Sempre en Berna
Ríos, Xulio - martes, 16 de septiembre de 2025
"Por primeira vez na súa historia, Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional", dicíanos Plácido Castro nunha tribuna para El Pueblo Gallego (EPG) o 30 de setembro de 1933. Viña de participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), celebrado en Berna entre o 16 e 18 de setembro.
Reunido "en momentos dramáticos da vida internacional" (o ascenso de Hitler en Alemaña, a fraxilidade da Sociedade de Nacións, a cuestión das minorías en Europa central e oriental...), a ampla participación de diferentes nacionalidades e minorías neste evento sinalaba a listaxe dos problemas que naquela Europa existían nesta materia, unha crítica directa desa paz que deixou agravados vellos contenciosos, problemas que "en si non teñen nada de insolubles", dicía o dirixente galeguista.
A propósito das deliberacións neste IX CNE, Plácido destacaba para el EPG noutra peza do 5 de outubro de 1933, o enfoque construtivo das intervencións, procurando avanzar nos recoñecementos identitarios e na expresión de dereitos elementais "sen chegar á desmembración". Nese marco, a defensa da autonomía territorial coexistía coa demanda de eficacia e solidariedade para materializar resultados.
En "Galicia, nacionalidade europea", publicado no EPG o 10 de outubro de 1933, Plácido sintetizaba o significado do ingreso de Galicia no CNE e apuntaba ao seu carácter "especial", habida conta que non somos parte dun estado ligado por compromisos internacionais respecto aos dereitos das minorías, e que tampouco procuraba estritamente apoio ou solidariedade.
E destacaba as plusvalías: recoñecemento de que "o noso pobo constitúe unha nación", a universalización a través do contacto formalizado con outros pobos europeos e significación da persoalidade característica de Galicia, a colaboración con vascos e cataláns avogando por unha solución federal para España, a península, Europa e ata o mundo.
Plácido Castro asistiu representando ao Partido Galeguista e a Galicia. A súa participación foi histórica porque, por primeira vez, tivemos voz nun foro internacional como unha nación singular dentro de Europa. Alí defendeu a identidade cultural e política de Galicia, destacando a súa lingua, a súa historia e o seu dereito a un maior autogoberno no marco da República.
O informe de Plácido Castro
Plácido Castro presentou en Berna un informe no que se aprecia a man de Vicente Risco, destacando a existencia en Galicia dunha lingua e cultura propias, unha historia diferenciada dentro da Península Ibérica, e o traballo político do Partido Galeguista, que arelaba un Estatuto de Autonomía (aprobado en plebiscito en 1936). A súa intervención situou a Galicia ao mesmo nivel que cataláns e vascos, quen tiñan máis traxectoria nos foros europeos.
Para o movemento galeguista, aquel foi un acto de lexitimación internacional, anque limitado pola carencia de arroupe institucional, co que non contaba. Pero non por iso deixou de ser ese espazo no que Galicia, grazas a Plácido Castro, presentouse e foi recoñecida como unha nacionalidade europea con dereito a recoñecemento político e cultural, en igual medida que outros pobos sen estado.
A presenza de Plácido Castro demostrou o desexo dos nacionalistas galegos de situar a Galicia no mapa político internacional, máis alá de España. Galicia foi recoñecida como unha das nacionalidades con aspiracións lexítimas en Europa. E sentou as bases para alentar a rede de contactos entre os nacionalistas galegos e outros movementos nacionalistas, especialmente cos movementos catalán e vasco, que xa estaban presentes nestes foros.
O IX Congreso de Nacionalidades Europeas
Entre as principais conclusións daquel congreso cabería facer mención da defensa das linguas minoritarias, reclamándose o dereito ao ensino, a prensa e a vida cultural nas linguas propias; o autogoberno dentro dos Estados, sen avogar de forma explícita pola independencia, insistíndose no federalismo ou na autonomía política como solucións; a crítica á represión das minorías en varios países europeos (caso dos ucraínos en Polonia, os alemáns en Checoslovaquia, etc.); a vinculación coa Sociedade de Nacións, urxíndose de Xenebra que actuase como garante dos dereitos nacionais; a unidade entre nacionalidades, afirmando o congreso como un espazo de contacto e de intercambio.
Outra Suiza
A experiencia de Berna de 1933 marcou un fito simbólico na internacionalización do nacionalismo galego, aínda que a Guerra Civil truncou esa proxección pouco despois.
Van aló 92 anos daquel suceso. Antes da Suiza como referente dos destinos da emigración galega, houbo para nós outra Suiza cargada de significación política que baixo a lousa da ditadura franquista moitos dos galegos asentados nese país tamén ignoraban.
Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI e autor de "Galicia e a Sociedade das Nacións" (Galaxia, 1992).

Ríos, Xulio