Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Plans municipais de ordenación e urbanismo

jueves, 17 de septiembre de 2009
Dende fai algúns meses podemos consultar en Internet bastantes proxectos ou Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOMs). Son documentos publicados pola Xunta que inclúen datos estatísticos e textos descritivos expostos nunha linguaxe técnica de difícil comprensión para o gran público, aínda que eses plans acabarán condicionando durante moitos años a vida individual e colectiva de tódolos cidadáns dos concellos. Hai bastantes PXOMs municipais en proceso de construción, mais poucos comentarios encontramos nos xornais de divulgación masiva. Como explicar este feito, tratándose dunha cuestión de tanta transcendencia práctica? Posiblemente, ao confluír tódolos intereses económicos potencialmente conflitivos, os políticos evitan a súa excesiva publicidade, limitándose aos estritos mandatos legais. Por outra banda, no caso da poboación rural, os cidadáns afectados usan só a canle das alegacións individuais, quedando na sombra a visión do conxunto total da ordenación do territorio e do urbanismo municipal.

Neste verán-2009 o Concello de Guitiriz, despois de tres años de elaboración, presentou, aprobou inicialmente e puxo a exposición pública dende o 16 de Xullo ata o 16 de Setembro o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A ese Plan déuselle publicidade tanto en internet (www.sigui.es) como en reunións en cada parroquia. Non obstante, como botón de mostra do que posiblemente está forxándose noutros concellos rurais, cómpre interrogarse sobre os principios ideolóxicos explícitos e implícitos que animan a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do medio rural de Galicia e normativa posterior, sobre as decisións políticas dos responsables municipais e sobre as consecuencias sociais previsibles, especialmente para os asentamentos de poboación rural dispersa.

No terreo da visión ideolóxica abstracta, a Lei do solo 9/2002 está atravesada por múltiples precaucións de tipo ecolóxico e chea de boas intencións para crear unha racionalidade sostible no futuro. Na práctica, este transfondo teórico tende a convertese en proteccións e intervencionismos municipais e autonómicos. Se as relacións de poderes entre a Xunta e os concellos xa están desequilibradas no deseño legal, moito mais van estar na praxe política concreta. O banzo de poboación a rentes do chan, a rural dispersa, vai soportar unha pesada carreira de obstáculos, uns necesarios e outros inútiles. O golpe definitivo para calquera cidadán habitante do medio rural, conforme o artigo 41 apartado e) da Lei, será que, despois dun esforzado e custoso trámite para presentar en regra determinados proxectos con tódolos papeis requiridos, se na Xunta o director xeral competente na materia non emite resolución expresa no prazo de tres meses, “entenderase denegada a autorización por silencio administrativo”. Iso soa a vello truco burocrático, incoherente coa democracia.

A pesar da casuística restritiva da Lei, queda marxe de manobra para as decisións políticas dos responsables municipais. A mentalidade desas decisións quedará plasmada de moitas maneiras. No medio urbano será visible nas novas proxeccións urbanísticas estratéxicas ou insubstanciais, na corrección ou descoido definitivo dos posibles desatinos do pasado urbanismo espontáneo que obedeceu prioritariamente a intereses particulares, na busca da centralidade urbana fronte a tendencia centrifuga das vilas, nas previsións adecuadas ou remendos de solo urbanizable para zonas industriais e infraestruturas de servizos. Mais onde os políticos locais van a xogarse o súa propia capacidade de garantes do interese colectivo será na ordenación do medio rural disperso. Os principais retos serán frear a dispersión sen estrangular a poboación diseminada, promover unha mínima concentración do hábitat creando suficiente e axeitado solo de núcleos rurais en nodos dinámicos, estratéxicos e xerarquizados, protexer o patrimonio natural e cultural nunha ponderada medida que non paralice o normal crecemento da economía e desenvolvemento da vida rural. Todo iso require, ademais dunha técnica científica refinada, un coñecemento profundo e realista do concello para acertar coas as chaves do futuro.

No caso de Guitiriz, aínda estamos en fase exposición pública, de observacións, de formación de opinións e expectativas colectivas e individuais sobre o plan ata que se formulen as alegacións concretas. Pensando nas consecuencias previsibles, nunha primeira impresión, están xurdindo bastantes interrogantes sobre o conxunto e sobre os detalles e pormenores do PXOM guitiricense. Cómpre preguntarse polas posibles transformacións, remodelacións, rehabilitacións da arquitectura urbana tradicional (aliñacións, alturas, fachadas, materiais, estilos, viais suficientes...) e a súa coexistencia coa construción de modernos inmobles que en moitas vilas galegas están convertendo a edificación compacta nun tobogán irreversible. Xorden Preguntas sobre a tipoloxía de vivendas prevista nas areas de expansión urbana, sobre a elección estratéxica dos PERIs (Plans Especiais de Reforma Interior) sen interferencias de intereses privados, sobre as zonas verdes e os paraxes a protexer no entorno urbano, sobre a suficiente ou deficiente dotación de solo industrial e de servizos, sobre a configuración dos núcleos rurais encorsetados ou con agrupación dinámica e xerarquizada, sobre os razoables ou excesivos proteccionismos e intervencionismos especiais no solo rústico que poden resultar paralizantes. De confirmarse algunhas sospeitas iniciais, o Plan Xeral podería producir, paradoxalmente, algúns efectos non previstos e mesmo contrarios os obxectivos proxectados, tal como rixideces innecesarias ou flexibilidades incoherentes no espazo urbano consolidado sen corrixir algúns erros herdados e acumulados do pasado, parálise crecente do medio rural por desaxeitada area de expansión dos núcleos rurais mais dinámicos e centrais, deixando ademais os casais illados a intemperie legal sen marco xurídico seguro.

Mais quizabes os maiores reparos o Plan Xeral de Ordenación Municipal guitiricense virán, non do discurso que está escrito, senón do lado das omisións que poden converter en verbalismo baldeiro os obxectivos centrais proxectados. No eido urbano, o PXOM fai unha ampla análise, unha afinada diagnose de problemas e unha variado abano de propostas; pero pouco se di sobre os espazos peonís e sobre a escaseza de aparcadoiros públicos e privados nas areas urbanas tradicionais xa compactas e consolidadas, problemas que están facendo intransitable a zona central da vila de Guitiriz. Confiemos que a execución urxente dalgunhas novas vías e rúas de entrada e saída á vila atenúen esta saturación asfixiante. Do territorio rural do concello, o PXOM fai unha análise ecolóxica clasificando os diferentes tipos de terreos, ofrece unha síntese estatística descritiva da poboación e da tipoloxía dos asentamentos, e recolle unha ampla relación de bens de interese público a protexer; pero non se diagnostican os atrancos nin as posibilidades da economía agro-gandeira-forestal, nin o equipamento mínimo dos principais núcleos parroquiais, como son os servizos básicos de enerxía eléctrica, redes de auga sanitaria, evacuación de augas residuais, etc. Pouco se indica sobre as vías de comunicacións do medio rural disperso. Nada se proxecta para a telefonía fixa e móbil nin para a implantación de Internet de banda ancha no medio rural diseminado, factores que son e serán as chaves para reter e incluso atraer habitantes os principais asentamentos rurais. As deficiencias deses servizos afecta actualmente a un 60 ou 70% da poboación municipal, minguando a súa actual calidade de vida e expectativas de mellora.

Todas estes esquecementos (conscientes ou involuntarios?) crearán inevitablemente unha conciencia de malestar e unha dinámica derrotista. Sería un erro de enormes consecuencias históricas pensar que as pequenas vilas galegas, con vocación de futuras cidades, poidan desenvolverse como un oasis nun deserto demográfico da súa contorna rural, co esmorecemento da súa estrutura económica tradicional e co retorno da súa natureza circundante a un estado selvático e salvaxe onde o mosaico de paisaxes humanizados desapareza, onde os vestixios da cultura tradicional acabe borrándose paseniñamente e a fauna e flora sufran unha evolución irrecoñecible. O Plan Xeral de Ordenación Municipal fundamenta o futuro desenvolvemento económico sustentable de Guitiriz sobre tres eixes: vila termal, vila de pedra, vila central nunha encrucillada de vías rápidas de comunicación e transporte. Con ser importantes eses tres factores, a explorar en tódalas súas potencialidades, non obstante, non son suficientes para artellar e soster toda a economía municipal. Os recursos agrícolas, gandeiros, forestais, mineiros, de acuicultura fluvial, de pequena industria difusa, de primeiras transformacións agrarias e outros posibles elementos económicos deben ser diagnosticados e proxectados nunha ordenación global de todo o territorio municipal. Trátase de promover en toda a bisbarra unha diversificación económica e ocupacional para que o desenvolvemento sexa realmente sustentable tanto nas vilas como nos núcleos rurais diseminados. O camiño non é constrinxir mais aló do necesario, senón abrir un máximo de futuras posibilidades dentro dun marco integral equilibrado.

De calquera xeito, os Plans de Ordenación rural e urbana da Galicia rural son moi necesarios, mesmo urxentes; pero ao servizo de todos e para todos, sen marxinar a priori ningún espazo nin estrato social. Iso require conciliar os criterios dos expertos e dos responsables políticos locais coas necesidades e lexítimas aspiracións de tódolos cidadáns afectados. Espero que noutro intre poidamos comentar con fiado miúdo o Plan Xeral de Ordenación guitiricense comparándoo con outros en curso ou xa rematados. Merece a pena abordar esta realidade na que tantos futuros están en xogo.

Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES