Cadáveres diminutos en Jan Yunís
Pinto Antón, J.A. - viernes, 12 de septiembre de 2025
Na fotografia do xornal, unha cativiña de cinco meses. Diagnosticada de desnutrición, aínda que non facía falta médico ningún: vémola cos ollos. A cariña con enrugas como de vella, o berro de dor na boca inmensamente aberta, pernas de arame.
Os catro cabalos do apocalipse cabalgan desbocados polos cascallos fumengantes do gueto de Gaza. A neniña non saberá nunca que apocalipse é palabra grega que significa revelación. Cada día, cada hora en prime time as imaxes revelan o martirio en Gaza, en Rafah. En Jan Yunís golpea a foto da bebé desnutrida e a desesperación da nai.
No lombo de ferraganchos bélicos coa última tecnoloxía para matar, cabalga Conquista no seu cabalo branco. Monta no cabalo vermello Guerra. Sobre o cabalo pálido cabalga Morte. E no cabalo negro senta Fame. Máis de cen ONGs denuncian a fame masiva no gueto da Franxa. Dous millóns douscentos mil 'hánsteres' humanos nunha alucinada fuxida cara a ningures. '¡Xa non teñen onde ir!' felicítase o desapiadado premier israelí coa secreta esperanza de que abandonen Gaza. Se poden, detéñense nun dos contados postos de reparto de comida que xestiona unha multinacional USA. Hai soldados que aproveitan para disparar aos que fan cola. Antes, agora e sempre a fame é letal arma de guerra.
Case trinta países de todo signo ideolóxico, entre eles Francia, Xapón, España, Canadá, Reino Unido esixen ao belicista goberno israelí que deteña a matanza de civís. O dereito á defensa tras os atentados terroristas de Hamás xa foi abondo satisfeito. Pero Talión aínda non está saciado de sangue. "O corazón humano é a súa garganta famenta", no poema 'Unha imaxe divina' de William Blake. Mentres o presidente tunecino mostra una fotografía ao enviado USA: "Creo que coñeces estas imaxes. No s. XXI un neno comendo area porque non ten nada máis". Mais nada fai latir corazóns de pedra mentres contemplamos o horror absoluto que mostran as fotografías. O espanto daqueles campos de exterminio nazi nestes campos de concentración de Gaza.
A masacre continúa. Primeiro caen os máis febles, os bebés arrincados da vida. As mulleres seguen parindo orfos despois de 662 días de ofensiva. Agora estabulan o 'gando' humano nun 12% daqueles 360 qm/2 que eran o precario fogar dos gazatíes. Mentres a fame medra, a comida podrece nos 6.000 camións da axuda internacional varados.
Tanta pólvora en prime time, tanta fame nas fotografías saturan. Mellor distraerse co imaxinativo currículum dunha diputada, coa bomba de reloxería do Mediterráneo que ferve, coas extraordinarias futbolistas que chegaron á final europea.
"A crueldade ten rostro humano", escribe W. Blake contemplando os cadáveres diminutos envoltos en lenzo branco. No colo da mater dolorosa, a bebé famenta de Jan Yunís.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora