E agora, sen Pepe Mújica
Pinto Antón, J.A. - viernes, 19 de septiembre de 2025
Libre e austero, avó político e sabio, luceciña moral nun planeta fermoso e desquiciado. Cun sorriso de humanidade nos ollos. Tipo raro na burbulla política inflamada de pompa e circunstancia. Tantas veces derrubado e levantado, que a loita termina só cando te das por vencido, di. Apostador afervoado polo futuro, a mocidade, única maneira de manter os pulsos do planeta. Invitación a amar, aproveitar a vida.
Catro Pepes. O da infancia pobre. O da militancia contra a ditadura e o cárcere. O político e presidente. Ao fin, o xubilado sen présas, a mirada estoica, a palabra pedagóxica. Sobrevivinte aos anos de cárcere, ás torturas das que ninguén sae indemne pero si livián de equipaxe. Sen contas pendentes pero con feridas que permiten seguir vivindo. No meu xardín hai décadas que non cultivo o odio, di. Ex-presidente. A vida enteira compartida coa eterna compañeira, Lucía. Sen ela, nada, fogueira de novos, rescaldo e amizade de velliños. Envellecemos e o espello reflicte as enrugas mentres preguntamos polos soños de nenos, di. Foi todo, ata que cansado dunha viaxe tan longa decidíu afastarse.
Vida mínima no refuxio rural, a cadela velliña, as galiñas. Alí, próceres do mundo visitan ao político vello, lúcido, socarrón e ¿pobre?. Pobres son os que precisan moito e quedan sen tempo para vivir. Todo da sabor á vida, pelexa para a que estamos feitos nunha época onde o PIB mide o tanto por cento de voracidade e consumo. A vida e un milagre no silencio mineral do universo, di.
Fóra do foco mantiña a luz acesa dunha vida moral. Morre o avó compartido. Descansa á sombra dunha árbore grande. Sentimos a ausencia do político comprometido, pragmático. Con contas pendentes coa pobreza ou a incapacidade para revertir o deterioro educativo. Queda a imaxe do político que pisaba a terra e obrigaba a pisar a lama aos visitantes. Vida sen dobleces, coa transparencia da coherencia. Que apostaba por volver a empezar despois de cada caída.
Escoitamos a voz, as propostas sinxelas, a aposta pola mocidade para que se namore da política. A democracia non é perfecta pero non hai mellor forma de goberno. Fácil de perder, difícil de volver a ganar. Por iso hai que coidala, di. E manter a luz da liberdade non só nas sociedades, tamén en cerebros engaiolados por autoritarismos que prometen o ceo e traen o inferno. Ninguén é máis que ninguén, e pensamos nos nadie doutro uruguaio, E. Galeano. Inmigrantes, prescindibles, desechables. Somos descendentes de indíxenas e latinos, negros e asiáticos, da feliz mestizaxe de pobres e perseguidos que chegaron a América para soñar futuro, di. Perde Uruguai a un home grande, bo e xeneroso. Perdemos todos. Perde a loita pola fraternidade, a utopía, a teimuda esperanza. Agora, xa, sen Pepe Mújica.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora