A principal folclorista e cantautora chilena foi sen dúbida Violeta Parra, nacida en Santiago de Chile en 1917 e membro dunha familia de destacados artistas e escritores. Iniciouse cantando e tocando a guitarra coa súa irmá Hilda, coa que formou o dúo Hermanas Parra. Casou dúas veces e tivo catro fillos, ao tempo que forxou unha ideoloxía comunista e cultivou múltiples actividades artísticas, como a pintura, a escultura e a cerámica.

Como folclorista compilou máis de tres mil pezas, reunidas no libro Cantos folclóricos chilenos e interpretou algunhas tan deliciosas como "Casamiento de negros" e "Pedro Urdemales". Tamén cantou poemas do seu irmán Nicanor Parra ("Cueca larga de los Meneses", "El Chuico y la Damajuana", "El hijo arrepentido", "Defensa de Violeta Parra", "La cueca de los poetas") e de Pablo Neruda ("El pueblo"), ademais de compoñer "Verso por despedida a Gabriela Mistral". "Defensa de Violeta Parra" dicía moito dela: "Cuándo vas a acordarte de ti misma / Violeta Parra..."
Actuou e gravou por moitos lugares de América e Europa, instalándose un tempo en París, onde fixo "Una chilena en París" (que cantou en francés) e "La carta" (que denuncia a represión no seu país), onde gravou o nostálxico álbum Recordando a Chile e onde chegou a expoñer a súa arte no Musée des Arts Décoratifs do Louvre. Guiado pola galicista María Lopo achegueime ata o primeiro local latino de París, LEscale, onde cantou, situado na Rue Monsieur-le-Prince, rúa na que ademais morou. Na mesma liña saudosa do álbum citado compuxo tamén "Violeta ausente".
A súa relación amorosa co antropólogo suízo Gilbert Favré, con quen morou en Chile, Bolivia e Xenebra, inspiroulle fermosas cancións de amor e desamor como "Corazón maldito", "El gavilán, gavilán", "Qué he sacado con quererte" ou "Run Run se fue pa'l norte", moitas delas musicalmente moi étnicas. De feito, a súa fonda formación folclórica propiciou que fixese cancións tan excelentes como "El guillatún": "Se juntan los indios en un corralón, / con los instrumentos rompió una canción..."
Cando regresou a Chile, montou un esperanzador centro de cultura folclórica baixo carpa en colaboración cos seus fillos Ángel e Isabel Parra, entre outros artistas, pero non tivo moito éxito. Neste período relacionouse co cantante chileno Pedro Messone e co músico uruguaio Alberto Zapicán, quen lle inspirou a divertida peza "El albertío" e con quen cantou e gravou. Mais, tras reiteradas decepcións amorosas e tras varias tentativas fallidas de quitarse a vida, suicidouse en 1967.
Boa parte das súas composicións foron contestatarias, como é o caso de "Hace falta un guerrillero", "Yo canto a la diferencia", "Por qué los pobres no tienen", "Miren cómo sonríen", "Arriba quemando el sol", "Arauco tiene una pena (Levántate, Huenchullán)" ou "Qué dirá el Santo Padre" (tamén titulada "Julián Grimau" por estar inspirada na execución franquista do citado comunista), denuncias polas que foi frecuentemente censurada por diversas ditaduras. Particular querenza tiven sempre pola peza "Un río de sangre" (titulada tamén "Rodríguez y Recabarren"), na que se choran as emblemáticas mortes de líderes populares, como o congolés Lumumba, o mexicano Zapata, o arxentino Peñaloza e os chilenos Rodríguez e Recabarren, varios deles executados, precedidos do tamén asasinado poeta español Federico García Lorca: "Así el mundo quedó en duelo / y está llorando a porfía / por Federico García / con un doliente pañuelo; / no pueden hallar consuelo / las almas con tal hazaña. // ¡Qué luto para la España, / qué vergüenza en el planeta / de haber matado a un poeta / nacido de sus entrañas!"

Ademais, entusiasmoume coa deliciosa, lúdica e rupturista "Mazúrquica modérnica", que foi cantada tamén polos seus fillos Isabel e Ángel Parra, polo uruguaio Daniel Viglietti, polos arxentinos Claudina y Alberto Gambino e polo español Joan Manuel Serrat. "Mazúrquica modérnica" está escrita con palabras esdrúxulas deformadas non moi distantes do lúdico glíglico ensaiado por Julio Cortázar na súa novela Rayuela, e contén unha graciosísima ironía sobre a función da canción protesta: "Me han preguntádico varias persónicas / si peligrósicas para las másicas / son las canciónicas agitadóricas: / ¡ay, qué pregúntica más infantílica!"
No período final da súa vida compuxo maduras pezas de corte humanístico, como a moi versionada "Volver a los diecisiete": "Volver a los diecisiete / después de vivir un siglo..." E, entre estas obras, encóntrase a famosísima nana "Gracias a la vida", positivo testamento vital, aínda que acaso o seu ton poida reflectir un estado depresivo de despedida, pois foi escrita un ano antes de matarse. Pouco despois foi versionada pola súa filla Isabel Parra, pola española Cecilia e pola arxentina Mercedes Sosa e máis tarde por cantoras (Joan Baez, Chavela Vargas, Elis Regina, Nana Mouskouri, Arja Saijonmaa, Tania Libertad) e cantores (Plácido Domingo, Ángel Parra, Joan Manuel Serrat), de todo o mundo, aínda que con algunhas variacións na letra: "Gracias a la vida que me ha dado tanto. / Me ha dado la risa y me ha dado el llanto. / Así yo distingo dicha de quebranto, / los dos materiales que forman mi canto / y el canto de ustedes que es el mismo canto, / y el canto de todos, que es mi propio canto".
"Gracias a la vida" foi a canción que escollín para concluír o meu poemario A muller sinfonía (Cancioneiro vital), pois dela tomei o título do meu derradeiro poema nese libro, o extenso catálogo poético "Grazas á vida", e o seu lema inicial: "Gracias a la vida / que me ha dado tanto". A propia cantora figura inventariada xunto aos xéneros, ás voces, os cantautores e as cantautoras que máis me acompañaron ou que máis admirei na vida, figurando así xunto a tan "voces infinitas" de muller como as de Miriam Makeba, Melina Mercouri, Om Kalsoum, Nina Simone, Joan Baez, Janis Joplin, Patti Smith, Nina Hagen e Sinéad OConnor.
A obra de Violeta Parra foi cantada por decenas de intérpretes de varios continentes e o seu legado mantido e proseguido polos seus fillos Ángel e Isabel Parra, ambos comprometidos coa esquerda e exiliados durante o pinochetismo. A nai de Ángel e Isabel Parra foi obxecto de moitos homenaxes e tributos, entre eles unha xilografía do artista galego Luís Seoane, e a súa vida foi levada ao teatro e ao cine. O poeta antipoeta Nicanor Parra pediu que no seu funeral soase a música da súa irmá Violeta Parra, desexo que o persoal asistente cumpriu sen permiso eclesiástico na catedral de Santiago de Chile.
No terreo das artes plásticas, Violeta Parra traballou especialmente con estopa, bordando con grosas teas rústicas escenas da vida cotiá, denuncias da inxustiza social e paisaxes da súa terra. Así mesmo, cun estilo naif moi influenciado pola arte popular, tratou dos mesmos temas en pinturas ao óleo e en colaxes de papel maché, como é o caso da peza titulada "Genocidio", sobre a represión das forzas armadas contra o seu pobo. En 1958 realizou un taller de arpillería en Isla Negra e en 1964 expuxo a súa obra en París, pero o seu legado artístico tivo continuidade no colectivo Bordadoras de Isla Negra que fundou Leonor Sobrino de Vera e máis tarde no Taller de Arpilleras Violeta Parra de Quilicura. Pablo Neruda dedicoulle o poema "Elegía para cantar", pero ademais presentou co escrito "Bordadoras de Isla Negra" a primeira exposición destas en 1969 e coleccionou varias das súas obras na súa casa á beira do océano, onde puiden gozar das súas vivas cores e expresivas escenas xunto a Adina Ioana Vladu, sempre amante da artesanía téxtil, que practicaba a súa avoa en Transilvania.
Un gran e espectacular mural colectivo das Bordadoras de Isla Negra fora feito para o edificio levantado polo goberno da Unidad Popular que acabaría sendo o Centro Cultural Gabriela Mistral, pero durante a ditadura pinochetista foi desbotado e non puido ser recuperado e restaurado ata o regreso da democracia. Nel móstrase Chile dende o océano á cordilleira a través da vida traballadora no mar, no campo, na cidade e na mina, mesmo con personaxes reais, como o poeta Neruda cazando bolboretas. En realidade, toda a obra de Violeta Parra, arte, texto e música, parece feita coas mans ademais de coa mente e co corazón, que é como precisamente vin facer, por exemplo, a fermosa e deliciosa tartaleta de kiwi á miña amiga Soledad Villalobos Rodríguez en Potrero Grande, no Maule, pero tamén é como traballaban as Bordadoras de Isla Negra.
En Santiago de Chile achegueime á Sala Museo Violeta Parra, centro folclórico que preserva o seu legado no Barrio Italia, en cuxo patio pode verse un mural co seu retrato. O estalido social de 2019 en Chile provocou danos no edificio que obrigaron a traslados dos seus fondos, actualmente expostos na sede en Quinta Normal do Museo de Arte Contemporáneo por un convenio coa Universidad de Chile. Non obstante, a efixie de Violeta Parra pode contemplarse noutros murais en exteriores e interiores que a homenaxean no mesmo Barrio Italia e tamén no Barrio Lastarria no que morei, lugares onde seguín sentíndome "amante das cantautoras das voces infinitas" e, moi solidariamente, da dela.