o pedagogo ten que esmerarse en dar trigo limpo, sen palla nin pamplinas; limpo, e coas aplicacións explicadas, matizadas, para que o educando perciba interese na súa receptividade, para que lles abra os cinco sentidos.

Moi diferente será a receptividade do aprendiz se toma conciencia de que o sabido pode terlle aplicación próxima no tempo, pero tamén no espazo memorístico. Estoume acordando de que un veciño da casa da Nogueira, ¡un de tantos, pois eran nove ou dez!, que cando lle preguntei por que non ía con nós, cos outros veciños, á catequese parroquial, díxome, ex-cáthedra:

“Os que volven do Servizo (servicio militar) din que no cuartel non piden o Credo, que alí é outro deus, outras crenzas!”. Se eu fose cura, daquela sabería contestarlle a xeito, pero, como non o era, nin o son, teño enriba este pecado explicativo, de omisión. ¡Non chega con saber cousas; hai que saber explicalas!

-.-
A letra con sangue entra?

Vivir a vida / Advento (9) ¡Que equivocados estaban aqueles avós! ¡Nisto, eh, que noutras cousas, en moitas, estudadas agora atropelada e superficialmente..., retrocedemos! A palmeta excitaba o medo pero repudiaba a retentiva, que a deixaba reducida ao odio, distanciador entre docente e discente.

A memoria, como é lóxico, sempre interesou, pero o que é estudala a fondo, per se, na cultura occidental non se fixo ata o século XIX, no que comezamos a distinguir entre MCP e MLP. A últimos do XX desenrolouse un modelo clásico, explicativo, do funcionamento da memoria, que asume e resume que tódolos recordos, tódalas lembranzas, pasan directa e paulatinamente do almacén a corto prazo a outro definitivo ou de longo prazo. Os eruditos ben saben que esta teoría foi desenrolada por Atkinson e por Shiffrin, que lle puxeron a denominación de "modelo modal" e / ou "modelo multialmacén". Os menos doutos non vemos, non entendemos, ese trasfego de “bocois”, salvo que algunha urxencia requira avivar o lume, a fermentación; cremos, máis ben, que se trata dun proceso de cocción, de maduración ou depuración de lembranzas, que as fai máis neutras, máis obxectivas.

Traballando nestes estudos, os científicos inventaron unha serie de trucos para distorsionar a memoria das súas inventadas, pero, a primeira vista, o importante, o definitivo, é que nunca se esquece o ben apreso, aquilo que nos emocionou, activa ou negativamente, no intre de entrar nese coñecemento; teremos cortinas por diante, pero xa se descorrerán, xa se acenderá a luz tempo adiante, se a vontade quedou, se permanece traballando. Por parte, o esforzo por esquecer episodios desagradables é a cousa máis inútil deste mundo, pois cando tiñamos por idas esas negras sombras, as condenadas, aos pés dos nosos cabezais tornaban facendo mofa, ríndose do sufrinte; só as despexaremos definitivamente no suposto de chegar ao convencemento de que neste mundo non hai mal que por ben non veña, ¡depurándonos!

Indo ao práctico: A “memoria do traballo”, ou “memoria operativa” é un marco, un cadro, de traballo teórico que se refire ás estruturas e aos procesos que interveñen no almacenamento temporal e na manipulación (uso práctico, non desvirtuación) da información. Un tal Alan Baddeley desenrolou un modelo de funcionamento da memoria de traballo que inclúe dous mecanismos de almacenaxe da información a curto prazo: o chamado “bucle fonolóxico”, e maila “axenda visoespacial”.

A maior parte dos estudos realizados sobre a MCP desenroláronse empregando material verbal. Máis recentes son os estudos sobre a memoria visual e sobre a memoria espacial, ambas a curto prazo.

Ciencias á parte, o que non admite dúbidas é que a memoria, máis que aquel “Fósforo Ferrero” da miña crianza, o seu exercicio, pide, ¡esixe!, forza de vontade, ganas de saber e de ser, pasos á fronte, sempre con decisión, coa autoestima de que non nos tomen por máis burros do que realmente sexamos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES