Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 10 de septiembre de 2025
Berros submisos

Hai uns anos, o ex-presidente da Xunta de Galicia e, hoxe, líder da oposición española, don Alberto Núñez Feijóo, saíu, para que o viran, cunha mangueira de xardín a apagar un incendio, é dicir, a facer que facía. O outro día, apareceu pola comarca de Monterrei a Súa Maxestade Felipe Juan Pablo Alfonso de Todos los Santos de Borbón y Grecia, ou sexa, o Rei Felipe VI de España para escoitarnos. Os incendios, ás veces, tamén poñen a cada un no seu sitio. Pingas de Orballo
O de escoitarnos entendo que é porque non nos facemos oír. Os galegos sempre fomos moi submisos, a pesar de que nos fartamos de berrar. Botamos a vida berrando. Desde que vemos a primeira luz do día ata que se pon o sol polo outeiro de Brandín ou polo cabo Fisterra. Berramos desde os outeiros e desde os campanarios das igrexas. Berramos de carraxe e de medo. Berramos de alegría e de felicidade. Berramos social e politicamente. Pero sempre, sempre haberá alguén que non nos escoita. Alguén non... moitos. Moitos tampouco... practicamente todos.
O Rei veu a escoitarnos. Que quería que lle dixeramos? O que lle podiamos dicir xa o sabe el e todos os da súa caste. Levamos toda a vida dicindo (a berros) demasiadas cousas que aí quedan, que aí quedaron sempre, no limbo. Ou nos caixóns das mesas dos despachos. Ou flotando entre os efluvios alcohólicos nas conversas das cafetarías ministeriais.
O ex-presidente fixo o ridículo hai uns anos. O Rei non, o Rei é benvido sempre para demostrarlle que seguimos sendo submisos, disciplinados, obedientes, servís, dóciles e, se lle temos que berrar para que nos oia, facémolo a peito aberto pero con cariño, de corazón e cun sorriso dentífrico nos beizos. Que non digan de nós que somos uns rebeldes, que nos levantamos por catro labaradas de lume.

Depresión posvacacional

Quero ser ateo e non hai maneira. O catolicismo está en cada bafarada de aire que deixo escapar. O catolicismo arrodeou sempre a miña vida: miña nai que era case beata ou sen case; estudos nun colexio de curas que, ó final, mesmo se mesturaron con monxas; as novenas de Os Milagres, a Santiña do Medo, a igrexa parroquial de Baños de Molgas a metro e medio da miña casa... Non tiven escapatoria.
E agora, cando quero escapar, ata nos escritos teño que usar expresións ou frases católicas porque, busque por onde busque non atopo tales formulacións noutras doutrinas. A biblia asoma cada dous por tres porque é a alma mater do catolicismo. A palabra de Deus e as prédicas de Xesús dan ditos, proverbios e adaxios para dar e tomar.
Vou ó caso: "Gañarás o pan coa suor da túa fronte". Bonita frase do Xénese 3:19 da que nos queremos zafar polo menos un mes ó ano, nesas chamadas ociosas vacacións. Seica o 66% dos españois sufrimos de depresión posvacacional. Vaia por Deus! (vedes?, outra exclamación parida do catolicismo). Isto da depresión dáme a entender que queremos que os cartos nos cheguen á casa sen rañala. A suor tan só produce proído, empapa as camisetas, molesta e cansa.
Depresión posvacacional. Xa que nomeei antes ós curas, aquilo si que era depresión o comezo dun curso. E non só pola severa, estrita e ríxida disciplina deles, senón por todo o entorno, por todo o que nos arrodeaba... educativa, familiar e socialmente. A depresión posvacacional por traballar só lle ataca ós vagos. Como hai un 66%... un país cheo de nugalláns!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES