Seguindo aos eruditos, cos eruditos, destes temas.
Que esta inquedanza é de onte mesmo, confírmanolo tamén a biografía de Malcolm Knowles, xa citado en páxinas anteriores, que abarca practicamente todo o século XX, ¡onte!, de 1913 a 1997.
Naceu en Montana... ¡E logo din que nacer no monte é unha desgraza! Pois eu nacín en Montecubeiro, outro monte, e se non cheguei a ilustre igual foi por culpa miña, por desaproveitar aquel tempo tan propicio para a reflexión, naquel ambiente tan recollido, tan natural e tan grato! Seu pai, o de Malcolm, era veterinario; ¡meu avó, albeite! Tomádemo en serio, que en serio volo digo: Nada coma a soidade do campo..., se tivésemos libros! Houbo un tempo en que a soidade dos claustros facía sabios aos frades, pero máis grato é o campo có claustro; a vantaxe conventual estaba en que eles tiñan libros, pergameos...!
Knowles, na súa obra, "A Práctica Moderna de Educación de Adultos: Andragoxía contra Pedagoxía (1970)" presentou, divulgou, o seu Modelo Andragóxico. Seguido polo venezolano Félix Adam, centráronse ámbolos dous nestes tres principios para a educación en, e con, adultos:
Participación. Que se require porque o estudante xa non é un mero receptor, senón que é capaz de interactuar cos seus compañeiros, intercambiando experiencias que axuden á mellor asimilación do coñecemento. Aquí o estudante participante, interactuante, pode tomar decisións en conxunto cos outros estudantes participantes, e actuar con estes na execución dun traballo ou dunha tarefa asignada.
Horizontalidade. Maniféstase cando o facilitador e mailo estudante teñen características similares (adultez e experiencia). A diferenza póñena as características cuantitativas (diferente desenrolo da conducta observable).
Flexibilidade. É de entender que os adultos, ao ter unha carga educativa-formativa chea de experiencias previas e de cargas familiares ou económicas, precisan lapsos de aprendizaxe acordes coas súas aptitudes e destrezas.
A teoría de Knowles establece seis supostos relacionados coa motivación na aprendizaxe dos alumnos:
1. Necesidade de saber. Os adultos necesitan coñecer a razón pola que se aprende algo.
2. Autoconcepto do individuo. Os adultos necesitan ser responsables polas súas decisións en termos de educación, e involucrarse no planeamento e na evaluación da súa instrución.
3. Experiencia previa. Provee a base para as actividades do aprendizaxe.
4. Prontitude en aprender. Os adultos están máis interesados en temas de aprendizaxe que teñan relevancia inmediata cos seus traballos e coa súa vida persoal.
5. Orientación para a aprendizaxe. A aprendizaxe dos adultos está centrada na problemática da situación, máis que nos contidos.
6. Motivación para aprender. Os adultos responden mellor a motivadores internos que a motivadores externos.
As prestacións da Andragoxía nas actividades do ser humano son innumerables, e iso que aínda estamos iniciándonos nos procesos do ensino universitario, así como nos procesos de capacitación nas empresas.
-.-
Andragoxía negativa no mundo empresarial.
Descubrino nada máis ingresar no Banco Exterior de España, e despois verifiquei que era un mal endémico, polo menos español.

Os xefes de medio pelo ¡pechaban! con sete chaves os secretos do seu carguiño: había moito que espiar e moito que observar para ir descubrindo os gaxes do oficio. Claro que estaban os programas das oposicións: Auxiliares, Oficiais, Subxefes, Apoderados..., pero a técnica empresarial ía máis aló, ad infinitum!
Se che digo, se che explico, se che aclaro esas dúbidas, saberás outro tanto coma min, ¡ou máis!, e na próxima promoción podes pasarme diante..., ¡de balde! Estas suspicacias non eran boas para o capitalismo, freaban os seus éxitos, e nas alturas sabíase, pero o mal era endémico, incurable. ¿Receitas? ¡As asesorías externas, encargar traballos, dar becas de estudios...!
En particular a pequena empresa asentábase en catro técnicas rudimentarias, que só as debían coñecer os partícipes da confianza, leais á casa, ou ao parentesco. Isto era un freo pero tamén un seguro de vida, de vida mediocre pero latente. Romper esas atumes custoulle a España practicamente todo o século XX, atopándose despois con outras cadeas: Que as desconfianzas, mal ou ben baseadas, impediron grandes acumulacións de capital, malogrando así as exportacións. Os capitalistas convertéronse nunha especie de masóns, herméticos entre si, inmunes á crítica e á censura popular. ¡Eran poucos e estaban ben irmandados nas súas falcatruadas! Á xeración do XXI, que lle tocou padecer as consecuencias daquel secretismo empresarial, incúmbelle, para o sucesivo, abri-los ollos e esixir transparencia!
-.-
Os secretos comerciais e a lealdade dos empregados.
Unha cousa son as técnicas internas de traballo ás que acabo de referirme, e outra ben distinta os secretos comerciais. Con capacitacións estancadas, auténticos socalcos da elaboración, mal se pode avanzar porque un produto é sempre unha suma de intervencións complementarias; as reservas teñen que estar na lealdade dos empregados fronte á empresa, que iso é outro cantar, así que convén explicalo.
Todo consiste, pois, en simultanear a formación persoal, profesional, coa posta en práctica de medios conducentes a ganarse a confianza e maila adhesión deses mesmos empregados. Dito doutro modo: Comunicación formativa ad intra, e un hermetismo cordial ad extra, fronte á competencia.
Que a "información é poder", non se lle oculta a ningún empresario; pero hai dous poderes: O que ten, o que adquire a empresa capacitando aos seus operarios, no interior; e consecuentemente o que logra no mercado competitivo vendendo os froitos da súa sincronización formativa. Disto dedúcese que non melloramos a competitividade se os mecanismos internos non funcionan, e non evolucionan, con aportacións recíprocas, séxase, de perfecta engrenaxe e compañeirismo.
Como o mercado cambia con rapidez e os secretos comerciais poden ser descubertos, independentemente, por outros, aconselláselles ás empresas que non se sustenten unicamente nos secretos existentes, nos que desempeñen, senón que poñan empeño constante en elaborar novos métodos, novas invencións comerciais, a fin de seguir sendo competitivos.
En canto aos inventos físicos, aos inéditos, xa temos, en principio, a seguridade que nos dá o Rexistro de Patentes e Marcas.
De portas a fóra dunha empresa determinada é precisamente ese secretismo o que fai avanzar as ciencias xa que existen outras persoas, outras empresas, outros inventores, interesados en romper o teito dos produtos existentes. Se houbese vasos comunicantes expeditos, ¿quen se molestaría en competir, en idear novos sistemas, novos produtos?
De portas a dentro desas empresas que elaboran produtos tóxicos, nocivos ou ilegais, o hermetismo ten un aspecto negativo, outro, xa que aquel produtor honrado que estea disposto a denunciar o mal causado sempre estará exposto a coaccións e vendetas que o suman en terribles dilemas; deberan estar previstas proteccións e recompensas para estes delatores, que en definitiva son heroes sociais.
En definitiva, que coa globalización e coa comunicabilidade actual, multiplicando e facilitando a divulgación, cadora é máis difícil o hermetismo empresarial. No campo da ética, tan ético, tan honrada e tan necesaria é a lealdade á propia empresa como que esta o sexa cos seus empregados compartindo xenerosamente eses beneficios que se obteñen, ou incluso multiplican, grazas ao sixilo profesional.
-.-
Avanzamos?
Si, desde a caneta; o ritmo é variable, xa que depende de moitos factores, internos e externos. Do repetido Knowles dicíase que desenrolara a súa sede de saberes aos catro anos, acompañando a seu pai a visitar granxas e ranchos, nos que preguntaba máis que un inquisidor, do divino e do humano.

Tiñan discusións sobre o significado da vida, o ben e o mal, relixión, política, o éxito, o fracaso, a felicidade, etcétera, etcétera. Segundo deixou recoñecido o propio Knowles, despois de darlle a súa opinión seu pai adoitaba preguntarlle o seu punto de vista sobre o tema, e iso facíao sentir que lle respectaban e valoraban os razoamentos. ¡O contrario do que adoitamos facer cos cativos, en xeral, que sempre os invitamos a non meterse, a non interferir nas conversas dos maiores! Sobre esta base, ampliou coñecementos estudando literatura, historia, ciencias políticas, e ética do dereito internacional. Resumindo: cimentou ben para construír mellor, con bos materiais, seleccionados.
Na espira cultural, por pouca memoria que se teña, na variedade de temas está a argamasa máis efectiva, a de mellor liga para construír o edificio dos nosos coñecementos. Nunca chegarás a coller o Ceo coas mans, que non e cousa nosa, pero si nos elevaremos paulatinamente das cavernas, dos antros escuros.
Naqueles círculos familiares, calorosos e cordiais, das vellas lareiras, nas que a comunicación era absoluta e cordial, as persoas saían moi dotadas de principios, e maduras no seu saber estar. A cultura xeral abarcaba pouco, pero a onde chegaba, a solidez e maila serenidade eran encomiables: ¡en particular aprendían a ser pais, que xa non é pouco!
O feito de enfrontarnos a novos retos formativos coa conseguinte satisfacción dos logros obtidos, convértese nun acicate e nun estímulo que nos permite redobrar esforzos. ¡Multiplicámonos a nós mesmos, nun proceso xeratriz imparable! E unha vez obtidos os resultados enriquécennos as experiencias desta aprendizaxe, capacitándonos para novos desafíos, con novos proxectos de vida.
No profesional, a adquisición de novas habilidades, destreza e roza de obstáculos, representa un camiño expedito, unha nova vía, para mellorar efectivamente o desempeño laboral nas distintas áreas, fortalecendo o espírito creativo e innovador en pro da obtención de resultados efectivos, in crescendo.
Á diferencia do pedagogo o andragogo ten, supóñenselle, niveles análogos ou aproximados no cultural; hai unha aproximación entre facilitador e participante, que proporciona unha confianza comunicativa. Xa non se trata do neno que ve ao profesor situado nas alturas dun muro illante e inexpugnable; vense, enténdense, comunícanse, con respecto si, pero sen altivez ofensivo-defensiva. Ambos poden ser críticos con respecto aos coñecementos compartidos, transmitidos. Teñen conciencia dos seus deberes, dereitos e responsabilidades. Hai entre eles confianza e comunicabilidade para discutir puntos escuros ou pouco iluminados. Teñen conciencia dos seus deberes, dereitos e responsabilidades. Poden debater, se lles resulta oportuno, sen complexos disuasorios. Supónselles a madurez necesaria para presentar como dubidosos os temas escuros ou deficientemente estudados. En definitiva, establécese unha confianza que facilita a comunicabilidade.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.