Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camiñar, gozar, pensar

M. Quintanar, Miguel A. - miércoles, 03 de septiembre de 2025
Un trazo das sociedades actuais é a organización total, case totalitaria, da vida das cidadanías. A liña temporal na que desenvolven a súas vidas xira arredor de dous eixes: tempo laboral e tempo ocio. Que pode significar esta ordenación? Que efectos insospeitados ten sobre as persoas? Centrémonos no tempo de ocio.

Nas sociedades de masas o ocio presenta tres características. A primeira é o carácter de imitación universal. A publicidade comercial, omnipresente nos espazos públicos e privados, invita a buscar na práctica do ocio un modo de integración nos variados grupos sociais. O tempo de ocio é unha institución social na que, devagar, a liberdade do individuo, paradoxalmente, fica minorada.

A segunda característica do ocio é o consumo acelerado de todo tipo de mercadorías: desde obxectos físicos até "experiencias" non físicas. O abano de mercadorías aumenta coas présas de cada individuo para converterse, el mesmo e os avatares da súa biografía, en mercadoría dixital: imaxes, textos dixitais, pódcast, vídeos, curtas, inclusive biopics, que narran o seu día a día. Aparece, de novo, perda ou minoración da liberdade do suxeito.

A terceira característica é ser un consumible máis, un recorte aplicado á experiencia humana, agora refeita en obxecto inerte de intercambio global. É outra minoración da soberanía do suxeito sobre si e as súas relacións interpersoais.

Se os tres caracteres anteditos son certos, o tempo de ocio está en transo de mudar no seu contrario, isto é, tempo de traballo: mercadoría universal a disposición de quen poida mercala, usala, difundila e reempregala. Hai outras opcións? No cadro das sociedades que planifican o que de seu é implanificable: existe algunha posibilidade de transitar por vieiros que desencadeen liberdades inéditas e gozosas emancipacións? É posible concibir cursos de acción máis libres, menos alienantes, máis construtivos e ledos para o individuo? A resposta é afirmativa.

Na nosa opinión, O camiño dos faros. Diario de viaxe (Espiral Maior, 2023), escrito por Luís G. Soto, profesor de Filosofía Moral da Universidade de Santiago de Compostela, propón un tempo de ocio alternativo ao tempo de ocio administrado: o paseo polo Camiño do Faros da vila de Malpica até o cabo Fisterra, en Galiza, España. Son arredor de 200 quilómetros a pé que poden facerse ao longo de varias xornadas, non necesariamente sucesivas nin consecutivas. Por que este camiño pode configurarse como alternativa de ocio non consumista, con valor ético-político e potencia estética gozosa para o individuo?

Soto narra con claridade e sinxeleza un duplo percurso: un itinerario exterior pola natureza e unha viaxe interior de meditacións e sentimentos. Camiñar é unha forma de non converter a experiencia persoal en mercadoría, de esquivar a transformación do camiño e os camiñantes nun produto comercial, de loitar contra a alienación do tempo de ocio. Unha forma de recobrar a liberdade.

O camiño dos faros. Diario de viaxe ten a virtude de contar en primeira persoa, dun xeito, amable, benévolo e tranquilo, as maneiras e contido das camiñadas do autor. Maneiras sinxelas e accesibles a cada persoa: percorrer, contemplar, parar, observar, continuar, volver sobre os propios pasos cando é preciso. Contidos tamén comúns a cadaquén: visións, audicións, sensacións olfactivas, sentires e pensamentos que poden asaltar, alumar ás veces, ao camiñante. O relato resulta entretido porque hai ocasións nas que o camiñante se mergulla nas lembranzas das camiñadas feitas no pasado e nas emocións a elas asociadas (neste camiño a anamnese é tan importante como a visión directa). Tamén son gratificantes as pasaxes nas que o autor se demora explicando as dificultades e recompensas do camiño, a sorpresa causada por paisaxes ignotas e recunchos sublimes: piñeirais, cantís, dunas, penedos, praias, carreiros, ríos, areais, enseadas, lagoas, riscos... mais, tamén, a conversa con xentes moi diversas, os encontros con animais, a impresión causada pola arquitectura humana... O valor ético e estético dos lugares aguilloa todo tipo de estremecementos corporais e intelectuais. No momento no que o camiñante chega a Fisterra, comproba que non é o fin da terra: é o camiño polos fins da terra.

Escribe o autor: "O Camiño dos Faros é unha experiencia de intensa beleza. Dunha beleza primordial, filosófica: andando refacemos, volvemos pisar, o camiño dos primeiros filósofos: Tales, Anaximandro, Anaxímenes, Empédocles, Heráclito, Parménides, etc. É o encontro cos catro elementos, que eles sinalaron como os principios da natureza, do existente, do que hai: auga, ar, terra e fogo. Pois, xunto co océano (auga) e o litoral (terra), o vento (ar) e o sol (fogo) protagonizan tamén o camiño. Que é unha liña, minúscula e infinita, que os une (que reúne eses catro elementos) nunha experiencia única" (p. 155). Velaquí, desde o noso punto de vista, a revelación dun tempo-espazo de ocio liberador: camiñar (en soidade, con outros), gozar (tecendo elos con todo tipo de seres vivos), pensar (na Galiza real e, tamén, na posible).
M. Quintanar, Miguel A.
M. Quintanar, Miguel A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES