Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bombardino do sochantre e Manuel Lourenzo

Meilán García, Antón X. - martes, 26 de agosto de 2025
Só lle faltou tocar o bombardino do sochantre de Pontivy, o señor Crozon, que aínda se conserva no Museo da catedral de Vilamaior. O bombardino só o tocaba o sochantre, a diferenza do órgano, que non só o toca o organista, ou calquera outro cóengo, senón que o tocan todos os días; en cambio, o bombardino por mandato do Bispo e Cabido só se tocaba tres días ao ano: na Navidade, o Domingo de Ramos e no Corpus. Tres festas con música de vento para agasalllar a Xesús. O bombardino do sochantre e Manuel Lourenzo Na miña época xa non se tocaba nin nesas festividades. É por iso, porque era unha teima que tiña Manolo. Sempre que nos víamos, repetíamo: "devezo por tocar o bombardino do señor Crozon, na capela maior da catedral, á man dereita, xunto ao púlpito do evanxeo, enriba dos restos do Mariscal e fillo". E xa tiña en pentagramas a peza musical. Decíame que fixera unha "Alborada, lenta e maestuosa, para Pardo de Cela", e puntualizábame: "alborada" porque o Mariscal se convertera en mito e aínda segue enseñorando na Frouseira, e "lenta e maestuosa" para que chegue ao corazón da xente e finque na súa alma. Nada de foliadas nin pandeiradas, que son para bailar e troulear, non, unha alborada á maneira de Veiga para ferver o sangue e cavilar na Patria. Unha mágoa! Fóisenos sen tocar a Alborada, de seguro que sería unha peza maxistral, como todo o que fixo Manolo. Foi un Mestre como dramaturgo, director teatral e de Revista, literato, recopilador de contos…, polo que, ademais, recibiu varios premios. E xa non digamos como actor; estando un día paseando con el por Mondoñedo, paráronnos varias veces para felicitalo polo seu papel de mariñeiro en "Mareas vivas" ao tempo que lle pedían un autógrafo, e outros decíanlle: "adiós Melgacho". Non me resistín e espeteille: nin que foras Brad Pitt! E contestoume "son un vello pescador de historias, Antón". Todo un referente na cultura galega, coma o lugar onde naceu "O Valadouro", que conserva unha longa tradición cultural: celta, romana, sueva e medieval, época na que transcorreu a historia do Mariscal, que foi a compaña que Manolo levou sempre canda el. E nela deixou o seu testamento. Na súa obra teatral "Pedro e Constanza", cando o Mariscal lle di á filla que vai morrer, Constanza respóndelle "Ti non podes morrer! Os homes coma ti non morren nunca! Van directos á floresta dos herois", e o Mariscal pregúntalle "e onde está iso?", e Constanza contéstalle "No espazo! Nalgures, entre a luz e a sombra, entre o calor e a friaxe! Ves a luz que entra pola gateira? Pois alí, nas súas fontes!", e o Mariscal repregúntalle "Nesa alba ameazante?", e Constanza precísalle "Nesa alba gloriosa!". Aí está Manolo Lourenzo "na alba gloriosa", onde os persoeiros coma el nunca morren, onde xa está Castelao e todos os que citou o de Rianxo na súa "Alba de Groria": inmortais e inmortalizados en figuras de Sargadelos. Alí están xuntiños. E iso que non tocou a Alborada co bombardino do sochantre de Pontivy, o señor Crozon, no presbiterio da catedral enriba dos restos do Mariscal e fillo, porque, fixo, senón daría tamén un bo sochantre, sen dúbida algunha.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES