O autobús e o cadaleito
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - viernes, 26 de septiembre de 2025
Fai anos era moi normal ver os autobuses e incluso camións carrexando xente subidos á súa baca, alí viaxaban, sobre todo nos autobuses sen máis protección que unha pequena viseira que o autobús tiña na parte de diante para o que vento e o frío non lles afectaran, pero cando chovía non podía evitar mollarse coma o pito, aínda que algúns autobuses dispoñían dunha lona para cando chovía se abrigaran os que ían arriba.
Tamén na baca se metían as mercadorías grandes, como por exemplo, unha mesa, un armario, unha maseira, etc. e incluso animais, un cocho, un cordeiro, unha cabra, etc.
Daquela en que non había paradas de autobús, estes vehículos paraban normalmente diante do bar máis achegado á estrada da ruta que o autobús recorría. Cando chegaban a unha das parada e xa non collía a xente no interior de autobús, era cando lles dicían de subir polas escaleiras que a carrocería xa tiña adrede para tal necesidade e se sentaban en bancos alí colocados ou incluso no chan da carrocería do vehículo.
Nunha ocasión, en que se precisou o encargo dun cadaleito para un finado, os donos do autobús subírono á baca para levalo ao pobo onde o defunto esperaba horas e horas a que o féretro chegara, pois daquela, non era como hoxe, en que os féretros son modelos universais e xa se fabrican coma quen di a "granel".
O autobús cargou de xente e aló se foi a cumprir co seu recorrido habitual e como xa dixen, cando a xente non lle collía no interior, enviábanos para a baca e así é como un dos pasaxeiros non colle no interior e aló subiu as escaleiras para ir na baca.
O recorrido era normal ata que de pronto comezou a chover, polo que ao pasaxeiro da baca caíalle por el toda a auga da chuvia. O home non tivo outra ocorrencia que a de abrir a tapa do cadaleito e meterse dentro.
O caso foi que o home quedouse durmido no interior do cadaleito e mentres tanto, o autobús fixo escala nunha nova parada, pero como a xente non collía no interior, alo se foron para a baca e se sentaron cada un no lugar que mellor puido.
Ao pouco de poñerse o autobús en marcha, o home espertou e comezou a botar a man de fóra para comprobar se seguía chovendo ante os pasmados ollos do resto dos viaxeiros. O home levantou a tapa da caixa na súa totalidade e preguntoulle aos presentes ¿parou de chover?. O resto dos pasaxeiros que ían na baca, o único que se lles ocorreu facer presos do pánico, foi tirarse do autobús en baixo, polo que algúns romperon pernas ou brazos.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora