Un ateísmo estraño
Aínda que son medio ateo, ou ateo por completo, rezo polos vivos, intento recordar ós mortos e, eu, vivo como podo. Ás veces tamén bailo un tango sobre a galla dun carballo. E quedo tan pancho. Outras veces asubío un réquiem polas almas do purgatorio para que ninguén intente utilizar na miña contra o adxectivo discriminatorio.

Rezar é bonito aínda que non se crea. É como pedir un imposible. Como converter os pans en peixes e a auga en viño. Como o de crer no dito ese de que "cada un sabe as súas e Deus as de todos". É mentira. Deus non sabe nada. Absolutamente nada. Se soubera e fose legal, que non fose tan torto, seguro que sería todo doutra maneira. Porén, como todo é como é, non sabe nada. Nada de nada.
Non procede divagar sobre estes termos cristiás, relixiosos. E menos proclamando o meu ateísmo. Iso si, tampouco pasa nada porque eu rece á miña maneira, e moito menos por lembrar ós mortos. Ós que recordo sempre é para ben. Ós outros... que descansen en paz.
Un ateísmo algo esperpéntico, extravagante, estraño. É certo que non creo na relixiosidade cristiá, pero a virxe dos Milagres e o san Salvador de Baños de Molgas son outro conto, un punto e á parte, outra crenza que hai que disimular coas tradicións de toda a vida; no caso da virxe dos Milagres, a estancia no seu colexio durante oito anos e as sempiternas novenas; no caso de san Salvador, ser o patrón de Baños de Molgas e telo tan á beira da casa que mesmo daban ganas de parolar con el, de ti a ti.