Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Texto para Xoán Xosé Fernández Abella

Sampedro, Pilar - jueves, 11 de septiembre de 2025
Un texto escrito para Xoán Xosé Fernández Abella nun destes últimos anos nos que aínda nos acompañaba.

Xoán Xosé Fernández Abella é un home bo. Un home que vive atento aos tempos, que sofre pola maldade do mundo, que se fai preguntas... e escribe poesía.

O seu sino estaba marcado, pois nace un 11 de setembro, e desde aquela versifica a vida. Porque sobre todas as cousas, escribe sobre aquilo que o preocupa: os misterios da existencia, deus e a súa bondade imprescindible, a dor polas perdas, a ledicia polo encontro cos homes bos e as súas obras. Por iso, é un poeta de loas aínda que non pode esquecer as necesarias críticas ás forzas escuras, personificadas en determinados seres, aos que ha de condenar: Poemas de amor, loanza, condena e outros é o título dun dos seus libros.

Texto para Xoán Xosé Fernández Abella De non existir Abella, habería que inventalo, porque é ese poeta que acude a homenaxear aos que son merecedores. Como aquel pequeno Elvis Karlsson de María Gripe, que agasallaba á boa xente con plantas e flores cultivadas por el; así, acode Abella día tras día a presentar os seus respectos a quen o merece, coa obra construída con palabras e sentimentos, con documentación e capacidade de sinopse. Pode facelo entregando o seu poema escrito ou declamándoo ao estilo dos grandes versificadores, poñendo a voz e a alma no acto, pero nun ou noutro caso, agasalla co mellor que ten e pode ofrecer, a súa palabra.

Di o seu prologuista Alonso Montero "A musa de Fernández Abella comparece en canta ocasión nobre se produce en Galicia desde hai moito tempo" e defíneo como poeta celebratorio de gran magnitude e diversidade, deses que poñen a súa lira ao servizo das circunstancias, para celebrar e festexar aquilo que vale a pena, pero tamén para censurar e reprobar ao abominable.

É un home bo, que quere ver o ben, sobre todas as cousas. E demóstrao no libro citado, cando mostra unha porcentaxe da quinta parte de condenas fronte ás loanzas, cando dedica os seus versos aos neniños e aos paxaros, aos piñeiros e aos poetas que o precederon. A bondade aderezada con inocencia, unhas gotas de inxenuidade salpresada de altruísmo.

A dura sátira e a crítica feroz é dirixida contra aqueles que fan o mal, para denunciar a inxustiza e a parte malvada da humanidade. O eloxio e recoñecemento para os bos e xenerosos, a celebración da irmandade cos compañeiros; os poemas de amor para mostrar o máis fermoso dos sentimentos sexan de amor á nai, aos irmáns, aos amigos ou á muller; os versos dedicados á natureza e os seus seres, mostrando a sensibilidade dun espírito branco; o amor ao país e á súa lingua. As dúbidas ante o inconmensurable e incomprensible que levan ao poeta a interrogarse a si mesmo e ao seu deus afastado da igrexa oficial e de moitos dos seus servidores...

O construtor de sonetos fai un exercicio de síntese, introducindo a maior cantidade de información no número menor de sílabas; moldea a vida no verso e obríganos a descifrar paso a paso o seu contido.

Poeta oral, Abella recita xogando coa forma e o fondo do poema na voz. Descendente dos grandes declamadores, traballa o timbre ata darlle o pulso perfecto a cada palabra e cada verso. Por veces, os poemas vólvense minúsculos no número de sílabas pero inmensos no contido, a modo dun minimalismo que dá que pensar e repensar, que profunda na experiencia e na esencia do pensamento, que obriga a reflexionar como aquel "Eu son a pregunta, / facéndose preguntas", "O pensamento leva sempre contradicións" ou este outro de "Deixa a nada na súa nada"... a filosofía dándolle voltas ao veo da existencia.

Aquel outro título Guardad mi voz de poesía en castelán, ilustrado polo trazo xestual de Baldo Ramos, recolle unha produción que vai desde 1952 ata 2005. Aparece o volume dividido nos seguintes apartados: Íntimas, Amor, Hambre de Dios, Contra toda injusticia, Admiración, Decepciones e Varia; polo tanto, non deixa de falar dos seus temas vitais dentro dese xenérico marabilloso que semella unha petición aos coetáneos e ao futuro; unha voz que non quere ser apagada, que ha de ser gardada para dar razón dun tempo e dun home bo, que versificou a vida, para expresala e perdurar. Gardade a súa voz.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES