Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir a vida / Advento (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 16 de septiembre de 2025
Non son tan perfectos coma os da física porque non asimilamos, non anosamos, nin transmitimos, todo o que recibimos, pero unha parte si, sempre.

A globalización, co dinamismo dos procesos, obriga a unha atinada e continua reidentificación dos papeis de cada un de nós; obriga a reconstruír o mal construído. Neste contexto teñamos presente que o saber non só é camiño para o recoñecemento da realidade senón que tamén xera saber; ¡auto xera!

Na sociedade do coñecemento a posesión dun capital-saber é condición necesaria para participar con eficacia e con competencia no devir dos acontecementos que afectan ao presente, pero tamén ao futuro da humanidade.

Nesta orde de cousas, o progreso das ciencias e das técnicas de xestión e de produción fai necesario establecer mecanismos que permitan e soporten a formación de profesionais. Vivir a vida / Advento (8) Por outra banda, o actual dinamismo das actividades empresariais esixe dispoñer dunha alta capacidade de adaptación para esta realidade social vertixinosamente evolutiva, cadora máis complexa e mutable.

O crecemento do nivel de coñecementos, no sistema actual, que veño chamando de "vasos comunicantes", orixínase precisamente desde as aportacións de todos e de cada un de nós na medida en que nos corresponda e sexamos capaces, pero o resultado obtido, iso que chamamos cultura, repercute positivamente en tódolos participantes dunha maneira proporcionada, que non igualitaria. A unidade temporal deste destino, pensado para as persoas, é a vida; a cultura e mailo coñecemento son en si mesmos rendementos vitais e vitalicios. Ademais a cultura e mailo coñecemento son capitalizacións da vida, aportacións e zume da vida na súa total dimensión. En definitiva, que adquirir máis coñecementos e mellorar a propia cultura é a única maneira que ten o home de non perder o seu tempo; precisamente, o tempo de formación non é só de preparación para a vida: ¡xa é tempo de vida! A educación, pois, non acaba nunca: ¡levámola de par nosa, connosco, indisoluble co noso ser, pero tamén co noso estar!

-.-

Un culturizador silente, anónimo pero eficaz, no século XX, foi o Exército.

Ao caladiño, porque lles interesaban as armas secretas para resaltar o ascendente dos mandos, a disciplina férrea, o control na desocupación, etcétera, pero o caso é que..., fixeron Patria, que non todo foi minguala!

Particularmente, algo lle debo á Academia de Analfabetos do Ferrol, na que meu pai, quinto do 17, (1917), foi nomeado, no Rexemento Zamora, Cabo Instrutor da mesma. Ensinou, pero tamén aprendeu, pois licenciouse, ¡licencia militar!, apto para Mestre, que o foi para o resto da súa vida, ¡de a ferrado! Preguntaron quen sabía ler, escribir e contas; a puntuación máis alta seica foi a súa, a de meu pai, e coa puntuación, os galóns de Cabo!

A Andragoxía seguiu facendo das súas, aquende e alén do Estreito, pois dou fe, podo dala, de que ao Comandante Capelán Pedro Sánchez Pumariño, meu compadre por máis datos, colleuno o ataque a Sidi Ifni, 23 Novembro 1957, exercendo de Xefe da Academia de Analfabetos no Grupo de Tiradores de Ifni. ¡Daquela aínda os había, moitos! Non houbo toque de "Generala" porque sería alertar aos propios atacantes, pero si un relevo instrumental, instantáneo, pois para lanzar granadas defensivas os lapis estorbaban, non servían!

Este paternalismo cos soldados tivo o seu aspecto negativo no anquilosamento das mulleres pois, aínda que os rapaces lles puidesen escribir cartas desde os seus cuarteis, ¿que outras mulleres llelas lían? ¡Como moito, as da Casa Grande, precisamente as máis competidoras, as que menos as comprendían!

No franquismo, sabido é que o Exército foi unha máquina de obedecer, unha escola de cidadáns na que se inculcaba o espírito militar, o amor a España, a fidelidade cega ao xefe do Estado..., e mailos desfiles vistosos, que nin para iso tiñamos medios xa que, de terminado o anual da Vitoria, retirábanselles os uniformes noviños para que os cheirase a próxima quinta. Nestas circunstancias, o oficial era un educador civil á vez que un instrutor militar ao que se lle encomendaba a formación integral do cidadán, aínda que non estivese realmente preparado para iso: elementariedade xeneralizada, de cabo a xeneral! Medios técnicos poucos: uns avionciños que se ían recheando de bencina, cunha lata, varias veces, por exemplo, desde a Península a Ifni; en canto aos económicos, permisos particulares a tutiplén..., para mellorar o rancho dos outros, e de paso, a conta "B". ¡Nestas circunstancias, os analfabetos..., á academia dos ídem!

No ano 1983 xa non ingresou ningún analfabeto no Exército do Aire, pero si houbo recrutas que non terminaran a E.G.B., aos que se lles deron 347 certificados de E.P. Na Armada, naquel ano, 1.492 analfabetos, dos que obtiveron o certificado de Escolaridade 92. De Terra tamén teño datos, pero máis atrasados: Na quinta de 1979 aínda se incorporaron 5.759 analfabetos, dos que só concluíron 580 sabendo ler e escribir.

-.-
O paradoxo dos saberes en España.

O sarcástico Pío Baroja, en 1904, nun faladoiro no Nuevo Café Levante, seica dixo: “A verdade é que en España hai sete clases de españois: Si, como os sete pecados capitais. A saber:
1) Os que non saben;
2) os que non queren saber;
3) os que odian o saber;
4) os que sofren por non saber;
5) os que aparentan que saben;
6) os que triunfan sen saber, e
7) os que viven gracias a que os demais non saben. Estes últimos chámanse a si mesmos "políticos", e, ás veces, "intelectuais".
Os que non sabían, ou pouco, eran multitude. ¿Non quixeron, ou non puideron? Penso que máis ben a segunda circunstancia. Os que algo sabían fóranse para América; eles dicían que a civilizar, pero fixérono máis ben para mestizar, e de paso, encumarse á conta dos nativos.

O de non querer saber é bastante latino; ¡non é que non queiramos saber, o que non queremos son as molestias de aprender!

Ninguén odia o saber, pero si os hai que viven molestos e molestados porque os demais saiban, porque se esforzaron, porque nos pasaron diante. ¡A maldita envexa, que tamén nos debe vir daqueles consellos demoníacos do Paraíso! Tivémolo ben claro nos alzados do 36!

¿Sufrir por non saber? Enfermidade transitoria pois toda idade é boa para recuperar..., polo menos algo!

Aparentar sabenza é bastante común, sobre todo nas clases altas, altas pero cambaleantes, que senten pánico ante os avances dos seus competidores.

¿Trunfar sen saber? ¡É a debilidade máxima, esa inestabilidade dos que subiron por un golpe de sorte e non teñen nin unha rama á que acollerse! ¡Un auténtico purgatorio!

Lamentablemente, o grupo sétimo constitúe unha especialidade, un equilibrio circense, de mal porvir.
-.-

Orandum est ut sit mens sana in corpore sano.

Vivir a vida / Advento (8) Débese pedir que se nos conceda unha mente sa nun corpo san.

Juvenal engadía:
Pedide un alma forte que careza de medo á morte, que considere o espazo da vida restante entre os regalos da natureza,que poda soportar calquera clase de esforzos, que non saiba de ira, e que estea libre de (malos) desexos, que crea que as adversidades e os terribles traballos de Hércules son mellores que as satisfaccións, a fastosa cea e a pracenteira cama de plumas de Sardanápalo. Móstroche o que ti mesmo podes darte, coa certeza de que a virtude é a única senda para unha vida tranquila.

(Asurbanipal ou Sardanápalo foi un rei asirio que era representado polos antigos gregos como un sátrapa disoluto, apegado aos luxos e praceres sensuais ao mellor estilo das cortes orientais).

Con isto, Juvenal quería indicar que hai un equilibrio entre o corpo e maila mente, e que ambas cousas hai que mantelas en estado de marcha. Estudos recentes, realizados con persoas, e tamén con animais, deron como resultado que o exercicio físico mellora a capacidade de aprender e de recordar. Atidos a estes estudos chegouse á conclusión de que a duración e maila intensidade de cada actividade poden, sen lugar a dúbidas, afectar á nosa capacidade cognitiva, aínda que non necesariamente de maneira beneficiosa, así que, prudencia, moderación, experimentación, e tomarnos o pulso a miúdo, o outro!

Segundo a profesora Maren Schmidt-Kassow, "O efecto beneficioso probablemente responde á suavidade do exercicio, porque unha actividade suave en intensidade implicará niveles de excitación psicolóxica baixos pero notables, o que axudará a preparar o cerebro para a entrada de nova información, e para a codificación desa información nos seus recordos".

Disto séguese que, se tes un exame en poucas horas, probablemente o fagas mellor se permaneces sentado e tranquilo. Na mesma liña, esta profesora indicaba que un exercicio demasiado enérxico pode estimular en exceso o corpo e mailo cerebro, monopolizando tódalas fontes de atención cerebrais e deixando pouca enerxía para a creación de lembranzas sólidas. Por aí anda o trasacordo do día seguinte, con un día de descanso polo medio.

A criterio de Walter Bixby, profesor na Elon University de Carolina do Norte, "se tes un exame en poucas horas, probablemente o fagas mellor se permaneces sentado e tranquilo; non obstante, se o exame é ao día seguinte, non che fará mal estudiar mentres estás activo; e se esa actividade física é suave, probablemente che axude no resultado do exame". En definitiva, que convén facer exercicio, pero sen pasarse; o de sempre, prudencia..., e iso a pesares de que os moi traballadores sempre dixeron que as medias só son boas para os pés!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES