Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - martes, 02 de septiembre de 2025
O irrespirable ambiente na política española actual

Este pasado mes de agosto, mentres a provincia de Ourense ardía polos catro custados do mesmo xeito que extensas áreas de Castela e León, Estremadura, Andalucía ou Asturias, asistimos ao lamentable espectáculo que deron os políticos tirándose una vez máis os trastes á cabeza mentres culpábanse uns a outros das desgrazas que estabamos a sufrir.
Mais, como lembra o meu bo amigo Balbino, que ten para estas cousas unha memoria prodixiosa, este lamentable espectáculo comezou hai moito tempo, cando un barco cargado de fuel naufragou en augas internacionais fronte ás costas galegas cando navegaba dende un porto do mar Báltico ata Xibraltar. O barco en cuestión, que se chamaba Prestige por unha broma do Destino, era unha bañeira de mala morte que nin procedía dun porto español nin viaxaba a un porto español e foi afundirse un día de temporal en augas que estaban fóra da nosa xurisdición. Pero o lixo que transportaba acabou alcanzando as costas galegas porque o ser humano aínda non logrou dominar as correntes mariñas nin a forza das mareas e, á vista deste desastre, houbo quen tinguiu de negro a bandeira galega e utilizou de xeito moi vantaxoso o naufraxio culpando ao Goberno central e á Xunta de que a merda do Prestige asolagase as nosas praias. Seguramente foi xustamente aí cando algúns políticos con vista e poucos escrúpulos déronse conta do gran resultado que dá o utilizar as desgrazas como arma arreboladiza contra os rivais, convertidos desta maneira en culpables de todo canto pasa e sen dereito algún a defenderse.
Logo veu un horrible atentado nuns trens de proximidade de Madrid. O meu amigo Balbino sempre creu que cando uns desalmados poñen bombas ou empregan calquera outra arma para asasinar ás persoas que pillan preto os únicos responsables son xustamente eses desalmados. Pero non, Balbino está moi equivocado! Sempre hai quen busca razóns para culpar aos responsables políticos que queremos apartar do poder para botarlles a culpa destes crimes atroces.
No ano 2011 xurdiu un movemento espontáneo, coñecido dende entón como o 15-M, que tomou as rúas en protesta polas políticas de austeridade impostas pola Unión Europea e que facían fronte aos desafiuzamentos e á corrupción co berro de “non hai pan para tanto chourizo!”. Mais houbo grupos radicais que, moi cedo, acabaron apropiándose do que inicialmente era unha reacción popular contra as consecuencias da crise económica de 2008. Algúns de estes grupos continuaron as protestas centrándose en perseguir e mesmo acosar aos representantes políticos que non lles gustaban, tanto de dereitas como de esquerdas. Foi daquela cando xeneralizouse o termo, ata entón completamente descoñecido, de “escrache”, que o diccionario da real academia da lengua española define como “manifestación popular de protesta contra una persona, generalmente del ámbito de la política o de la Administración, que se realiza frente a su domicilio o en algún lugar público al que deba concurrir.” Personalidades como Rosa Díez ou Rita Barberá sufriron estes “escraches”, que un coñecido personaxe mesmo atreveuse a cualificar como “xarope democrático”. Esta política de promover “escraches” excedeu unha liña vermella respectada máis ou menos ata entón: a de separar o ámbito privado das persoas da súa actividade pública. Pasouse a insultalos pola rúa, a impedir que falasen en público e mesmo as súas familias sufriron as consecuencias. Estes actos lamentables só remataron cando os que promoveran os “escraches” comezaron a probar nas súas persoas ese “xarope democrático”, que nese intre deixou de selo para converterse nun intolerable acto de acoso e violencia.
Durante os últimos anos asistimos ao triste espectáculo de ver a certos políticos insultando ou burlándose dos seus rivais empregando para iso as redes sociais, especialmente ese invento chamado X, antes Twitter, propiedade do multimillonario Elon Musk. Cada vez que ocorre calquera cousa, aí témolos poñendo unha mensaxiña na súa rede social favorita coma se fosen adolescentes. A pregunta que faise Balbino é: Pero esta xente, que parece que está todo o santo día colgada do teléfono móbil, cando traballa? Ah, que non son eles os que os escriben! Seica esa xente ten community managers que ocúpanse de colgar as mensaxes que fagan falla... E quen paga a eses community managers? E xa postos a preguntar parvadas, quen decide o que teñen que escribir eses community managers?
Por mor dos incendios que arrasasaron medio país, o ministro de transportes dedicouse a colgar ocorrencias nas súas redes sociais. Pero Balbino faise aquí dúas preguntas, a saber: Que culpa teñen os presidentes autonómicos de que as condicións atmosféricas e a actividade dalgúns malfeitores que plantan lume ao monte causasen estes graves incendios? E a segunda pregunta é: E por que este suxeito nunca colga mensaxes cando os trens quedan parados no medio da nada coa xente atrapada no seu interior a máis de 40 graos de temperatura? Sobre iso o ministro de transportes non ten nada que dicir?
Home, se cadra este ministro e outros responsables deberían explicar por que a carencia duns novos orzamentos impediunos adquirir máis medios aéreos de extinción de incendios e por que nestes últimos anos descenderon as partidas dedicadas á prevención e extinción de lumes. De igual maneira que tamén descenderon as partidas para investimentos nas redes ferroviarias, eléctricas ou de estradas. Onde diaños vai o diñeiro dos nosos impostos? Porque cobrar, ben que os cobran e cada vez máis, pero o certo é que renden ben pouco.
Todas estas declaracións, insultos e ataques de mal gusto, máis propios de rapaces que de xente seria, están a xerar un clima irrespirable, cunha extrema división da sociedade en bandos opostos -case diriamos que inimigos irreconciliables- que non son capaces de dialogar entre eles nin de colaborar cando unha traxedia como as que sufrimos no verán requiren que todos traballen para remedialas en troques de usalas como arma contra os seus rivais. A consecuencia final destes desatinos é a absoluta desafección da cidadanía con respecto á política, que se mostra cada vez máis apática e sen interese algún por participar nos asuntos públicos. Aínda que a pregunta final que se fai aquí o meu amigo Balbino é: E non será iso, realmente, o obxectivo final de todos eses responsables que converteron o insulto ou o ataque persoal nunha arma política? Vaian vostedes a saber...
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES