Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

AXEITOS. Ollar o próximo e pintalo con auga

Sampedro, Pilar - jueves, 28 de agosto de 2025
É tempo de preguntas: Despois do desastre, que pasa coa mirada? Que imos representar na pos pandemia? Que é o que importa?
Axeitos ten as súas respostas e represéntaas, con acuarelas, para nós. Augadas en tempos de seca. Eu léoas así...
Manter a vista no próximo, no familiar.
Ollar o que queda do mundo de sempre, no día a día.
Facer do local universal; convidar a velo coa mirada orixinaria, sacudindo emocións como a tenrura que nos esperta a imaxe desa nena que xoga co gato dende o principio dos tempos e ata o final dos mesmos, esa rapaciña que explora a distancia entre o apego e a autonomía do felino domesticado. Recoller o que lle é propio ao lugar, o que o define, o que o vai representar no tempo longo: os lugares amigos, a vila medieval cos soportais góticos, os paseos por rúas e mercados, a alameda -lugar de encontro e lecer-, as rúas cheas de reminiscencias, o ambiente familiar, as escenas de praia...
Auga, pedra e natureza.
Represéntao cos azuis e brancos dos arredores da noite, azuis e verdes de natureza vizosa, AXEITOS. Ollar o próximo e pintalo con auga cos grises do granito, coa paz dos espazos nos que apetece estar. Unhas veces fai evolucionar as acuarelas definindo os contornos, outras deixa as manchas á vista nun xogo de adiviñas, nunha brincadeira entre os límites e as indefinicións.
Ría e río. Mariñas, barcos, augas lambendo a terra, os brancos batendo nas rochas, os pasos de alguén que pisa sobre as pegadas doutros e sobre as propias, as mariscadoras no medio da auga e da paisaxe que nos obriga a preguntarnos dende cando están aí, vendimando coma no paleolítico, nesa leira do mar. Esa imaxe que continúa a construír pois ela foi a primeira que eu vin de Axeitos nun cadro de gran formato no café Galicia de Noia e... onde vai que desapareceu o café desa esquina.. As obsesións pola identidade. Esa escena de mariscadores que volven á terra coma un exército estrañamente armado, con escudos que son salvavidas e apeiros de sachar o mar, coma na escena dun cómic.
Porque si, está Axeitos inmerso na acuarela, esa técnica recuperada nos últimos tempos, pero el vén doutros materiais e de olladas a todo tipo de manifestación pictórica, de percorrer centos de exposicións e obradoiros de artistas, de vivir entre arte toda a vida, de alimentar con ela o traballo diario (porque a creatividade bebe desa fonte) e, por iso, de pronto aparece unha nube que é unha tea ao ar ou estalan as cores nun improbable posible que nos fala dos milagres que suceden no medio do cotián. Como estes de que Axeitos expoña o que leva feito neste tempo e isto sexa un motivo de encontro e ledicia, porque a súa obra é unha garantía de bo facer que reconforta o espírito.
E aínda reconforta máis despois de asistir á inauguración. O local que foi do Casino, fermoso no seu modernismo, no centro da vila cos balcóns á Alameda. Mariló dando a benvida a todos os convidados mentres Axeitos coordina o concerto musical cos amigos. O espazo está a rebordar; as habaneras acompañan as pinturas para que sexan observadas con sosego e afecto. A conclusión é que ademais de traballo e inspiración o pintor ten moitos amigos dispostos a viaxar dende diferentes puntos de Galicia para ver as súas obras e reencontrarse con el. O cariño é mutuo, pois a xenerosidade condúcenos a outra planta onde o artista nos vai agasallar con viandas da mesma maneira que antes o fixo coa beleza. Alimentar o espírito e o corpo, facilitar o encontro, poñerlle música... quen dá máis?
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES