Un paseo de encontros
Baixei pola rúa do Agro de Baños de Molgas. Con pachorra. Sen presa. Coma se fose de paseo. Coma se andase matando o tempo. Díxenlle ola a Luis Froufe, o fillo do Salgueiro. Este contestoume cun sorriso, e como parece que tiña ganas de parola, colleume por banda e non me deixou durante uns minutos. Faloume da filosofía da vida e da curvatura dos cornos dunha das súas vacas, máis en concreto, da Garbosa. Non lle entendín nada, pero díxenlle a todo que si. Con educación. Tamén cun sorriso nos beizos. Cando quero sei ser amable. E educado.

O fillo do Salgueiro, cando xa iniciara unha nova historia sobre a altura dunha carracha, cortou de golpe a conversa e díxome que me fora, que xa me matara abondo a cabeza. Como son educado díxenlle que diso nada, que me gustaban as súas historias... aínda que seguise sen entender nada. Porén, fíxenlle caso e marchei. Baixei pola Barronca e, antes de chegar á estrada principal, berroume desde unha ventá a Luisa do Cachaldora. Que para onde ía, que ía facer, que tal o día, que se xa tiña ganas de morrer. Isto último díxomo porque xa teño unha idade e ela, que riquiña, terá uns dez anos. Os nenos sempre teñen un por que na boca.
A nena non tardou en esconderse detrás das cortinas. A pesar das preguntas notábaselle a vergoña. Para darlle confianza, contesteille a todo, aínda que lle mentise en algunhas cousas. Seguín co meu paseo tranquilo e pensando xa no próximo encontro. O día e o paseo víase que estaba de encontros. Efectivamente, non tardei en cruzarme con Rogelio, O Paspán, que subía do muíño. Este non me dixo nada. Miroume de esguello e rosmou para si. Foi ó que mellor entendín. Ás veces di máis un xesto que unha longa conversa.