Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Remuíños. Poesía para nenos e nenas de Sebastián Paz.

Sampedro, Pilar - jueves, 18 de septiembre de 2025
Sebastián Paz é mestre -nunca se deixa de selo- e ademais poeta, pois xa conta con outro libro de poesía infantil en galego, Versos para ler na escola, publicado hai va anos pola editorial Toxosoutos. Nese caso tiven a gusto de acompañalo a través dos debuxos que os rapaces e as rapazas de Outes fixeran para ilustrar o poemario; onde buscar mellores catadores de poesía que nas terras do poeta Añón?
Remuíños. Poesía para nenos e nenas de Sebastián Paz.
Sebastián ademais de mestre e poeta... é músico; de familia de músicos: os Paz son unha institución en Noia, nesa terra de ilusión na que os artistas nacen coa vitalidade e abundancia coa que nas nosas paredes de granito medran as flores ventureiras.

Música e poesía teñen moito en común. O ritmo, a cadencia, a melodía oculta que acompaña ao verso, a expresividade dos silencios, o acento como batuta nos compases, a rima para axudar a redondear estrofas e memoria… a boa poesía é tan musical que a cantamos ata cando a dicimos… susurrando.

Sebastián é neno. Nunca deixou de selo, porque el coida dese rapaz que o acompaña desde a infancia coa mesma atención coa que quere aos nenos e nenas cos que se vai atopando ao longo da xeografía e os anos. Non se pode deixar de ser neno se se quere estar próximo a eles, se se desexa escribir o que eles queren ler, se se pretende poñer música nos seus pentagramas... hai que colocarse á beira e deixar que o po das súas ás nos toque entre risas e brincadeiras, observar como os seus ollos miran a natureza e o decorrer dos días entre a sorpresa e o interese. Iso fai Sebastián, fálalles desde a súa infancia, tráelles aquilo que el arelaba, transmítelles a emoción que sentía ante os animais, o tempo, as datas destacadas, as estacións, a pobreza, os xogos... e fálalles con palabras musicais. Aínda que non quixera, a música vai con el, acompáñao no trazo de cada verso e mentres les vas recuperando o ritmo que o escritor lle puxo, como roupiña para cubrilos.

Remuíños chámase este monllo de poemas, porque xiran e xiran arredor da infancia, porque xogan coa lectura e o canto, porque dalgunha maneira fan xirar dando voltas arredor de si mesmos. Porque eles, os nenos e as nenas, son como remuíños que trastocan o mundo coa súa vivacidade e ganas de rir. Remuíños si, que moven a tona da auga para que poema a poema entremos pequenos e grandes na maxia da poesía, para que as leamos baixiño e en voz alta, para que as memoricemos, para que as recitemos, para que as cantemos.

Na poesía está a palabra núa, a palabra escollida co filtro máis esixente, aquela que é base da columna, a que forma mil e unha ondas de significado coma a pedra que cae na auga. A poesía é a palabra primixenia, a que está na boca do druída e o vate da tribo, por iso, darlle poesía á rapazada é como darlles leite ás criaturas.

Quen me dera poder escoitar na voz dun rapaz poemas coma "A xuntanza dos peixes", "Ai, quen me dera!", "A nena bailaba", "O gato Pedrés", "A nena bailaba", "O mes de Nadal", "O neno no berce", "Pola beira do camiño", "Por que me espertan?", "Tralarí, tralará"... Eses son os gustos que nunca debemos perder, porque tamén son "consolo das penas" como moi ben di, Sebastián, emulando a Rosalía.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES