As outras penas de morte
Pinto Antón, J.A. - viernes, 05 de septiembre de 2025
Aínda hai países no planeta da familia humana manteñen o 'dereito' a quitar a vida. Ditaduras, teocracias, tamén democracias. Ancorados no pasado e nun presente de barbarie, desprecian conquistas da democracia e dos dereitos humanos. Mais hoxe, en silencio, con letal eficiencia, outras penas de morte matan máis.
Sevilla. IV Conferencia da ONU sobre financiamento do desenvolvemento. Sen EEUU que co desmantelando o USAID, a axencia USA para o desenvolvemento, vén de perpetrar un recorte histórico de fondos a favor da vida.
Os anos do s.XXI foron os de maior progreso, con enormes disminucións de mortes por sida, malaria, tuberculose. Reducindo a pobreza caeu á metade a mortalidade infantil evitable e as mortes por enfermidades infecciosas. Grazas ás axudas internacionais. E de súpeto, a cobiza e a xenofobia do universo MAGA pecha a billa do USAID. Non era caridade senón 'poder brando' que coparán os outros dous imperialismos. Esta decisión cruel coloca a millóns de nenos africanos no corredor da morte se outros países desenvolvidos non dan un paso adiante. Se a IA e a biotecnoloxía non botan unha man. Nada funciona sen un potente respaldo financeiro. Mundo rico, mundo pobre, mundo feo. 3.400 millóns de persoas, a metade da Humanidade e os seus gobernos son obrigados a pagar máis pola débeda que en educación e sanidade. Todas as pragas abátense sobre eles. Agora, a emerxencia climática: outra pena de morte que arrinca o pan a millóns de nenos. Sen alimentación axeitada nos primeiros anos, os máis relevantes, están condenados e xamais desenvolverán o seu potencial. Os recortes de fondos evidencian que as crises teñen cara de pobre.
Contra a cobiza dos 'tres emperadores' que tentan repartir o mundo, democracias liberais como as da UE terán que enfrontar aos creadores de corredores da morte que apostan pola pena capital e traizoan á vida. Crises internacionais, tensións xeopolíticas, recortes financeiros, emerxencia climática: tantas espadas de Damocles sobre os vulnerables. A fin do multilateralismo abre as portas ao matonismo unilateral. Un planeta sacudido pola covid, a guerra de Ucraína, a vergoña de Gaza, o trunfo de Trump, a cobiza de países prestamistas condenan aos que viven co auga na liña de flotación. Cada ano faltan catro billóns de dólares en desenvolvemento, tantos como o PIB de Alemaña.
O cumio de Sevilla apoia medidas concretas. Ausente o MAGA o ar foi máis respirable. Cooperación, axuda ao desenvolvemento, loita contra a crise climática, impostos aos superricos, igualdade de xénero, políticas verdes. Hai cartos, recorda OXFAM, para acabar coa pobreza pero están nas mans duns poucos países. Cómpre apostar pola esperanza, di o Nobel en economía J. Stiglitz. Pola vida. Contra as penas de morte.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora