Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 11 de septiembre de 2025
Ladear e asubiar

Ladeo para un lado e asubio. Asubio a versión dun tema de Morricone que sae na película "Kill Bill", de Quentin Tarantino. Sempre me gustou asubiar. Asubiei moito. Asubiei máis do que asubío. Ultimamente só asubío ese tema. Pásame como lle pasa a todo o mundo cando se ergue da cama cunha melodía na boca e que xa non deixa de cantaruxar durante o resto do día. Tamén é certo que a miña memoria xa non abarca moito máis alá desa música. Puta idade! Pingas de Orballo
Porén, o asunto, o tema, a materia, a cousa non vai de asubiar, senón de ladear. Sempre ladeo para un lado ou para o outro. Maiormente para a esquerda (agora o que queira entender que entenda). Ladeo cando falo con alguén. Ladeo, como dixen, cando asubío. Ladeo cando miro, cando canto e mesmo cando contemplo os biosbardos.
Ladeo sempre. Ladeo desde que te teño memoria. Agora é cando penso que non me souberon endereitar... e iso que tiven unha nai de armas tomar, de rapar e peitear. É ben verdade que o que sae torto, vive e morre torcido. Seguro que cando me metan no cadaleito ladearei, neste caso, para a dereita (e volvo dicir que o que queira entender que entenda).
Ladeo cando conduzo e cando paseo. Ladeo, iso si, tan só un pouquiño, cando escribo versos. A poesía precisa dunha recta concentración. Ó ladear un chisco é polo que non consigo ser poeta. Só escribo versos que enmaraño nun nobelo. Ladeo en posición supina e cando leo paseando pola cociña. Ladeo sentado nun mazadoiro do parque Ansuíña. Para min, ladear e asubiar todo é empezar. Eu non empezo... sigo. Porque sempre ladeo e asubío moito.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES