Apropiacións culturais
¡Somos unha esponxa! No Madrid da posguerra, con aquela febre cultural de recuperar o "modus vivendi" anterior ao 36, modas, costumes, falares..., oíase moito o dito de que, "Todo se pega menos la hermosura".

Igual se quedaban curtos pois a fermosura dos "bos modais" tamén é pegadiza..., entre xente decente!
Neste mundo globalizado, inter comunicado por tantos medios, xa non hai modas, nin modas nin modismos, pois as cousas, as novidades, veñen e vanse a tal velocidade que nin dan tempo a clasificalas.
A apropiación cultural causa prexuízo no momento no que unha cultura dominante usurpa elementos doutra cultura sen a súa comprensión previa, ou fai uso deles de maneira diferente a como eran na súa orixe.
Con iso e con todo, as culturas son máis complexas do que parecen a simple vista, así que estamos imitando, apropiándonos, parciais delas, pois a totalidade tardaríamos en asimilala. Algunhas apropiacións, case todas, son máis de forma que de fondo, así que non hai perigo de que arraigue o foráneo.
Segundo Bisbal (Marcelino Bisbal, Venezuela), "Vivimos nunha sociedade mediatizada, onde o fluxo global de imaxes, noticias e opinións, constitúen hoxe en día gran parte da alfabetización cultural e política que os individuos instauran dentro dos seus territorios espaciais".
As prácticas de consumo cultural non só reproducen normas e recursos senón, e tamén, as maneiras en que os individuos se enfrontan a estas normas e a estes recursos.
Na actualidade as cidades son espazos estratéxicos de innovación, de inversión e de actividade, pero tamén son lugares que condensan fenómenos e problemáticas complexas, mostrando os efectos dos procesos que foron transformando a vida pública, fragmentándoa, debilitando os referentes comúns e salientando as desigualdades sociais.
-.-
Ler versus estudar? ¡É algo así como correr versus andar! ¿Se corremos, que vemos, que apreciamos, que retemos? ¡Case nada! Pois, coa lectura rápida, outro tanto!
¡Ai, Deus, co importante que é isto, e que pouco nos paramos a meditalo, e menos aínda a censuralo! Tamén o temos claro neses presentadores febrís dos mass media: ¡Son uns escagarriados da palabra, e por tanto, máis que falar, vanse do ventre! ¿Non será que o fan adrede, para que non nos paremos a analizar as vaguidades que nos están dicindo? ¡Vaiche boa, que todo pode ser! Cando así se poñen, eu quito os audífonos..., ¡para aforrar pilas!
¿É posible estudiar sen ler? ¡Aínda non, polo menos certas cousas, así que, se non nos ensinan a facelo correctamente, ensaiemos nós! Claro que tamén se aprende escoitando, ¡cando se fan oír! E non che digo nada facéndoo a base de experiencias directas. Con iso e con todo, sen libros, sexan de imprenta ou virtuais, pouco se pode facer, hoxe en día, pouco se pode avanzar. Dunha, que se puxo de moda falar coa lingua a cen; e doutra que cada vez nos veñen máis escritos, tales como diagnósticos de medicamentos e características de aparellos, con letra microscópica, ademais de idiomas e termos que ben lle consta ao fabricante que non saberemos interpretar, así que imos..., ¡iso, iso que se di vulgarmente!
¿Hai unha fronteira entre ler e experimentar? ¡A verdade é que se complementan, pero déixolle ao lector esta comprobación, a título persoal..., para que se afaga a pensar!
Buscando especialistas na arte de ler, din con un tal Carlos Arroyo que sabe o que se di. E di:
"O adestramento converterate en bo lector. Aprenderás a ler lendo; mellorarás a comprensión lendo; gañarás velocidade (velocidade de asimilación) lendo.
"Non importa o que leas, (¡nisto eu disinto!), pero le". (O Arroyo aquí matiza que "É máis importante ler moito do que che guste e che interese que ser tan excesivamente selectivo que acabes lendo pouco, e só de maneira forzada". ¡Vale; isto váleme!
"Que hai varios tipos e niveis de lectura. Aspectos como o grado de coñecemento previo, o obxectivo perseguido ou a esixencia de profundidade ou asimilación, marcan diferenzas (no que Arroyo chama) "técnica de lectura".
"Esquécete de escribir ben se non les. Ata que cheguen os teus anos de madurez, ninguén te ensinará a escribir dunha forma tan eficaz como o farán os libros que teñas lido".
Pola miña parte, deste tema só engadirei un consello propio; coido que apropiado: Do idioma correspondente nunca leas algo novidoso sen ter á man un bo dicionario; e se é debaixo dun carballo, mellor que mellor, tanto polo osíxeno respirado como polo silencio!
-.-
Estrelas na familia
De telas, xeralmente son estimulantes, pero tampouco hai que durmirse nos loureiros..., por se acaso! Son armas de dobre fío, así que hai que manexalas con destreza. Un dos cortes estimúlanos e esfórzanos en orde á emulación, á prestación dun sacrificio igualitario, igualador ou imitador, pero tamén ocorre que nos dea por tirarnos ao atallo, a gozar comodamente das influencias e do releve social que nos proporcionen os nosos brillos parentais.
No outro corte están as envexas, esa rabia de atribuír á sorte calquera tipo de elevación que nos neguemos a recoñecer como froito de esforzos singulares por parte dos nosos pares. Esa envexa interior, xeralmente disimulada, dáse moito nos nosos días nos que a loita competitiva é atroz, esgotadora, así que nos sentimos inclinados, con facilidade, ao desprestixio solapado. ¡É tan fácil atribuír a nepotismo, ou a outras grazas non sanctas, neste ambiente de corrupción xeneralizada do XXI, ascensos, ou subidas, que na realidade foron ben suadas e ben gañadas! Con iso de que hai moito xoio, damos por perdida a colleita.
Cando as nosas facultades non son competitivas, ou non as poñemos en acción, doado é desprestixiar aos competidores, sequera sexa para disimular a nosa mediocridade. Observando e observando, esta negatividade asoma, de presente, por todas partes, en tódalas actividades, así que poñamos o dedo na chaga para identificala.
Se fósemos tan bos e tan xenerosos como sería desexable, pediríamos dúas cousas: que os célebres non se endeusen, e de paso que nos boten unha man aos crequenas do seu entorno para axudarnos a enderezar. Isto é o humanitario, pois as grandezas ensoberbecidas, nas súas consecuencias son a meirande das baixezas: frean en lugar de estimular!
-.-
O desexo de saber
Todos os homes teñen, ¡temos!, na propia natureza o desexo de saber. O pracer que nos causan as percepcións dos nosos sentidos son unha proba desta verdade... Aristóteles, na súa Metafísica.
¡Oh, Aristóteles, canto nos deixaches ensinado; o problema está en que cada morte é un baleirado das experiencias humanas! ¿Por que? ¡Porque, con todo ser moito, o aproveitable non abunda, e logo que a filosofía está un tanto demodé, pasada de moda, superada polo mercantilismo do proveito material, do superficial! Facían falta moitos Aristóteles, moitos avós que nos ensinasen a pensar, a rumiar, a deternos no transcendente. Na súa Metafísica segue ensinándonos a observar: ... os directores de obras, calquera que sexa o traballo de que se trate, teñen máis dereito ao noso respecto que os simples operarios; teñen máis coñecemento e son máis sabios porque saben as causas do que se fai; mentres, os operarios parécense a eses seres inanimados que obran, pero sen conciencia da súa acción, como o lume, por exemplo, que queima sen sabelo. Nos seres inanimados unha natureza particular é a que produce cada unha desas accións; nos operarios é o hábito. A superioridade dos xefes sobre os operarios non se debe, xeralmente, á súa habilidade práctica, senón ao feito de posuír a teoría e coñecer as causas. Engádase a isto que o carácter principal da ciencia consiste en poder transmitila polo ensino.
¿Transmitida polo ensino...? Daquela, ensinar é un apostolado, e os ensinantes, verdadeiros apóstolos. ¿Agradecémoslles correctamente a súa xenerosidade? Ben pensado, ou malpensado, para que, se aos poucos xa estaremos subindo o cóbado, alzando o vaso dos praceres vulgares!
É arrepiante, pon os pelos de punta, a constatación do mal uso, ou do pouco uso, que facemos das leccións maxistrais apresas en cabeza allea. Temos que turrar, e rompe-los cornos contra os obstáculos, para decatarnos de que as advertencias dos sabios son aceptables. Ben dixo, seica, aquel xitano: Preitos teñas, e que os gañes. As guerras, por exemplo, ¿gáñaas o vencedor? Se aproveita a lección, máis vantaxes lles sacará o perdedor.
-.-
Vaiamos a Lindeman, vaiamos á fonte limpa.
Edward Lindeman C. (Michigan, 9-5-1885 / 13-4-1953), autor do innovador, The Meaning of Adult Education, foi pioneiro en moitas frontes, cunha fidelidade á ciencia e para a sociedade e os seus procesos, e tamén na educación de adultos e na filosofía social. Orfo prematuro, tirou experiencia dos seus traballos sucesivos, entre eles viveirista, enterrador, oleiro, etcétera; mentres, asistía a escolarización formal, pero só intermitentemente.
Daquela vaiamos, e maticemos, para interpretar correctamente. Pero máis que ir é non saír del, polo que profundou nestes temas. Eduardiño, en letras de ouro, se tal as admitise o meu ordenador, ou se seguísemos con aquel ouro das ribeiras do Azúmara, ¡tanto que nos arroubaron aqueles romanos!, en ouro gravaría estas catro sentenzas-análises túas:
O alumno motívase para aprender cando ten, ¡cando sente!, necesidades. Por algo a comodidade dos ricos é un ceda el paso a favor dos necesitados; esfarélalles aos poderosos a supremacía que teñan acadada!
Non é igual sentir necesidades que padecer necesidades; isto hai que distinguilo. Sentilas é un prurito, un comechón a priori, que nos pide vacinas, que nos pide un paraugas aberto desde antes da tormenta, percibida a súa inminencia por signos externos, apreciables que non figurativos. Precisamente, para non chegar a padecelas..., ¡curarse en saúde!, que dicía meu avó, o albeite.
A orientación para aprender céntrase na vida. Aquí, vello Lindeman, eu, coa experiencia dos anos que teño enriba, con un recorrido que traspasou nove décadas, desde aquel ripeiro de facer zocas para a feira de Castroverde ata os meus libros da UNED, esa Institución que pule nos vellos, voume permitir un certo pragmatismo: É a vida centrada, a sosegada, ávida pero non avarenta, a que nos permite manter unha orientación proposta. Se nos tornamos catacaldos intelectuais, repartindo arbitrariamente as enerxías, abarcaremos moito pero apertaremos pouco. Non hai que esperar a que a vida nos fixe as orientacións; a min, á vida, á necesidade de vender zocas para mercar pantalóns, que as verzas tiñámolas no horto, se lle fago caso absoluto, derivativo, igual me levaba a facer esculturas de madeira, pero, do resto, in albis! Son boas as vocacións, son boas as esixencias temporais, pero o futuro é a cousa máis inestable deste mundo, así que convén un certo polifacetismo para ir transbordando dos navíos que naufraguen.
Ten necesidade de auto dirixirse profundamente. Profundamente, si, pero tamén en extensión..., porque as circunstancias cambiantes antes aludidas aconsellan mirar para os lados, reservar un certo nivel de enerxía para os avatares ou suxestións que se nos vaian presentando. Profundar, si; especializarse, tamén; pero non, nunca, con entrega absoluta se non queremos acabar en monstros deformes; os diamantes son diamantes porque teñen, ou admiten, unha variedade de caras.
As diferencias individuais increméntanse coa idade. ¡Pois claro, xa que á forza de construír con materiais diferentes as obras non poden, nin deben, ser idénticas! O fallo témolo en que as xeracións seguintes páranse, parámonos, pouco, en libar o néctar de cada flor, pois, ao ser diferentes, o mel obtido sería apoteótico. É máis fácil de copiar, de succionar, o malo que o bo, e iso é un hándicap para a depuración cultural, que debera ser algo máis progresiva e veloz do que logramos. Por exemplo, van vinte séculos daquelas leccións do Mestre e segue habendo fariseos!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.